Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

A artesanía tras a escenografía da música galega

Lara Caeiro é a profesional que nos últimos anos vén imprimindo a súa visión artística nos videoclips de grupos como Mondra, Fillas de Cassandra, Loita Amada, A banda da loba, Rebeliom do Inframundo, Ortiga ou Laura LaMontagne, entre outros

A directora creativa e escenógrafa achega polo miúdo o proceso de creación de ecosistemas visuais que leva a cabo, un traballo que xa lle valeu varios recoñecementos nos Mestre Mateo

Lara Caeiro axeitando o vestiario de Mondra para «Marimondra»,  Mestre Mateo 2025 ao Mellor Videoclip.

Lara Caeiro axeitando o vestiario de Mondra para «Marimondra», Mestre Mateo 2025 ao Mellor Videoclip. / Aigi Boga

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Pintar a man as caixas para recrear unha froitería no set de gravación, coser todos e cada uns dos vexetais e froitas que logo armarían un corpiño e incluso levantar e pintar paredes, todo un proceso artesano e coidado de creación artística para atinar co ecosistema visual que mellor vista á música galega para a cámara. Son só algúns exemplos do que as mans e a visión de Lara Caeiro veñen achegando nos últimos anos aos videoclips de grupos como Mondra, Fillas de Cassandra, Loita Amada, A banda da loba, Rebeliom do Inframundo, Ortiga ou Laura LaMontagne, entre outros, un traballo que cociña a lume maino en cada proxecto, que apenas loce uns minutos en pantalla e que cómpre unha posta en valor, pois á directora creativa e escenógrafa xa lle valeu varios recoñecementos nos Mestre Mateo.

Xornalista con especial debilidade polo audiovisual e a comunicación, foi logo de finalizar un posgrao en empresas e moda cando comezou a agromar nela un interese especial pola faceta máis creativa do vestiario e da escenografía, o que levou a Lara Caeiro a iniciar pequenos proxectos de videopoesía e videoarte. Foi Loita Amada a primeira banda que se fixou no talento de Lara Caeiro e apostou por ela para un videoclip profesional, se ben a estilista e escenógrafa non esquece aos primeiros que confiaron na súa visión artística para a dirección de videoclips antes de que se dedicara a tempo completo ao audiovisual, lembrando con especial agarimo o traballo efectuado en «Voráxine», de Maiko, e tamén un proxecto para Jaco: «Penso que nestes traballos, nos que comecei sen medios tan profesionais, é nos que mellor se pode ver a evolución e eles foron os primeiros en confiar dende o principio en min para a rodaxe de videoclips», apunta a directora de arte.

De videoclip en videoclip, en apenas tres anos, Lara Caeiro pode afirmar hoxe que dedica todo o seu tempo ao sector audiovisual apuntando que se ocupa da «dirección de videoclips, intentando traballar en proxectos con perspectiva feminista, histórica e tamén vencellada ao mundo queer, co que me sinto moi identificada. Gústame que os proxectos nos que traballo garden unha narrativa coa que conecte», engadindo que a dirección de arte, de escenografía e vestiario «é para o que máis me chaman, para a creación de ecosistemas visuais, e tamén é o que máis me gusta».

Diversidade de estilos

Lara Caeiro non dubida á hora de sinalar cales foron os proxectos que máis lle marcaron até o de agora e o primeiro que menciona é o de «Marimondra», que en 2025 acadou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip. Así, a directora creativa explica que «Mondra non me coñecía de nada e chamoume para a escenografía, o cal foi un verdadeiro reto, porque estaba eu soa para a montaxe, vestiario,... Foi unha loucura en pouquísimo tempo, pintando a man as caixas da froitería, cosendo cada froita do corpiño, pero podo dicir que é do traballo do que estou máis orgullosa, tanto polo que significa ‘Marimondra’ como pola creación artesanal do vídeo, porque colaboramos con deseñadoras locais galegas, poñendo en valor o talento emerxente de aquí. Gocei moitísimo e gústame moito traballar con Mondra, porque coida moito os procesos, penso que é un dos mellores artistas que hai no país».

A directora de arte tamén fai alusión ao proxecto de «Hibernarse», para as viguesas Fillas de Cassandra, co que este mesmo ano repetiu Mestre Mateo ao Mellor Videoclip pola súa «artesanía visual».

Así mesmo, Lara Caeiro destaca o traballo creativo que elaborou recentemente para Rebeliom do Inframundo, con motivo do lanzamento do disco «Orgulho», afirmando que «foi o mellor proxecto que fixen este ano». Neste senso, a creadora comentou que «foi outro reto importante, porque a priori diría que non é o meu estilo, pero é que conectei moitísimo con eles, son xente marabillosa e fun capaz de entender o que querían transmitir coas cancións. Fixen a dirección de arte cun equipo estupendo e o resultado é moi distinto ao que adoito facer, pero para min tamén foi unha oportunidade de aprendizaxe porque, por exemplo, recorrín a un tipo de cine ao que nunca acudira e encántame o resultado».

Detrás de toda a composición dos ecosistemas visuais, Lara Caeiro defende o proceso artesanal que agochan, «non sempre tan valorado», sinalando que «para poder falar de proceso artesán cómpre poñer a atención no propio proceso: non todo vale na creación artística, para min son fundamentais os procesos lentos, a investigación e o estudo das propostas».

É por isto que a directora de arte menciona que «cando eu traballo nun videoclip cunha época histórica concreta, procuro empaparme desa historia para comprender as referencias, entendendo tamén que as artes son disciplinas que conectan entre si. Entender os conceptos e estes procesos son para min parte fundamental dese traballo artesanal», conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents