Memoria histórica democrática
María Vázquez, mestra pioneira, admirada e fusilada
A catedrática da USC Aurora Marco, quen hai tres meses prestou declaración para que a docente galega figure no censo oficial de vítimas do franquismo, presenta hoxe en Vigo a biografía que achega nova información sobre a socialista 90 anos despois do seu asasinato

María Vázquez, no centro, na escola de nenas da Pobra do Caramiñal no ano 1926. / Cedida

«Mª Vázquez Suárez. Era tan mala, irascible y roja, que hubieron de fusilarla en los primeros momentos los Nacionales por el peligro que constituía». É a anotación sen asinar que figura no expediente de depuración da renovadora pedagóxica e pioneira socialista María Vázquez, procedemento incoado catro anos despois de fusilala, logo de ser levada ao cárcere de Pontedeume, só a efectos administrativos e con «demoledores» informes rubricados polo alcalde, o comandante e o párroco.

María Vázquez cos seus pais, A Coruña, 1918. / Cedida
Con documentos, fotografías e testemuños inéditos, cando están a piques de cumprirse 90 anos do asasinato da mestra pioneira María Vázquez por parte dos franquistas, a catedrática da USC e experta na recuperación da memoria de mulleres galegas, especialmente daquelas que foron represaliadas, Aurora Marco presenta esta tarde no Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo, ás 19.00 horas, unha completa biografía sobre a docente galega que achega nova información sobre a súa figura.
Foi en 2023, nunha homenaxe que lle dedicaron en Miño, cando Aurora Marco tomou a decisión de escribir sobre María Vázquez, logo de ver a fonda pegada que a mestra deixou e que perdurou nas xeracións posteriores ás súas alumnas: «Dela só coñeciamos a etapa da República, de 1930 a 1936, cando é asasinada, por iso quixen recuperar toda a súa traxectoria, o cal foi moi difícil, porque non había información familiar dado que foi filla única e non tivo descendencia», conta a catedrática.
Foi a primeira muller que falou en público en Miño e deu mitins nas Terras do Eume e Ferrolterra con grande éxito de asistencia
Neste senso, Aurora Marco explica que María Vázquez iniciou a carreira de Maxisterio en 1909, obtendo dúas titulacións, a de Elemental e Superior. «A Pobra do Caramiñal foi o seu primeiro destino e nesta etapa, de 1918 a 1930, xa deu mostra da defensa dos dereitos femininos, xa que trasladou ás mulleres as ideas de que tiñan que ser autosuficientes, procurar o seu traballo e o seu futuro para non depender de ninguén, tal e como me contou a filla dunha exalumna», sinala Marco, engadindo que «no arquivo municipal atopei sobre ela informes do inspector de zona no que se recollía que o seu labor era ‘altamento satisfactorio’, cunha media de 60 alumnas por aula, o cal foi obxecto de distinción».
A súa etapa en Miño
Co inicio da década dos anos 30, María Vázquez pasa a exercer a docencia en Miño e a súa proxección conta con tres eixes: «Na educación foi unha renovadora pedagóxica, na defensa das mulleres pasa a colaborar con dúas asociacións destacadas como foron a Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispanoamericanas e a Agrupación Republicana Feminina, e tamén destaca a súa relevante actividade político-sindical, pois logo de afiliarse ao PSOE, con cargos orgánicos na agrupación de Pontedeume e sendo cofundadora do PSOE en Miño, algo insólito daquela, foi a primeira muller que deu mitins na zona, mitins de afirmación republicana, socialista e agraria, e con grande éxito de asistencia. Era moi querida e admirada», enumera Marco.

Anotación no expediente de depuración de María Vázquez incoado catro anos despois de asasinala en 1936. / Cedida
Toda esta actividade foi motivo para que os franquistas tiveran a María Vázquez no punto de mira e, tras o golpe de Estado, non só é detida e encarcerada, senón que en palabras do enterrador: «O que fixeron con ela foi un escarnio». A este respecto, Aurora Marco logrou entrevistar a unha muller de 90 anos que dá conta da versión da veciñanza que lembra que a violaron, a vexaron e mesmo que lle cortaron os peitos, antes de ser fusilada o 19 de agosto de 1936.
A autora do libro «María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo» apunta que «o mesmo día que pola lle fan entrega do oficio de destitución do seu labor como docente, esa mesma noite, foi asasinada. Así mesmo, engado no libro algo incomprensible, que é que catro anos despois de ser asasinada foi iniciado o seu expediente de depuración con fins, única e exclusivamente, administrativos, é dicir, para xustificar o asasinato administrativamente».
Reparación moral
Aurora Marco asegura que este libro está achegándolle moitas satisafaccións, pero sen dúbida a máis «importante» é que o pasado 16 de marzo de 2026 compareceu no xulgado de Ferrol ante a fiscala de Dereitos Humanos e Memoria Democrática para «dar testemuña durante dúas horas e entregar a documentación pertinente, posto que deron comezo as dilixencias procesais do expediente de xurisdición voluntaria para o recoñecemento de María Vázquez como vítima da ditadura, así como a súa reparación moral, que aínda que sexa simbólica resulta fundamental», relata a catedrática, quen conclúe facendo referencia a que «seguramente este ano terá lugar o xuízo e María Vázquez pasará ao censo oficial de vítimas do franquismo, de maneira que en todos aqueles rexistros e arquivos onde proceda aparecerá a verdade, que foi asasinada por razóns ideolóxicas e por ser unha docente moi relevante, tamén por motivos relixiosos, xa que levou a cabo un enterro laico coa súa nai».
Suscríbete para seguir leyendo
- La gallega Tatiana Badiola de 33 años, entre las primeras beneficiadas por las ayudas de la ley ELA: «Ahora empieza otro desafío; convertir ese derecho en cuidados reales»
- El perro más bello del mundo es de Vigo y se llama Hugo Boss: «Lo mejor que tiene es la expresión de la cara, es precioso»
- La Xunta acelera, con varios camiones, la mudanza de la Casa do Mar al nuevo centro de salud de Moaña que abre sus puertas el lunes
- Aduanas incorporará a su base de Vigo una patrullera de casi 40 metros incautada el pasado verano en el Estrecho
- El Concello de Vigo veta la celebración de conciertos en la terraza de A Laxe por ser «bien patrimonial» de Zona Franca
- Ya son trece las playas de la provincia de Pontevedra a las que podrás acudir este finde para refrescarte con tu perro
- Muere un motorista en un accidente en Barro
- Cangas se opone a los dos campamentos de turismo en O Hío, respalda las alegaciones vecinales y tiene constancia de un tercer proyecto