Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Premios XI Faro da Escola

Un milleiro de nenos xornalistas aplauden o FARO DA ESCOLA nunha gala en Vigo que entregou máis de 90 premios

Os estudantes agradecen participaren na iniciativa do diario decano para os colexios porque lles saca "da rutina" e o profesorado resalta que lles axuda a traballar temas do currículo escolar ao tempo que mellora a lectura, escrita e traballo en equipo

Gala de entrega dos premios FARO DA ESCOLA: unha auténtica festa de vitalidade e xúbilo

Marta G. Brea

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

O proxecto FARO DA ESCOLA, que impulsa o diario decano, faise cada ano máis forte ao convidar a centos de estudantes de Infantil e Primaria de medio cento de centros a crear o seu propio FARO. A entrega dos galardóns da edición 11 desenvolveuse no Pavillón de Navia, Vigo. Alí, un millar de nenas e nenos vibraron cos 91 premios entregados en 34 modalidades.

O acto converteu o espazo nunha auténtica festa con berros de xúbilo cada vez que se anunciaba un premio. Unha edición máis, non o quixo perder o alcalde de Vigo, Abel Caballero; tampouco a vicrepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, que entregaron premios ao igual que outros patrocinadores (Avanza, Vitrasa, FCC e Vegalsa) e das firmas e entidades colaboradoras (Edicións Xerais e CSIC).

A gala comezou cunhas verbas do presentador, Bruno Rodríguez, Director Tecnoloxías da Información en Faro de Vigo, El Correo Gallego y La Opinión de A Coruña. Este lembrou que FARO cumprirá, dentro duns meses, 173 anos e que os colexios San Narciso de Marín e o Compañía de María celebran cen anos neste 2026.

Despois, interviu o director de FARO, Rogelio Garrido. Destacou a importancia do proxecto porque anima o alumnado a preguntar, escoitar e traballar en equipo, así como a pensar e «vivir» no «mundo real» fronte ás pantallas. Aproveitou para agradecer ao profesorado o traballo realizado.Tamén tiveron unhas verbas a vicepresidenta da Deputación así como o rexidor local que pronunciou o seu discurso cara o final.

Os primeiros galardóns foron ás mellores Esquelas con Humor, mellor tira Cómica e Mellor Espazo de Humor. Na mellor viñeta, o primeiro premio recaeu no Colexio Montesol. As alumnas Naomi López, Isis Blanco, Candela Costas, Martín Guisande e Xiana Pujales do devandito centro prepararon unha viñeta para o seu xornal. Sinalaron que lles «gustou moito» participar e destacaron que «o FARO DA ESCOLA sácanos da rutina».

Moi preto delas, as mestras Mari Nogueira e Inma Salgado, do Colexio San Roque, non paraban de sorrir, orgullosas do traballo e dos premios colleitados polos alumnos. En Primaria, traballaron a viaxe de Artemis II mentres que en Infantil fixáronse na actividade realizada cun centro de maiores. «Consistiu en sementar flores e plantas para compartir os coñecementos con eles. Aproveitamos para que os pequeniños fixeran unha nova diso», indicou Salgado.

Para estas profesoras, participar no FARO DA ESCOLA é «superimportante porque traballan a lingua, a escrita, a colaboración en grupo ao traballar de maneira cooperativa. É un instrumento para plasmar os contidos da clase, é unha forma de facelo de maneira vivencial e cun produto final».

Traballo extra para as profesoras pero moitos beneficios

Desde o Colexio Miralba Xesuitinas, a mestra Elinor Cal recoñeceu que participar na confección do seu propio FARO é xa unha «tradición». Engadiu que supón un esforzo para o profesorado xa que a maior parte do traballo é extra, fóra da aula. En canto aos beneficios no alumnado, recoñeceu que repercute porque traballan sen darlles nada por feito.

Os alumnados afanáronse en realizar novas, reportaxes, entrevistas, portadas, pasatempos, incluso esquelas pero con humor, viñetas, infografía e fotos. Peculiar foi a proposta do Colexio de Chans, Bembrive, para os pasatempos polos que levaron o segundo premio. Roi Nogueira e Candela Carregal, de cuarto de Primaria, sinalaron que fixeron xeroglíficos, sopa de letras, labirintos para atopar un ramo de lavanda e un encrucillado. Para eles, era a primeira vez que participan no FARO DA ESCOLA e pareceulles «interesante». «Ademais viñemos aquí e gañamos varios premios aínda que ao principio pensabamos que non iamos levar ningún», resaltaron.

