Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xenealoxía papal

Arranca a busca de familiares vivos do Papa no Porriño para un posible encontro

O arquiveiro de Tui e investigador resalta: «Teño Torneiros e todo o municipio revolucionados; agora todo o mundo quere ser parente de León XIV»

O Papa León XIV, no Vaticano días atrás.

O Papa León XIV, no Vaticano días atrás. / VATICAN MEDIA HANDOUT

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

vigo

O arquiveiro de Tui, o sacerdote Avelino Bouzón, leva dende o ano 1994 á fronte do Arquivo histórico da diócese de Tui-Vigo. Este acolle milleiros e milleiros de páxinas sobre os nacementos, defuncións e matrimonios anotados a man polos párrocos durante séculos. Trátase dun tesouro documental no que calquera persoa pode buscar información dos seus antergos. Este relixioso asesora e axuda a cada persoa que acode ás dependencias. Quen se achegue verá a porta branca do Arquivo e outra enorme de madeira escura para a Sala Capitular. Sobre esta, dous anxos pintados sosteñen un blasón. Estes anxos, de seren reais, non pararían de dar chimpos estes días coas súas ás. Vén de pasar algo espectacular e algo inda maior está por acontecer: Avelino vén de dar coa familia galega de León XIV no Porriño e xa procura familiares vivos.

«A miña ilusión é chegar a coñecer xente viva na actualidade con vínculos, relación sanguínea, co Papa. Agora, está fácil conseguilo», explica coa satisfacción na voz Avelino Bouzón.

O sacerdote sinala que é doado porque vén de rematar e publicar unha primeira parte da investigación. «Fixemos un estudio xenealóxico ascendente partindo da nai do Papa. Comprobamos que un antepasado de Torneiros (O Porriño) emigrou a Cuba e alí casou para pasar a Estados Unidos», resume. Trátase de Benito Bastos Lorenzo que marchou á illa caribeña no século XVII. En La Habana contraeu matrimonio en xaneiro de 1677 con Antonia González Vázquez», resume.

O Papa, no Vaticano, nunha homilía.

O Papa, no Vaticano, nunha homilía. / ANGELO CARCONI

Na procura da familia de Pura Bastos Lago

Agora, a segunda parte consiste en realizar a xenealoxía descendente. Esta consiste en seguir o parentesco colateral a partir de Benito Bastos Lorenzo. «Este tivo catro ou cinco irmáns. Collemos un deses irmáns que tivo familia e que veñen sendo parentes del. (...) A última que nace aquí é de 1913, Pura Bastos Lago. Os fillos desa persoa probablemente tiveron familia e poden aínda vivir. Os netos desa persoa polo menos teñen que estar vivos. Aínda non os coñezo pero teño doado coñecelos», sinala o arquiveiro.

Este recoñece que «teño Torneiros e todo O Porriño revolucionados. Agora todo o mundo quere ser parente do Papa. Hai historias moi bonitas e simpáticas. Hai algunha persoa de Torneiros que poida dicir que a súa bisavoa era Pura Bastos Lago? Estou agardando que alguén mo diga. Se ninguén mo di, vouno conseguir igual porque xa o estou buscando».

Obxectivo: un reencontro familiar

Nesta fase, os libros onde ten que procurar non se atopan no Arquivo diocesano en Tui senón nos tomos parroquiais que consultará pronto na súa totalidade. A Avelino Bouzón úrxelle. Confesa que ten «unha ilusión».

«O meu obxectivo é coñecer eses familiares vivos co sangue da familia do Papa para reunilos, falar con eles e facer un grupo. Polo menos, quero que se fagan unha foto e lle dean un saúdo para transmitirllo ao pontífice, para que se coñezan», confesa.

El está seguro de que o corazón de León XIV gustará de ese ‘encontro’. A través duns amigos agustinos, o contido do seu primeiro artigo sobre a súa ascendencia galega xa lle chegou a Robert Francis Prevost. «Ao estar pronto en España, en Madrid, acabará sabendo que aínda ten parentes no Porriño. É bonito para el e para a xente. O mellor sería que os coñecera, que puidera falar con eles, que se poidan saudar», arela o sacerdote galego.

Porén, non cre que lle dea tempo de dar coas persoas, falar con elas e argallar algo para a visita á capital española programada entre o 6 e o 9 do vindeiro mes de xuño.

O Papa saúda os fieis e o público no Vaticano.

O Papa saúda os fieis e o público no Vaticano. / ETTORE FERRARI

Coa mente no Ano Santo do 2027

O que realmente lle gustaría ao arquiveiro de Tui é que o reencontro familiar se celebrara nunha hipotética visita a Compostela polo Ano Santo do 2027. «Sei que están traballando moito para que o Papa veña a Galicia. Se fora así, xa temos feito o que teño en mente», calcula Bouzón.

O arquiveiro explicou que tomaron a liña do apelido Bastos por ser a máis doada pero habería outros parentes colaterais que perderían o apelido pero serían igualmente familia. Se un irmán de Benito Bastos Lorenzo tivo unha filla e esta casou, os fillos xa perden o apelido Bastos. «Para avanzar máis na busca, apostamos por un apelido fixo e que tivera descendencia. Así non nos dispersamos. Esa é unha xenealoxía directa», engade.

O relixioso galego non agocha outra das súas arelas: dibuxar o mapa xenealóxico de León XIX onde a rama galega (hai outra canaria) tería unha parte destacada.

Avelino Bouzón resaltou que nesta carreira xenealóxica conta co apoio dun equipo que comprobou dato por dato «con lupa de cirurxán».

Unha investigación a raíz dunha biografía

En canto ao inicio da investigación, recordou que partiu dunha biografía do Papa actual. Cando Avelino era novo estudou uns anos en Roma para especializarse en Historia. Alí foi condiscípulo xunto a un sacerdote agustino de León. «Co tempo, mantivemos o contacto. E en xaneiro do ano pasado mandoume unha foto cunha biografía do Pontífice que fixo outro leonés. Comecei a ler a obra de Rafael Lazcano e nas primeiras páxinas xa poñía que tiña na súa xenealoxía antecedentes galegos e mencionaba O Porriño. Entre os familiares de América, nomeou Benito Bastos Lorenzo. Con eses datos, empecei a buscar no Arquivo. Con boa sorte, probei coa parroquia de Torneiros. Coa boa fortuna, atopei que o señor fora bautizado alí no 1646. Comezamos a tirar do fío e comprobamos que era antecesor da familia da nai do Papa», conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents