RECUPERACIÓN HISTÓRICA
Localizan dúas pezas inéditas de hai máis dun século do compositor ponteareano Reveriano Soutullo nun arquivo en Santander
O musicólogo de Ponteareas Marcos Amado vén de localizar un pasodoble e unha composición relixiosa
Asegura: «Soutullo é un músico de banda extraordinario que está moi maltratado»

Reveriano Soutullo, compositor de Ponteareas. / Fdv

O pasodobre «Ponteareas» e «Intermedio» da zarzuela «La leyenda del beso» son dúas obras icónicas do ponteareano Reveriano Soutullo coas que creceu boa parte de Galicia, a que acudía a escoitar as bandas de músicas ás verbenas ou aos palcos. As dúas composicións interpretáronas ou interprétanas nalgúns dos mellores escenarios españois. O destacado compositor galego deixou un legado extenso. Calculan que a base actual ascende a centos de obras pero habería unhas cen máis por atopar. O musicólogo Marcos Amado vén de localizar dúas. Achounas nun arquivo en Santander.
«Atopalas foi unha alegría. O primeiro ao que llo comuniquei foi a Alejo Amoedo. Dá igual os que veñamos detrás, el é a referencia sobre Reveriano Soutullo e confirmoume o descubrimento», resume o musicólogo, de Ponteareas ao igual que o célebre compositor.

Partitura inédita de Soutullo que vén de ser localizada. / Marcos Amado
Amado atópase preparando a súa tese sobre o teatro lírico de Soutullo (1880-1932) e Vert. Ademais de consultar o fondo Garrote, da Real Academia Galega, investigou no arquivo da Banda de Música de Santander.
As pezas atopadas pertencen á etapa «temprana» de Soutullo e son o pasodobre flamenco «Lagartijo» máis a marcha lenta «A la purísima concepción».
Explica Marcos Amado que «hai unha parte importante» do repertorio de Soutullo pendente de localizar. «Os compositores do século XIX -sinala- recibían moitos encargos e tiñan moitas ideas. Na prensa, aparecen moitos títulos de obras que non temos ao día de hoxe. Sabemos de obra que existiu e que se publicou, pero non temos as partituras. Por exemplo, sabiamos que existía ‘Lagartijo’ porque algunha banda a tocara cen anos atrás. Foi unha colaboración con Lorenzo Andreu entre 1904 e 1909 e foi editada nunha das editoriais de Soutullo».
No que respecta a «A la purísima concepción», pensa que a peza foi publicada no 1911. A composición é unha marcha lenta de carácter relixioso que forma un tándem coa súa obra xemelga «Al Santísimo Sacramento». Na Real Academia Galega, no fondo Garrote, apareceron cinco particelas soltas. A maiores, Marcos Amado buscou no Arquivo da Banda de Música de Santander e «grazas ao arquiveiro Pedro Pérez, apareceron as dúas obras completas». Destaca que, co novo material, poderían realizar «unha recuperación sen facer cábalas, sen imaxinar» para que as bandas de música as interpreten.

O musicólogo Marcos Amado. / M.Amado
Amado sinala que a función social da banda experimentou cambios dende o século XIX. Para el, «Soutullo é un músico de banda extraordinario que está moi maltratado. Practicamente só tocan del o Pasodobre Ponteareas e o intermedio de ‘La leyenda del beso’. Entendo que para as bandas é complexo achegarse a repertorio que acaba de aparecer ou é antigo. Os directores das bandas non teñen tempo material para facer todo o traballo» de arranxos.
Estas dúas obras recén localizadas súmanse a outra recuperada o pasado ano: a xota «Entusiasmo de Manón», rescatada por Alejo Amoedo e que é unha peza para piano para músicos non profesionais. Tamén se unen ao arranxo e edición crítica do pasodobre «Carpio», realizado por Amado xunto con Iago Sobrino e que estreou o ano pasado a Banda de Música de Xinzo.
Suscríbete para seguir leyendo
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- Muere una mujer de 60 años tras caer en un pozo y electrocutarse en Vigo
- Travesía de Vigo recupera la normalidad después de que un tráiler bloquease la rotonda con Buenos Aires
- Cangas comienza a instalar vallas en las carreteras en el entorno de las playas para impedir aparcar
- Isabel y Adolfo, de Venezuela a Ourense con sus tres hijos para reabrir un puesto en la plaza de abastos: la inmigración que rescata el comercio en Ourense
- Nigrán concede licencia para un nuevo ‘glamping’ para 215 personas