Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Begoña Caamaño, xornalista de trincheira e de primeira liña

María Xosé Porteiro presenta este xoves en Vigo a biografía da homenaxeada nas Letras Galegas dende a perspectiva da profesión que ambas compartiron

Begoña Caamaño e Sefi García no alto dunha escaleira de bombeiros en Vigo, 1989.

Begoña Caamaño e Sefi García no alto dunha escaleira de bombeiros en Vigo, 1989. / Delmi Álvarez/ Arquivo de Sefi García

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Rescata unha anécdota que dá conta do seu carácter como profesional. «Nunha folga de bombeiros en Vigo, eles estaban nunha zona alta do parque de Teis e os xornalistas abaixo agardando co magnetófono para tomar declaracións. Non daban baixado e Begoña Caamaño díxolle a Stefi García: 'Pois eu subo!' Colleu o magnetófono e alá foi pola escaleira, seguida por Stefi e, detrás, Magar. Chegada a unha altura, deulle vertixe e tivo que baixar un bombeiro a rescatalas, foi nese momento cando Bego lle enchufou o magnetófono medio mareada e finalmente consegue as declaracións con Stefi e Magar fai unha foto. Deste momento tamén hai unha imaxe que toma Delmi Álvarez que se recolle no libro. Que define esta anécdota da personalidade dunha xornalista? É fantástica!».

Acompañada da irmá de Begoña, Beatriz Caamaño, a xornalista María Xosé Porteiro presenta este xoves en Vigo, ás 19.30 horas no Ateneo, a biografía «Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía», que dá conta da homenaxeada nas Letras Galegas dende a perspectiva da profesión que ambas compartiron, unha faceta na que se fixo especial fincapé ao longo deste ano con motivo da celebración do pasado mes e Porteiro valorou positivamente, se ben recoñece que «se tivera máis obra publicada, é posible que pasara máis desapercibida».

Unha ollada á profesión dende dentro

Asumir a escrita desta biografía foi todo un «reto» para María Xosé Porteiro, quen á hora de abordar á Begoña Caamaño xornalista sinala que era «unha entrevistadora espectacular e tamén moi preocupada pola cuestión sindical». Neste senso, a escritora viguesa apunta que «ela estaba recén chegada á profesión e nos anos 80 xa estaba na mesa central do congreso sindical de información de Galicia. É de destacar que sendo unha muller tan nova, recén chegada, xa se situara tan en primeira liña, o que se ratifica posteriormente cando acaba como presidenta do comité de empresa estando na Radio Galega, sendo ademais unha das que con maior virulencia denuncia o que acontecía na radio pública coa crise do Prestige. Begoña non só se preocupaba polo que acontecía fóra, senón que miraba á profesión dende dentro, o cal foi moi valente».

María Xosé Porteiro coa súa biografía sobre Begoña Caamaño.

María Xosé Porteiro coa súa biografía sobre Begoña Caamaño. / Xoán Rey/ EFE

María Xosé Porteiro distingue entre dúas etapas da Begoña xornalista, a de Vigo e a de Santiago. Así, a autora analiza que «en Vigo ela foi unha xornalista de trincheira, estaba na rúa, nas manifestacións, nas movidas do narcotráfico, traballando en información laboral, social, case como unha guerrilleira, igual que o resto das súas compañeiras de profesión. Logo, cando pasa o proceso de selección e entra na Radio Galega, aí xa é cando se dedica máis a unha información de estudo, cultural e na que tamén exerce un preciosismo. Era unha persoa rápida, pero tamén moi esixente co resultado do que escribía ou facía, sempre buscaba o máximo nivel de calidade».

Ao longo da biografía, Porteiro fai un repaso non só polas contribucións da autora das Letras Galegas 2026 á profesión, poñendo o foco en reportaxes como na que analizaba a situación das xornalistas nos 90, senón que tamén se centra na relación entre xornalismo e literatura, así como nos seus discursos. A este respecto, Porteiro indica que «Begoña participou en moitos eventos internacionais representando a Mulleres Nacionalistas Galegas, en cumios en Canadá, Brasil, etc, e a olla internacionalista e a pureza e eficacia dos seus escritos son propios dunha xornalista de altísimo nivel», conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents