Club FARO
Manuel Bragado: «O celtismo que eu entendo é unha forma de vida»
«O Vigo F. C. foi concibido como unha disciplina deportiva e cultural, iso é algo que o Celta está recuperando de forma extraordinaria nesta etapa», afirmou o colaborador de FARO

De esquerda a dereita, Xabier Romero, Antón Álvarez, Manuel Bragado e Guada Guerra, onte, no salón de actos do Museo MARCO. / Alba Villar

Co himno «Oliveira dos cen anos» soando de fondo, o editor, mestre e activista cultural Manuel Bragado fixo a súa entrada onte no salón de actos do Museo MARCO para presentar o seu libro «Afouteza celtista. Gramática do fútbol celeste», un volume que compila os seus textos publicados en FARO DE VIGO sobre o Real Club Celta nas últimas tres décadas, un traballo sobre o que conversou co editor Xabier Romero e co xornalista Antón Álvarez, integrante do consello de administración do club vigués e pai de C. Tangana.
Guiados pola xornalista Guada Guerra, Manuel Bragado comezou a súa intervención en Club FARO afirmando que «o celtismo que eu entendo é unha forma de vida, hai que gozar das alegrías que temos e tamén encaixar algún que este fracaso», para a continuación engadir que «da orixe deste libro tivo a culpa Ceferino de Blas (exdirector de FARO), un gran periodista desta cidade, porque foi quen no estadio, acompañado de Fernando Gallego, me preguntou se eu non escribía do Celta, o que xa viña facendo nas páxinas dominicais. Con ese aguillón que me meteu Ceferino empecei a facer unha crónica de 300 palabras do partido ao que asistía como espectador e socio de Río, e daquela colaboración inicial, agora son artigos extensos de 800 palabras. De aí foi de onde naceron estes textos e logo tiven a fortuna de contar con Xabier Romero, quen se atreveu a publicar estas 300 páxinas de celtismo literario».
Pola súa banda, o propio Xabier Romero destacou de «Afouteza celtista» que «non é unha crónica dos últimos anos do Real Club Celta, senón que é unha crónica da cidade, da xente, do fúbtol, son textos sobre o que nos fai sentir, unha forma de estar no mundo e de interese non só para calquera celtista, senón para todo o mundo. O que fai Manolo en ‘Afouteza’ é un privilexio para nós». Así mesmo, Antón Álvarez expuxo que «Manolo descoñecía que tiña un admirador en Madrid» e contou ao público asistente á presentación que «eu era un vigués na diáspora e todos os luns, en Madrid, nada máis prender o ordenador abría FARO e comezaba por Deportes, lía a crónica de Juan Carlos Álvarez e deixaba para o final a de Bragado. E logo xa saltaba da crónica ás súas Brétemas. A primeira hora dos meus luns era así, sempre co Celta e con Bragado».

Manuel Bragado, / Alba Villar
Neste libro pretendía ofrecer unha gramática do fútbol celeste que explicase en que consiste ser do Celta
Un sentimento compartido
O autor do libro «Afouteza celtista», quen comentou que «neste libro pretendía ofrecer unha gramática do fútbol celestes que explicase en que consiste ser do Celta», explicou que foi grazas ao seu pai, quen foi un «rapaz do comercio», viaxando polas Rías Baixas, que aprendeu que «o celtismo non era só ser de Vigo, senón que era un sentimento compartido en toda Galicia e, na actualidade, en todo o mundo. O que máis me impresiona de hoxe en día son os millóns de seguidores que ten o club en Tik Tok, é algo extraordinario porque son celtistas por vontade propia, que escolleron e simpatizaron con ese carácter dun club que quere ser fiel á súa identidade e á dos fundadores».
Neste senso, ademais de asegurar que o Real Club Celta «somos un club que merecemos un título», un artigo que para Manuel Bragado está pendente por escribir, o escritor apuntou que «o grupo fundador do Vigo F. C. era un grupo que se chamaba Arte e Sport, é dicir, foi concibido como unha disciplina deportiva e cultural, e iso é algo que o Celta está recuperando de forma extraordinaria nesta etapa. Non sei se verei o título, pero supoño que se continuamos por este camiño, podemos aspirar a conseguilo», concluíu o editor.
A xornalista Guada Guerra puxo o foco na creación do himno «Oliveira dos cen anos», creado por C. Tangana, como un dos elementos chave para acadar a excelente comuñón existente na actualidade entre afección e club, especialmente no que respecta aos valores identitarios, transcendendo a celebración do centenario do Real Club Celta. A este respecto, sinalando que non hai que esquecerse de entoar «A Rianxeira», Manuel Bragado destacou que «é un himno extraordinario e emocióname cada vez que comeza un partido en Balaídos. Esa suite de C. Tangana, cos seus intervalos e cunha estrutura de recorrencias musicais, é chulísima, pero sobre todo eu creo que acerta no texto: esa frase de ‘na ledicia son celeste, celtista no padecer’, que xa é historia do Celta, penso que dá co ADN do Celta e creo que contribuíu a ese novo fenómeno de que mozos e mozas volveran ao estadio».
Por alusións, Antón Álvarez, pai de C. Tangana, asegurou que un dos aspectos máis admirables do papel que xogou o seu fillo en «Oliveira dos cen anos» foi, «ademais da creatividade e da capacidade que tivo, a súa dose de xenerosidade á hora de compartir a súa autoría con tantísimas persoas e como incorporou á xente da cultura galega. É un himno para a xente».
Suscríbete para seguir leyendo
- Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro habilita una zona específica para pacientes de salud mental
- Condenan a la CIG a pagar 15.000 euros a una trabajadora por negarle la reducción de jornada para el cuidado de sus dos hijos
- El Concello de Cangas coloca grandes piedras en la zona de playas para impedir el aparcamiento de turismos y autocaravanas
- Povisa ficha al doctor Manuel Ruibal para impulsar la cirugía robótica con el sistema Da Vinci Xi
- Povisa sufre su mayor fuga de usuarios con casi 8.000 solicitudes de salida en el mes de elección de hospital
- El Celta arrancará la próxima temporada con más espectadores en las gradas de Balaídos: el Concello de Vigo anuncia una importante novedad en el estadio
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Profand deja ver por fin el viejo Banco de Galicia: la joya de Pacewicz reaparece en pleno centro de Vigo