Outro centro con varias distincións foi o Igrexa Valadares. A profesora que máis se volcou no FARO do centro foi Ana Regueiro quen seguía atenta a gala. «Estamos supercontentas porque os nenos este ano puxeron moita interese en facer o xornal. Está xenial porque traballan todo. Fan investigación, entrevistas... Desenvólvese a creatividade. É unha actividade que se pode integrar en case todas as materias», sinalou. Por exemplo, Abril Rial, de oito anos, colaborou na nova do Museo da Alimentación; mentres que Iago Martín investigou sobre unha profesora deportista.

Dende o CEIP Laredo, en Chapela, a profesora e xefa de estudios Ana Ruiz aproveitou para explicar que traballaron ao redor do mar e do traballo mariñeiro. O centro tamén conseguiu varios galardóns, entre eles, o da mellor portada, que lembrou á do histórico «Never mind» de Nirvana.«O proxecto do FARO DA ESCOLA sempre é unha motivación para nós», concluíu poucos segundos antes de que o alcalde pechara o acto cun discurso.

Abel Caballero y Luísa Sánchez, en un momento del evento.

Abel Caballero y Luisa Sánchez, en un momento del evento. / Marta G. Brea

Caballero: «Quiero que presumáis de estudiar y hacer deporte»

Abel Caballero, alcalde de Vigo, participou na gala do FARO DA ESCOLA. Estivo arroupado por responsables do Concello como a tenente de alcalde, Carmela Silva. Na súa alocución para pechar o acto, solicitou unha cousa á audiencia cativa: «Quiero que presumáis de estudiar y hacer deporte. Hay que presumir de estudiar. Estudiar es muy importante».

Tamén fixo referencia á importancia do FARO DE VIGO na prensa española ao sinalar que é o periódico máis antigo en España.

As súas verbas ao longo do discurso foron recibidas con alaridos dos escolares que aplaudiron o rexidor.

Resaltou o excelente traballo que fixeron para os seus xornais. De feito, louvou as portadas e outros elementos.

O mandatario vigués aproveitou tamén para dar a benvida aos estudantes procedentes doutros municipios diferentes de Vigo. «Os queremos», sinalou.

Para os lugareños, resaltou a importancia de coidar a urbe olívica e destacou tamén o traballo das mestras e mestres co alumnado de Primaria e Infantil dentro do proxecto do FARO DA ESCOLA.

O alcalde vigués non perde a ocasión nunca e ante un auditorio tan nutrido de xuventude lembrou que en poucas semanas van comezar os concertos de Castrelos con artistas galegos, estatais e internacionais polo que convidou aos novos xornalistas escolares a acudir ás actuacións.

«Os quiero ver a a todas y a todos en Castrelos», berrou, o que foi respondido con xúbilo por parte da cativada.

Por suposto rematou coa frase de louvanza ás familias, que «son las mejores del mundo», ao tempo que destacou a cidade e os éxitos deportivos do Celta e doutros equipos.

«Tenemos los mejores equipos de deporte del mundo, mejores que los de Madrid, Barcelona y A Coruña. ¡Viva Vigo!», resaltou para recibir de resposta unánime «Viva», así en dúas ocasións máis.

Luisa Sánchez: «Os habéis convertido en auténticos periodistas»

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, destacou onte na gala de entrega dos premios do FARO DA ESCOLA que o humor fainos cambiar a perspectiva da vida, polo que agradeceu que tivera importancia nos xornais escolares realizados.

No discurso que ofreceu na fase inicial da gala, recoñeceu a política supramunicipal que lle gustan moito as viñetas, sobre todo aquelas que lle fan rir e pensar.

Aproveitou para «celebrar» o traballo realizado polos pequenos no proxectos do FARO. Tamén lles facilitou unha mensaxe aos escolares: «Os habéis convertido en auténticos periodistas, con mirada crítica».

Destacou o traballo dun colexio na entrevista a Susana García Gacio, deportista campioa da que lembrou que se está recuperando dunha operación.

Luisa Sánchez recordoulle aos nenos a importancia do deporte e do lecer. Como exemplo, citou cando hai un tempiño atrás participou nas Olimpiadas de Teis onde xogou ao xadrez con algúns cativos. Indicou que de seguro algún estaría na gala do FARO.

Aproveitou para destacar a importancia de traballar en equipo na escola, como lección de cara o futuro. Precisamente a colaboración é importante para sacar adiante un xornal, tanto escolar como profesional, xa que son diversas persoas e seccións as que están entrelazadas e cooperando.

Luisa Sánchez, na parte final do discurso, enviou unha mensaxe moi importante á cativada presente no Pavillón de Navia e participante do FARO DA ESCOLA. Recalcoulles unha petición, «seguid contando historias».

Precisamente, ese foi o seu labor nos últimos meses cando tiveron que decidir que novas redactar, que temas investigar, con que persoas falar e como enfocar as informacións que finalmente conformaron o medio cente de faros escolares que foron rematados.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents