Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Ivana Gómez Abuín Premio Merlín de Literatura Infantil

«Necesitaba escribir unha historia que me reconciliase coas que eu lía de nena»

«Quixen facerlle unha homenaxe ao meu primeiro grupo de alumnos», afirmou a lucense que vén de facerse co Premio Merlín de Literatura Infantil convocado por Xerais

Ivana Gómez Abuín.

Ivana Gómez Abuín. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Premio Merlín de Literatura Infantil convocado anualmente por Edicións Xerais recaeu este ano na mestra lucense Ivana Gómez Abuín por «A banda da Albóndega», un debut literario que combina a emoción dos libros clásicos de misterio e aventuras cunha mirada fonda e agarimosa á memoria, á amizade e ao poder das historias. A novela constrúe un universo sensorial cheo de detalles —os cheiros da lonxa, as camisolas con mensaxe, os diálogos chispeantes— que sitúan o lector dentro da vila e fan que cada escena se sinta viva e próxima.

-Que historia agocha «A banda da Albóndega»?

-É unha historia que está feita para gozar. Escribina pensando na nena que fun, no que me gustaba ler de nena, no que me gusta ler no cole e pensando tamén neses veráns en cuadrillas, coas amizades. Atopamos personaxes que son moi entrañables e hai unha investigación, teñen que ir atopando as pezas dun tesouro que remata sendo algo máis patrimonial e de defensa da terra que un tesouro como imaxinaban a priori. Van construíndo esa investigación, moi rodeados de aventura, e ten como base unha Sada ficticia, porque eu son lucense de nacemento, pero levo uns sete anos vivindo en Sada, de aí que teña moitos detalles da vila, ten moito de mar, moito da contorna mariñeira, rescate da memoria histórica, pero o máis importante para min é que é unha historia que lembra a esas aventuras que liamos de nenas como «Los cinco», por exemplo. Eu necesitaba escribir unha historia que me reconciliase con eses relatos que eu lía de nena.

-Cunha cuadrilla como protagonista, contribúe a reconciliarse tamén co comunitario nun momento no que asistimos a un illamento debido á absorción polas pantallas?

-Totalmente, porque a historia non vai cara o pasado, pode acontecer perfectamente en 2026 nunha vila pequena e nunha cuadrilla de nenos e nenas de 9 ou 10 anos que son amigos e amigas e que fan cousas xuntos. Tiran do móbil para buscar unha información para descifrar un código, pero do que máis gozan é de estar xuntos, de coller a bici e de seguir as pistas atopando tesouros.

-E como foi recibir a chamada por parte do xurado?

-Foi moi emocionante porque entre o xurado estaba Leo, da libraría Galgo Azul, a onde eu asisto habitualmente a un club de lectura e el non se percataba de que era eu a gañadora! Ademais, a cuadrilla na que está inspirada a historia é o meu primeiro grupo de alumnos que tiven no cole, quixen facerlles unha homenaxe, e logo tamén, como en toda boa cuadrilla de aventuras, van acompañados dun can que é o meu. Chámase Ringo e xusto estes días hai un mes que faleceu, polo que foi unha chamada moi emocionante, ademais de que é unha honra absoluta este premio porque é a primeira historia que comparto co mundo, pero moi especialmente por que escolleran esta obra de entre todas, que me dixesen que lles gustara e que se sentían identificadas... Foi emocionantísimo.

-Está entón ante o seu debut.

-Si, é a miña primeira obra e, de feito, despois de saber que gañara marchei a Lugo a dicirllo aos meus pais porque non sabían nin que a enviara. Aínda hoxe non sei que foi o que me levou a mandala, a escribila si, porque era a miña necesidade de contar algo que me gustaría ler, pero si que me custou moito enviala e se non fora pola miña parella, Andrés, non a tería mandado.

-É a proba de que hai que animarse tanto a escribir como a presentarse aos certames.

-Si e sobre todo a sacar as historias que levamos dentro. Algo que me emocionou moito que destacara un integrante do xurado é que o que máis lle gustara foi que é un libro para facer lectorado. Esta frase pareceume incrible, porque penso que facer lectorado hoxe en día é moi necesario, e seguramente que hai moitísimas historias gardadas nos caixóns de xente que ten moitísimo que contar e que non se atreve porque non as valora... A min custoume moito, pero é que nunca se sabe!

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents