Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Santiago Lopo Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

«Quero insistir en que as linguas son esenciais para manter unha cultura»

«Agardo que esta novela anime á xente máis nova a ler en galego» , indicou o autor vigués tras acadar o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil convocado por Xerais

O escritor vigués Santiago Lopo.

O escritor vigués Santiago Lopo. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

O escritor, profesor e tradutor vigués Santiago Lopo vén de sumar o Premio Jules Verne a unha traxectoria literaria na que xa figuraba o Premio Xerais de Novela de 2017 por «A arte de trobar»

-Cal é a historia detrás de «A lingua dos grifóns»?

-É un libro de fantasía que está baseado na resistencia cultural dun continente enteiro. Creei un mundo que se rexe por unhas regras máxicas e no que hai unha civilización máis avanzada tecnoloxicamente e que se aproveita doutra menos avanzada, dos seus recursos mineiros. Os protagonistas son unha poeta e o seu irmán, que son orfos e son expulsados do orfanato, recibindo un convite para ir a un lugar que é a capital do seu continente, onde se lles dará unha misión que consiste en tentar solucionar os problemas que está sufrindo o seu continente, que se chama Anterga.

-Bebe da realidade que atravesamos.

-Si, da realidade que vivimos. Eu nesta novela quero insistir en que as linguas son esenciais para manter unha cultura e, dende o seu punto de vista, a lingua vertebra un pobo. En certa maneira quería explicar como para a resistencia e a loita, aínda que ás veces sexa moi complicado opoñerse a pobos que son máis poderosos, sempre hai unha maneira. No libro os protagonistas van contar ademais coa axuda da maxia, que en realidade se basea na forza da palabra, para solucionar os problemas que están vivindo.

-Que supón que a súa fose escollida como obra gañadora do Jules Verne?

-Para min é un grande orgullo, porque ademais eu fun un gran lector de Xulio Verne cando era novo, tanto das aventuras de Verne coma doutros autores clásicos e tamén dos máis contemporáneos de fantasía e ciencia ficción. Sempre quixen escribir un libro deste estilo. Normalmente eu facía novela para adultos, de feito hai 9 anos gañei o Xerais de Novela con «A arte de trobar», e esta é a primeira vez que escribo este tipo de historia, pero eu sempre digo que as miñas novelas están abertas a todo tipo de públicos. A xente á que lle gusta ler o que quere é evadirse e esta é unha novela de aventuras que tamén agocha unha segunda lectura, que tamén pode satisfacer bastante a un público adulto porque aparecen unha serie de animais fantásticos que están sacados de bestiarios medievais. Ademais, tamén xoguei moito coas linguas, as mal chamadas linguas mortas, as desaparecidas, tanto na toponimia como nos nomes dos personaxes ou en termos fundamentais da novela; esas linguas están presentes e son linguas que desapareceron. Este xogo, unha especie de diálogo co lector, agardo que funcione.

-Transcende o epígrafe de «literatura xuvenil».

-Si, eu sempre dixen que o importante é que a literatura nos faga vivir outras vidas, imaxinar outros mundos. É certo que este tipo de literatura, a fantasía, ten moita forza para isto, porque non hai regras: podes crear mundos e personaxes novos. Neste tipo de novelas, a imaxinación pode ser desbordante e eu sempre digo que a imaxinación pode ser unha arma de creación masiva.

-Como profesor, considera que sería unha boa ferramenta para facer lectorado entre a mocidade?

-Eu agardo que a novela anime á xente máis nova a ler en galego e espero tamén que anime á xente máis nova a facer unha reflexión sobre a importancia do que comentaba anteriormente, da lingua como elemento esencial da cultura e tamén sobre como a lingua pode axudarnos a crear un mundo, a mantelo e a respectar unha cultura. Neste punto en concreto, si que penso que vai haber unha reflexión ao respecto por parte das persoas que lean o libro, porque as palabras e a lingua son unha compoñente fundamental do que acontece na historia, é a parte máis orixinal da novela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents