Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Presentación literaria

Antón Beiras reúne nun libro 60 dos seus artigos publicados no FARO

O selo editorial LuscoFusco da Editorial Elvira reúne en «Hay que destruir a Cartago» as súas columnas de opinión no suplemento «Estela» do diario decano

María Lado, Antón Beiras e Xabier Romero, na presentación do libro onte.

María Lado, Antón Beiras e Xabier Romero, na presentación do libro onte. / Pablo H. Gamarra

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

O avogado e economista Antón Beiras Cal vén de publicar o libro «Hay que destruir a Cartago», un volume editado polo selo LuscoFusco da Editorial Elvira. Nel, reúne máis de 60 artigos que publicou na suplemento dominical «Estela» do FARO DE VIGO. O editor, Xabier Romero, resaltou dos escritos: «Non poden deixar indiferente a quen os le».

A presentación foi onte no local de Évame Oroza na cidade olívica. Comezou falando Romero –que onte estivo de aniversario ao cumprir 61 anos– quen indicou que «é un pracer coller estes artigos» e lelos no xornal en papel. «Axudan a entender moitas cousas que acontecen» en eidos como o cultural, o económico ou científico.

Pola súa parte, a poeta María Lado resaltou que os escritos de Beiras Cal supoñen «un rexistro da memoria da historia do noso presente».

Tanto ela como o autor percorreron algúns dos artigos-ensaios do «Estela». O primeiro sobre o que falaron foi publicado en maio do ano 2020 baixo o título de «Un plan Marshall para una tormenta perfecta».

Nel, o autor defendía a resposta do Goberno español á situación económica de crise pola pandemia e a parálise da actividade. Fronte a voces expertas que defendían que o executivo debía incrementar impostos, Beiras defendía o contrario. Para entender o seu posicionamento, viaxou atrás no tempo.

Presentación do libro "Hay que destruir a Cartago", de Antón Beiras en Vigo.

Presentación do libro "Hay que destruir a Cartago", de Antón Beiras en Vigo. / Pablo H. Gamarra

No 2008, comezaba unha crise brutal en España e boa parte de Europa irradiada dende os Estados Unidos. Nese ano, Jean Claude Trichet, presidente do Banco Central Europeo naquela altura, anunciou nunha pomposa rolda de prensa que esta entidade financieira aprobaba a suba dos tipos de interese tras anos de baixadas. Esta medida contribuíu, segundo Beiras Cal, a que no 2011 houbese unha recesión que demostrou que «as políticas do BCE contribuíran a a agravar a crise».

Cando aconteceu a pandemia do coronavirus, explicou, que as autoridades financieiras fixeron o contrario: inxectaron bonos para que a xente conservara o seu emprego. Esta inxección de liquidez terá que ser pagada polas xeracións vindeiras pero non só pola actual como aconteceu coa crise do ladrillo.

No segundo artigo do que falaron na conversa en Évame Oroza, «La variante omicron. La avaricia rompe el saco», facía referencia á división do mundo en decembro do 2021 entre os países que tiñan a súa poboación vacinada en varias tandas contra o coronavirus e os estados, sobre todo do sur do planeta, que tiñan unha cobertura moi reducida entre a súa xente.

Antón Beiras recordou que «un virus é unha máquina bioquímica. Nós vacinámonos constantemente pero o virus evolucionaba. Replicábase ao entrar nunha célula» e acabar co ADN desta. Ao replicarse, o virus acababa mutando. «Nós, ao vacinarnos tanto, deixamos un espazo para a evolución do virus que nos devolveu unha versión máis potente e menos influenciable polas vacinas», sinalou. n

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents