Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

O libro «Do baile da gaita á muiñeira» explora as orixes desta peza como símbolo identitario galego

O musicólogo redondelán Julio Alonso achega nun ensaio o proceso que leva á construción da muiñeira como elemento de pertenza do pobo galego, para o cal a prensa, os libros de historia e as novelas de costume xogaron un papel chave á hora de artellar a narrativa escollida polas elites

Presenta o libro o vindeiro sábado, día 30 de maio, en Cántigas da Terra, na Coruña

O licenciado en Musicoloxía e doutor en Filosofía Julio Alonso.

O licenciado en Musicoloxía e doutor en Filosofía Julio Alonso. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Un estudo sobre a muiñeira dentro do contexto global para achegarse polo miúdo á súa conformación como elemento de carácter identitario do pobo galego. É o que sintetiza o musicólogo e doutor en Filosofía Julio Alonso no libro que vén de publicar en Galaxia, «Do baile da gaita á muiñeira», un ensaio que parte da tese de doutoramento que defendou no ano 2024 baixo o título «Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (século XVII-XIX)», no marco da liña de investigación «Antropoloxía sociocultural. Teorías e aplicacións».

O tamén profesor no Conservatorio Profesional de Música (CMUS) de Vigo explica que o obxectivo do dito ensaio é, «dende o marco teórico da antropoloxía, abordar o proceso que leva á construción da muiñeira como peza identitaria, un proceso que se dá no século XIX, pero do cal eu procuro os antecedentes para estudar de onde vén e por que se escollen estas pezas, é dicir, tratando de contextualizala dende o século XVII ata que se consolida como símbolo identitario de Galicia na música».

Julio Alonso apunta que a súa investigación bebe de fontes de música instrumental de carácter cortesá, «que é cando, a partir do século XVII, se empezan a recoller pezas do ámbito popular como as 'jácaras' ou os 'canarios', e aí aparece unha que se denomina 'gaita' ou 'gaita galega'. Estudando estas pezas que aparecen para guitarra, para arpa, é cando empezo a ver que tiñan un paralelismo coas características das muiñeiras posteriores», destacando o docente que, logo de localizar máis de 30 pezas, artellou o discurso que dá título ao libro, pois sinala que «'baile de gaita' ou 'gaita galega' é como se coñece a esta peza na península, fóra de Galicia, pero aquí vai ter outros nomes. O primeiro que detecto é o de 'chouteira' e logo xa o de muiñeira, é dicir, son denominacións autóctonas de Galicia».

Consolidación

E como acontece o proceso de consolidación como símbolo identitario da muiñeira? O musicólogo redondelán detalla que en Galicia «existían outras músicas e incluso pezas que se comparten co resto da península, pero no século XIX, o século do Romanticismo, dos nacionalismos, das construcións identitarias, cada rexión fai unha escolla dos elementos cos que se sinte identificada. No caso de Galicia, en relación coa música, esta narrativa artéllase arredor de tres pezas ou xéneros dentro do ámbito musical: a muiñeira, o alalá e as alboradas. Estes repertorios son cos que se van identificar as elites do século XIX, facendo a escolla e determinando os elementos identitarios, quedando a partir de aí consolidados xa».

Portada do libro 'Do baile da gaita á muiñeira'.

Portada do libro 'Do baile da gaita á muiñeira'. / Galaxia

Para erguer a dita narrativa e afianzar a muiñeira como un dos símbolos de pertenza do pobo galego, Julio Alonso identifica tres axentes que xogan un papel chave. Así, o docente do CMUS de Vigo indica que «fundamentalmente crean este discurso a prensa, os libros de historia, que eu estudo en profundidade na última parte do meu traballo, sobre todo os publicados durante o século XIX, e tamén as novelas de costume, que recrean o folclore da época, incluíndo tamén a música entre outros elementos».

En canto ás clases populares e a asimilación da muiñeira como un símbolo de seu, o musicólogo reflexiona sobre o feito de que «van estar influídas pola narrativa das elites, pero é que para elas a muiñeira ou o alalá, por exemplo, son as músicas que tocan, cantan e bailan. É a súa música, non teñen a necesidade de atribuírlle unha característica especial ou facer diso un símbolo». Neste senso, Alonso afonda en que «no século XX, cando se levan a cabo as recollidas de música, son os folcloristas os que lle outorgan o carácter de que un cantar é valioso, porque as persoas nas aldeas cantan o que saben, para elas é algo natural, é a súa música».

Con respecto á actualidade, Alonso analiza que «o paradigma construtivista continúa, a música non só é música, senón que vai ligada a un discurso, a unha narrativa e a un carácter identitario que segue funcionando hoxe en día. Que un determinado grupo ou intérprete chegue a consolidarse ou a establecerse, a ter éxito, non só está relacionado coa súa música, senón por todo o que a rodea: a persoa, o discurso que ten, os valores que defende... Hai toda unha narrativa que é o que lle dá o valor especial. No caso das Tanxugueiras, Fillas de Cassandra e outros moitos grupos, non só é que incorporen elementos da tradición mesturados con elementos de modernidade, senón que arredor hai artellado un discurso e dá lugar ao que vivimos actualmente».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents