Entrevista | Alberto Lema Gañador do Premio Xerais de Novela 2026
«Xustificáronse os encoros dicindo que ían ser o gran progreso para Galicia; en realidade serviron a consumidores foráneos»
Cunha novela ambientada na Galicia de posguerra que sitúa a súa trama na contorna do encoro de Belesar, o escritor vén de acadar o Premio Xerais de Novela 2026

Alberto Lema. / Cedida

Cunha novela ambientada na Galicia de posguerra que sitúa a súa trama na contorna do encoro de Belesar, no sur da provincia de Lugo, Alberto Lema vén de acadar o Premio Xerais de Novela 2026.
-Que atoparán lectores e lectoras en «A boca do río»?
-A novela abrangue dende 1944 até 1963, dende o final da Segunda Guerra Mundial ata o inicio do que en España se denominou «desarrollismo», en castelán, cando os tecnócratas toman o poder. Ten tres liñas de argumento: por unha banda está a historia de «O Piloto», Xosé Castro Veiga, o último guerrilleiro antifranquista que morreu en San Fiz, en Chantada, moi preto de Belesar. Os outros dous fíos son Isidro Legazpi, un banqueiro que promove a construción do encoro de Chantada, e logo hai outro personaxe que é un ‘trasunto’ de Laureano López Rodó, un tecnócrata do Opus Dei, que son os que acaban dirixindo o Estado franquista na segunda etapa. Estas historias van entrelazándose entre si, xuntándose nun mesmo momento a historia impresionante da resistencia antifranquista, do desenvolvementismo e do impacto que supón para a xente o que se agochaba detrás daquel progreso, destas grandes infraestruturas hidráulicas que supuxeron a expulsión de milleiros de persoas das súas casas, se ben no caso de Belesar, o impacto real foi en Portomarín, que quedou baixo das augas. Portomarín era unha vila medieval preciosa, que era patrimonio nacional e que foi reconstruída máis enriba, perdendo todo o encantando e toda a autenticidade, desprazando á xente e pagándolles as terras a catro patacóns, moi por debaixo do valor real, e para min este proceso deses anos, salvando as distancias, garda analoxías con certos procesos que vivimos na actualidade como o de Altri ou os eólicos, pois acontece que se implantan infraestruturas enerxéticas e que, aínda que non son tan dramáticas nin tan catastróficas como foron os encoros para moita xente, realmente deixan pouco proveito no país. Xustificáronse os encoros dicindo que ían ser o gran progreso para Galicia, o que non aconteceu nunca, porque en realidade foron unhas grandes infraestruturas para servir a consumidores foráneos, non para o noso propio desenvolvemento.
-Por que se animou a escribir sobre este período histórico?
- A miña compañeira é de Chantada, polo que é un lugar que coñezo de visitar moitas veces. A propia proximidade física do lugar e a obra tan impresionante que é, dalgunha maneira inspira a reconstruír a historia, neste caso a través da ficción, porque é impactante. No seu momento foi o salto de auga máis grande de Europa, unha inmensa infraestrutura e cun investimento tremendo; construíron tamén un poboado ad hoc para os traballadores, polo que no seu momento mobilizaron moitísimos recursos. É impresionante a construción e se a colocamos no contexto, é máis impresionante aínda. E os efectos que tivo foron dramáticos, porque houbo un asolagamento de terras de cultivo moi valiosas, o da vila de Portomarín e tamén que todo este discurso do progreso o que agochaba era ambición e cobiza, sacar proveito da explotación dos recursos naturais e que non respondía aos intereses dos galegos, aínda que houbo xente que si sacou proveito desa construción.
-Non é a súa primeira novela, que marca a diferenza?
-É a primeira vez que miro tan atrás nunha novela, porque as anteriores eran máis sociais, máis do presente. A de «Pazo de inverno» falaba dos proceso das Mareas, un proceso político bastante recente, pero esta fala dun marco temporal moi longo e está centrada no pasado, polo que si esixiu un esforzo relevante de documentación, porque é un tempo bastante alleo. As hemerotecas foron moi valiosas e foi un proceso duns catro anos de lectura e de escritura.
-Como recibe este galardón?
-Pois cunha inmensa ledicia. O Xerais é o premio máis importante do país e formar parte dos gañadores é algo polo que me sinto moi honrado, por iso o meu agradecemento para o xurado. Ademais son consciente de que é unha novela esixente, porque é densa a nivel histórico e literario, co cal estou moi contento. É o noso gran premio e non podía aspirar a máis. Eu agardo que os lectores, a través dela, poidan entender un pouquiño que sucedeu en Galicia naquela época ou cales son as bases do mundo que habitamos, porque o noso pasado está moi determinado por eses anos, penso que é aí onde se vai definir mellor o noso estatus económico. Neste senso, penso que é relevante destacar que tamén é unha novela sobre o poder, non é unha novela sobre a Guerra Civil, é unha novela sobre o desenvolvementismo do poder económico en Galicia, que se constrúe cunha alianza forte co poder político e, no noso caso concreto, un poder económico que son financeiras e enerxéticas, algo que non mudou moito.
Suscríbete para seguir leyendo
- La gallega Tatiana Badiola de 33 años, entre las primeras beneficiadas por las ayudas de la ley ELA: «Ahora empieza otro desafío; convertir ese derecho en cuidados reales»
- Aparece, en perfecto estado, la joven que la Policía de Moaña buscaba desde la noche del martes
- Hoy se publican las notas de la PAU en Galicia: cómo y cuándo reclamar correciones y qué posibilidad de éxito tienen
- El personal del Meixoeiro, en taxi a trabajar
- La exmujer del agente FIFA Toni Otero acepta dos años de cárcel y deberá devolver casi 400.000 euros
- Aprueban la PAU más polémica en Galicia el 96,25% de los presentados, más que el pasado año
- Juicio a un cigarrón del Entroido de Verín acusado de herir con el látigo a una mujer embarazada: «Se lo recriminé y no mostró arrepentimiento»
- Teis se cita en A Riouxa con su primera «Sardiñada, artesanía e moita troula»