Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

RENOVACIÓN NO CONSELLO DA CULTURA | Dolores Vilavedra Presidenta do Consello da Cultura Galega

Dolores Vilavedra, nova presidenta do Consello da Cultura: «Se queremos sobrevivir como cultura e país ten que ser co galego»

«Non creo que ningunha muller da miña idade poida dicir que chegou onde chegou sen loitar contra todo tipo de atrancos materiais e inmateriais por ser muller»

ENTREVISTA A DOLORES VILAVEDRA COMO NOVA PRESIDENTA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA.

ENTREVISTA A DOLORES VILAVEDRA COMO NOVA PRESIDENTA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA. / Xoán Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

A viguesa Dolores Vilavedra vén de ser elixida como a nova presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG). Filóloga de formación e profesora universitaria é consciente da importancia da institución e do compromiso máximo que requere a súa presidencia. Nesta conversa con FARO, fala da súa relación co galego, de como naceu a arela de estar á fronte do CCG, do que podería facer o ente ante a lea do CGAC e de como viviu como muller a súa carreira.

-Vostede comezou a falar galego dende nena ou é neofalante?

Eu crieime en Vigo [na zona dos Choróns, límite entre o combativo barrio de O Calvario e o centro máis urbano] pero con moito contacto coa familia da miña nai que era toda galegofalante. O galego estivo moi presente na miña vida dende o principio. Educáronme como castelán-falante fundamentalmente pola escola. Eu son un deses exemplos nos que se ve o peso da escola nesas etapas e como pode interferir no ámbito familiar. Naquel momento, ningunha nena urbana en Vigo tiña moitas posibilidades de non ter o castelán como primeira lingua. Logo tiven a sorte de ir ao Colexio Martín Códax onde se cultivaba moito a cultura e a lingua galegas. Faciamos teatro en galego, ensinábannos a lingua. Logo fun ao instituto público que tamén era sensible á lingua.

-Logo comezou a ser galegofalante na universidade.

Creo que foi paulatino. Como adolescente, vas conquistando espazos de uso. Xa na universidade o ambiente foi máis estimulante.

DOLORES VILAVEDRA, NOVA PRESIDENTA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA. FOTO, NUNHA DAS BIBLIOTECAS DA ENTIDADE NA SÚA SEDE NO OBRADOIRO DE SANTIAGO.

DOLORES VILAVEDRA, NOVA PRESIDENTA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA. FOTO, NUNHA DAS BIBLIOTECAS DA ENTIDADE NA SÚA SEDE NO OBRADOIRO DE SANTIAGO. / XOÁN ÁLVAREZ

-Ser filóloga foi a paixón da súa vida ou dubidaba?

Dubidei un pouco coa Historia. Interesáronme ambas disciplinas. A min, interésame a historia da Literatura. Tíveno claro dende sempre porque fun moi lectora, moito de escribir.

-Vostede presentou a única candidatura para presidir o Consello. Pode interpretarse como un sinal bo de que hai entendemento? Ou é como nas comunidades de veciños que é necesaria a presidencia pero agardamos que outra persoa se ocupe dela?

Creo que as dúas cousas. A decisión de presentarse requIre estar disposta a presentar un proxecto. Non pode ser unha decisión improvisada: hai que construír un equipo e require compromiso porque tes que dedicarlle uns anos da túa vida nos que o Consello é a túa máxima prioridade profesional. Non é unha decisión fácil de tomar. Eu empecei a pensar en dar este paso cando membros do pleno me comezaron a comentar a posibilidade. O mecanismo de elección é moi aberto. Aquí, preséntante persoas. Membros do pleno deciden que ti poderías ser idónea para levar adiante a institución. Pídenche autorización para presentar a túa candidatura. A min, preguntáronmo hai dous anos.

-Por que ao final se presentou?

Porque houbo persoas que mo pediron, porque confiaban en min e porque confío nelas. Iso faiche pensar: se persoas que estimas con alto valor intelectual, humano e profesional cren que o podes facer ben, iso refrenda a túa autoestima. Pensas que igual podes facelo. Coñezo moi ben a institución porque traballei en ámbitos diferentes, polo que me gustou pensar nun proxecto para ela.

-Tralo pleno onde resultou elixida, sinalou que fará un traballo continuista respecto a anterior presidencia pero algunha idea nova traerá...

Claro, claro, eu non renuncio á continuidade porque son membro do equipo directivo da presidenta, Rosario Álvarez. Son a súa vicepresidenta; fun a súa secretaria. Subscribo ao 100% o proxecto de Rosario. Dito isto, eu son unha persoa diferente, cun talante diferente. É cuestión de prioridades e novos escenarios. O mundo cambia a unha velocidade impresionante. Hai unha crise nas formas de consumo cultural despois da pandemia que nos obriga a repensalo todo. Hai unha crise do coñecemento que ten que ver coa desinformación e coa banalización. Por outra parte, a intelixencia artificial obríganos a repensar o propio concepto do recoñecemento. Ese vai ser o gran desafío do meu mandato.

DOLORES VILAVEDRA, NA SEDE DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA.

DOLORES VILAVEDRA, NA SEDE DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA. / XOÁN ÁLVAREZ

-No 2033, a institución cumpre medio século pero se segue a baixar a transmisión da lingua en 70 anos xa non farán falla nin o Consello da Cultura nin a RAG.

Unha compañeira no pleno sinalaba o optimismo como ferramenta para cambiar o mundo. Polo tanto, a ferramenta para mudar a situación non é o desánimo, o desalento, senón a convicción da razón, a convicción de crer no sentido radical que ten a defensa do galego como a defensa do que somos. Se queremos sobrevivir como cultura, como país, como comunidade temos que sobrevivir cunha lingua propia. Na defensa da lingua, vai implícita a defensa da nosa existencia futura. Polo tanto, temos que afrontar a defensa do idioma dende o optimismo.

-Hai unha porcentaxe de xente á que lle dá igual.

As estatísticas debuxan un panorama preocupante de perda de falantes pero detectamos que a reacción social foi enérxica; detectamos inquietude e un certo compromiso maior en determinados ámbitos. Esa é unha razón para a esperanza.

-Con que mensaxe entra para Alfonso Rueda e o conselleiro de Cultura en canto á lingua?

A canle de comunicación está aberta permanentemente. A mensaxe é o documento que fixemos a partir do Foro Un país coa súa lingua que organizamos. O Consello fixo os deberes axiña. Ese documento téñeno as autoridades políticas cunha batería de medidas que se poden aplicar xa e cun custo mínimo. Non requiren cambios legais. O Goberno traballa no seu documento e, polo que nos din, vai incorporar as medidas que propoñemos. Estamos esperando que o fagan público para coñecer a folla de ruta. Tamén quero dicir que non hai unha panacea, non hai unha variña máxica. O cambio ten que vir da interacción de mecanismos de cambio en actos diferentes. A vantaxe do Consello é que é un ente autónomo cuxo estatus vén definido no Estatuto de Autonomía de Galicia.

-Está o galego utilizado como loita partidista?

A cuestión da lingua neste momento está nunha situación o suficientemente delicada e complexa como para pensar que sería positivo liberala de presións engadidas.

DOLORES VILAVEDRA, TRAS COÑECER QUE VAI SER A NOVA PRESIDENTA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA.

DOLORES VILAVEDRA, TRAS COÑECER QUE VAI SER A NOVA PRESIDENTA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA. / XOÁN ÁLVAREZ

-Unha plataforma de artistas pide ao Consello que se pronuncie sobre o nomeamento da nova directora do CGAC e o procedemento seguido pola Xunta. Están en desacordo; ven falta de transparencia. Vostede indicou que o CCG manterá unha reunión pasado o verán para tratar o tema. As artistas piden que sexa antes.

O Consello non opina, non é un órgano opinativo. O que fai é avaliar, analizar e propor. No 2018, xa fixemos unha diagnose e un catálogo de boas prácticas, «Informe sobre a provisión de postos directivos no ámbito cultural». Vemos desde hai tempo unha tensión irresoluta entre poderes públicos e organismos culturais no relativo á xestión e directiva. Non é un problema exclusivo de CGAC e de Galicia. Nós queremos crear encontros co sector.

-Dende a extrema dereita criticaron que vostede se presentara a presidenta do Consello por ser a muller do presidente da RAG. Acúsanos de concentrar «o poder cultural». Voces da esquerda nacionalista vén «conflito de intereses». Que di ao respecto?

A RAG e o Consello son dúas institucións que non teñen nada que ver. A Academia é un ente privado; o Consello é un ente público que depende do Parlamento e dun pleno ao que a presidenta rende contas cada tres meses. É o pleno o que ten que observar ese posible conflito de intereses que eu non acabo de visualizar. Nun plano persoal, Henrique Monteagudo e eu somos dúas persoas que levamos moito tempo traballando na cultura galega. Sempre preservamos espazos de liberdade individual. Agora coincide que estamos os dous en espazos moi visibles. Pasa noutros ámbitos. Paréceme que dado o carácter das dúas institucións non hai conflito de intereses; é unha fantasía e unha visión que denota unha maneira de entender as relacións de parella un pouco rancia. Parece que está implícito que as persoas nun matrimonio teñen que pensar o mesmo.

-Considera que por ser muller tivo atrancos na súa carreira?

Non creo que haxa ningunha muller da miña idade que poida asegurar que non tivo atrancos, non creo que poida dicir que chegou onde chegou sen loitar contra todo tipo de atrancos materiais e inmateriais. Constanto que segue a ser así. Teño unha filla que acaba de ser nai e vive, como vivín eu no seu momento, múltiples complicacións para levar adiante unha vida profesional activa.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents