As doulas e os cafés da morte chegan a Galicia para rachar o tabú do máis alá
Rosa González e Laura Gómez son dúas doulas da morte galegas. Acompañan a xente que vai morrer ou á que vai perder un familiar. Formáronse en Cataluña cunha asociación. Nos Estados Unidos, ata hai universidades que ofrecen esta instrucción. No rural galego, tempo atrás, había unha figura: a que sabía recomendar a alma.

A sociedade cada vez vive máis de costas á morte. / PABLO HERNANDEZ GAMARRA

Hai anuncios nas pantallas que chocan. Un deles é o dos Death Café, cafés da morte, encontros distendidos para falarmos do paso ao alén. Na Galicia, Afundación xa ofreceu uns poucos este ano nos seus Espazos +60. A Federación de Librarías tamén anuncia os que se desenvolven na libraría Leria en Bertamiráns, Ames (A Coruña), onde unha doula da morte ofrece unha tertulia ao redor deste tema.
Son propostas que contrastan coas mensaxes das nosas xanelas dixitais sobre como vivir máis tempo e mellor, como afastar o máximo posible o encontro co deceso.
Vivimos de costas ao destino irreversible: algún día deixaremos de respirar. Xa a finais dos anos 80, o profesor universitario e antropólogo galego Marcial Gondar recollía no seu libro «Romeiros do alén» (Xerais) a opinión de varios autores que concluían que «a sociedade occidental lle virara as costas á morte ata o punto de convertela nun dos seus tabús fundamentais».

A doula da morte Rosa González. / R. G.
Impacta nunha sociedade como a galega, ancorada durante séculos nos ritos ao redor da marcha definitiva deste mundo. Para Gondar, había dúas causas do cambio: a «intensificación do sentimento de individualidade e a velocidade da innovación tecnolóxica». Case 40 anos despois, agudizáronse.
Así, vivimos como se nunca fora chegar ese momento e cando ameaza con presentarse en nós ou nalgún ser querido, colapsamos, non sabemos como afrontalo na maior parte dos casos.
O caso de Nicole Kidman
Aconteceulle á actriz Nicole Kidman cando hai dous anos faleceu a súa nai. Nos momentos nos que agonizaba, a intérprete e a súa irmá pensaban que oxalá houbera persoas que puideran acompañar nese transo a outras. Tanto lle impactou que decidiu formarse en doula da morte para axudar a outras persoas nesa situación.
En Estados Unidos, mesmo hai estudos universitarios para esa finalidade como os que ofrece a Universidade de Vermont onde dan clases durante oito semanas. Esta figura é un fenómeno in crescendo que impulsou á Universidade de Glasgow, en Escocia, a crear grupos de traballo para estudar este «importante e novo fenómeno». Desde esta institución académica, sinalan que «o coidado dos que están morrendo é unha prioridade crítica da saúde pública».
Na Galicia, xa existe a figura da doula da morte. Laura Gómez e Rosa González sono. Ambas formáronse coa catalana Gemma Polo, que veu vivir a Galicia para acompañar os seus netos galegos, a súa filla e o seu xenro.
No caso de Rosa González, a idea de ser doula da morte naceu a raíz da morte da súa nai, unha muller cun problema de saúde polo que podía morrer de súpeto ou tardar anos en facelo. Toda a familia coñecía a situación. Cando chegou a etapa final, os servizos médicos avisaron a familia de que lle quedaban horas de vida. «Yo hice una negación absoluta. Pensaba que mi madre no podía estar muerta», comenta esta catalana afincada na Galicia.
Doula tras un shock «brutal»
Para ela, o «shock» foi «brutal». «Aún no nos habíamos creído lo que estaba ocurriendo y ya estábamos con el tema de los servicios funerarios. Lo recuerdo como un momento horroroso», engade.
Rosa comezou a plantexarse preguntas como que lle está a pasar á nosa sociedade no relacionado coa morte ou por que lle estabamos virando as costas. «Así, cuando años después leí sobre las doulas de la muerte que hablaban de acompañar en el momento, de hablar de ella, de ponerla en nuestra vida, decidí formarme para ser una de ellas», resume.
Agora, é unha das persoas que organiza Cafés da Morte na Galicia. A ela, encantaríalle que cando a súa nai ingresou no hospital para pasar as súas últimas horas, unha doula lle dixera que se despedira dela, que aproveitara o tempo e non negase o momento. «También me hubiera gustado que frenara a los de la funeraria, porque aquello fue muy invasivo. Fue un trato desde la perspectiva más capitalista», agrega.
Nos Cafés da Morte que organiza, as persoas asistentes falan da defunción en todas as súas dimensións. Para esta doula, vivimos nunha sociedade á que á morte lle xenerou «un tabú tan grande» que o único que fai é evitala. Por iso, nestes coloquios, a xente fala de cousas que mesmo non comparte coa súa familia.
A idea destes cafés naceu no 2011 en Londres da man de Jon Underwood. Cando faleceu no 2017, a súa nai, Susan Barsky, decidiu continuar con esta iniciativa que ao final foi exportada a diferentes países.
Estes cafés non son a única función da doula. Esta figura traballa en moitísimas dimensións. Pode acompañar a persoa que está morrendo ou que sabe que vai morrer. Tamén pode facer de ponte coa familia e explicar que quere esa persoa no tempo que lle queda ou para a cerimonia do adeus.
A doula non debe ser a protagonista, senón que debe transmitir á familia os desexos da persoa para que se cumpran. Moitas veces, non se atreven a comentar aos familiares os seus últimos desexos. Outra posible función é intermediar cos servizos fúnebres ou asesorar nas partes máis administrativas como a solicitude do certificado de defunción. «Al final es cuidar a todo el entorno», sinala.

LAURA GOMEZ, DOULA DA MORTE EN GALICIA. / Xoán Álvarez
Outra doula da morte que opera na Galicia é Laura Gómez. Ao igual que Rosa González, formouse con Gemma Polo en Cataluña hai un ano. O seu interese por esta figura naceu dun xeito peculiar: «Eu nunca escoitara doula da morte pero un día acordei pola mañá con esa expresión na cabeza. Busquei na internet e vin que Gemma Polo ofrecía formación en Girona. Pensei: ‘Isto é para min’. E apunteime».
Na formación, explican un decálogo de aspectos que se comprometen a pór en práctica coa divulgación e o activismo dunha nova cultura da morte. «Queremos traer a morte ás nosas comunidades, non que quede reducida aos ámbitos hospitalarios e funerarios. Non representamos ningún dogma nin sistema de crenzas. Acompañamos sen impoñer as nosas ideas, respectando o que queren as persoas que están no proceso de finalización da vida», resume Gómez.
Así, caracterízanse pola «escoita activa e a presenza compasiva do que a persoa e os familiares precisan». Ademais, ofrecen un acompañamento integral para soster a persoa e o seu núcleo tanto emocional, como física e enerxéticamente pero fóra das competencias médicas.
«A figura da doula non substitúe nin as figuras sanitarias, nin os coidados paliativos nin as psicólogas. Cubrimos os ocos que estas partes non cobren ou que cobren parcialmente. Por iso, nunca interferimos nas tarefas clínicas ou medicalizadas», puntualiza Laura Gómez.
De momento, ningunha das dúas doulas da morte galegas coas que conversamos tiveron que acompañar a unha persoa moribunda. O seu facer, ata agora, foi acompañar persoas no proceso do dó.
No caso de Laura Gómez, que traballa con Afundación nos Espazos +60 de Compostela nos programas emocionais dos Cafés da Morte, a formación de doula da morte foi un complemento máis.

LAURA GOMEZ, DOULA DA MORTE EN GALICIA. / Xoán Álvarez
Iniciarse como doula non foi complexo para ela xa que estaba formada en terapia Gestalt e intervención creativa de arte-terapia.
Recoñece que vivimos «nunha cultura da superficialidade» ao redor da morte. Acompañamos no sentimento a quen perdeu alguén, pero agardamos que pronto se recupere cando «o proceso do dó dura ao redor de dous anos».
Lorena Gómez e Rosa González forman parte da Red Doulas de la Muerte de Gemma Polo, na que se atopan ao redor de medio cento de doulas en activo no Estado español, todas formadas por Gema Polo. Esta explica que a súa motivación vén de pequena pola doenza da súa tía e a morte de seu pai aos 13 anos. Lembra que, para protexela, non lle comunicaron que tiña o seu pai. Ao non poder despedirse del, xerminou nela unha «semente»: facer algo «algún día» para mudar esta relación coa morte na sociedade.
Aclara que as doulas da morte van máis alá do acompañamento nos últimos momentos. Ofrecen unha ollada «educativa» e de transformación sobre como vivimos a morte na sociedade.
No seu caso, si que acompañou xente que sabía que ía falecer. Formada como doula nos Estados Unidos, comezou a recibir moitas propostas que non daba atendido. Foi aí cando comezou a pensar na posibilidade de formar outras persoas. Aclara que non busca crear unha profesión senón ampliar coñecementos previos. Así, acoden a ela facultativos, enfermeiras, especialistas en paliativos ou outros expertos.
Na súa carreira, lembra un caso que lle tocou de xeito especial, o dunha nai con tres fillos que aos 45 anos lle diagnosticaron un cancro. Tras unha primeira crise na que estivo a piques de morrer, contactou a Gemma para prepararse para a morte xa que tivera moito medo. A vida agasallounas con dous anos para que tanto ela, como os fillos e o seu compañeiro puideran afrontar unha morte «en paz».
Ademais da rede de Gemma, en Galicia, tamén atopamos a asociación, con sede en Lugo, Vivir para Bien Morir, que tamén ofrece acompañamento no difícil transo.
Recomendar a alma
O antropólogo galego Manuel Mandianes recorda que a actual figura da doula da morte existía en certa maneira na Galicia rural ata os anos 70. Eran as que recomendaban a alma. «Despois de que a persoa moribunda recibise o sacramento, esta muller lía a ‘Recomendación da alma’ poñendo ao enfermo unha vela na man e un crucifixo da casa no peito. Eu lembro que isto se facía en Loureses (lugar de Ourense onde naceu). En todos os pobos, había unha e se non a había, chamaban a da outra parroquia para que fora», rememora.
Os textos sagrados que lía reuníanse nuns devocionarios que incluían oracións ao pé da cama para persoas que estaban morrendo ou en coma.
Mandianes sinala que coñece «moitas culturas diferentes, coñecinas persoalmente, e teño que dicir que os ritos funerarios son practicamente os mesmos en todas as partes. Non son unha invención cristiá. Son símbolos e signos dirixidos ao morto para que teña unha boa viaxe».
Lembremos o filme «Samsara» do vigués Lois Patiño, premiado na Berlinale, o protagonista da primeira parte acudía a unha casa onde morría unha persoa para lerlle «O libro tibetano dos mortos», Bardo Thodol.
Asegura Mandianes que nesta época de modernidade e velocidade que vivimos, «coa secularización do mundo e do pensamento, a xente vai prescindindo das crenzas no máis alá. Aínda así teño asistido a funerais laicos, nos que hai discursos, oracións, mensaxes... Son símbolos e expresións que levan consigo a crenza da supervivencia desa alma». n
Suscríbete para seguir leyendo
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos
- La familia de una joven que sufrió un traumatismo craneoencefálico grave reclama al Sergas ampliar la rehabilitación
- Giro del Supremo con los proyectos eólicos paralizados: el tribunal ya no garantiza el derecho a conectarse a la red
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- Así será el futuro hotel balneario de As Caldas, con categoría 5 estrellas, vistas al Miño, servicios de salud termal, ocio y restauración
- Irlanda certifica que los parques eólicos pueden «convivir» con nasas o palangre pero lo descarta con redes de arrastre
- Radiografía de los centros comerciales de Vigo: entre la plena ocupación y la reinvención para buscar un punto de inflexión
- Un juez de Vigo da la razón a una vecina y anula una sanción por cambio de uso de trastero a vivienda sin licencia