Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

O Consello da Cultura Galega renova a súa presidencia: a profesora e investigadora viguesa Dolores Vilavedra, única candidata

A votación será este mércores e na mesma xornada entrarán como membros do pleno da institución Susana Reboreda, Eduardo Corbelle Rico e Ramón Nicolás

Vilavedra é filóloga especializada na narrativa galega e vencellada á editorial Galaxia

Dolores Vilavedra e Rosario Álvarez (1d), nun acto no Consello da Cultura Galegas.

Dolores Vilavedra e Rosario Álvarez (1d), nun acto no Consello da Cultura Galegas. / Xoán Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

O Consello da Cultura Galega muda de presidenta. Este mércores, a institución celebra un pleno extraordinario para elixir a persoa que tomará o relevo de Rosario Álvarez. Dende a entidade, confirman que só hai unha única candidata: a viguesa Dolores Vilavedra.

Rosario Álvarez foi elixida presidenta no ano 2008. A lei establece que cada mandato debe durar catro anos e que só hai posibilidade de renovalo nunha ocasión. Foi o que lle aconteceu a esta membro tamén da Real Academia Galega (RAG). Tras oitos anos na presidencia, agora xa non pode optar a unha segunda renovación.

Voto secreto o mércores pola tarde

Este mércores, o plenario para a elección da nova presidencia vano celebrar pola tarde e dende o Consello agardan que antes das 19.00 horas estea a elección celebrada. As persoas do plenario do CCG que acudan terán que votar cunha papeleta nunha urna. O obxectivo é celebrar uns comicios secretos. Así o estipula a lei que rexe o Consello da Cultura Galega. A persoa que resulte elixida só precisará a maioría simple dos votos.

Dolores Vilavedra, no centro, nunha rolda de prensa en Galaxia para a presentación da novela do premio do 75 aniversario.

Dolores Vilavedra, no centro, nunha rolda de prensa en Galaxia para a presentación da novela do premio do 75 aniversario. / ALBA VILLAR

Filóloga nacida en Vigo e vencellada a Galaxia

Dolores Vilavedra é unha filóloga e profesora universitaria nada en Vigo no ano 1963. Na Universidade de Santiago (USC), imparte aulas de Literatura galega. É doutora pola USC tras defender unha tese sobre a polifonía da novela galega dirixida por Anxo Tarrío.

Foi directora do «Anuario de Estudios Literarios Galegos» e ademais coordinou o «Dicionario da literatura galega» (Galaxia). Tamén foi membro do consello de redacción da revista «Grial».

No seu currículo, hai que fixarse tamén nas publicacións ao redor da historia da literatura galega, da novela galega contemporánea ou sobre epistolarios de sinalados escritores ou intelectuais como Álvaro Cunqueiro e Carballo Calero. Asemade foi tradutora de obras de Manuel Rivas, Lobo Antunes, Pirandello ou Amélie Nothomb, entre outros.

Dende o 2024, é coordinadora da sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega onde participou na comisión técnica para a elaboración do informe sobre o «Himno galego».

No terreo persoal, hai que engadir que no seu fogar familiar levan décadas a traballar en relevantes institucións galegas. O seu marido é o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.

Novos membros do pleno

Por outra parte, o pleno extraordinario de mañá mércores tamén inclúe a entrada como membros do plenario da institución a historiadora viguesa e profesora na Universidade de Vigo Susana Reboreda, o enxeñeiro de montes Eduardo Corbelle Rico e Ramón Nicolás. Este último é profesor no IES Castelao de Vigo ademais de escritor.

O Consello da Cultura Galega é xunto á Real Academia Galega unha das principais institucións na Galicia na defensa da lingua e da cultura galegas. As dúas entidades teñen como fin velar pola boa saúde do idioma polo que precisan nas súas fileiras xente que loite polo idioma neste momento de caída da transmisión interxeneracional.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents