Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Literatura

«Con pólvora e magnolias», a revolución poética de Méndez Ferrín

Alvarellos presenta en Vigo unha coidada reedición dun facsímile da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín con motivo do 50 aniversario da súa publicación, logo de ser censurada no franquismo

Alba Mourillós, Henrique Alvarellos, Anxo Angueira e Fernando Ramallo, onte, na presentación en Librouro.

Alba Mourillós, Henrique Alvarellos, Anxo Angueira e Fernando Ramallo, onte, na presentación en Librouro. / Pedro Mina

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«Nos emigrados, nos perdidos, nos presos, nos esplotados/ nos que contemplan o devalar das augas/ sin fin, nos que confían no meu partido (tuba de despertar/ ou camino que nunca se desanda),/ nos que combaten e han de se-lo lóstrego/ achaiador, neles poño a miña língoa e descanso os meus ollos/ e reclamo a libertade pró meu pobo/ e reclamo a libertade pró meu pobo». Foi a súa filla, a poeta Oriana Méndez, quen puxo a voz para recitar a derradeira estrofa de «Reclamo a libertade pró meu pobo», logo de que os numerosos presentes deran lectura aos versos previos do poema que Xosé Luís Méndez Ferrín dedicou un día á memoria de Moncho Reboiras e co que concluíu «Con pólvora e magnolias». Unha fermosa homenaxe para conmemorar na «casa de Ferrín», Vigo, o 50 aniversario do que está considerado como o libro-pai da poesía contemporánea galega.

A libraría Librouro acolleu onte a primeira presentación dunha coidada reedición dun facsímile dun poemario que, segundo os expertos, supuxo unha verdadeira «revolución poética e literaria», pois constituíu «unha rexeneración total da literatura tal e como a entendemos hoxe».

Co mesmo papel «kraft» do orixinal e co entapado manual, detrás do rescate desta obra «central» da literatura galega áchase a editorial Alvarellos, que desenvolveu un meticuloso traballo para que agora chegue até os andeis de galegos e galegas unha réplica practicamente idéntica do orixinal, pois tamén garda as mesmas texturas e tipografía, incluíndo tamén un epílogo realizado por Anxo Angueira e uns manuscritos orixinais do poemario.

Na presentación da reedición que tivo lugar onte en Vigo participaron o editor Henrique Alvarellos, o catedrático de Lingüística Fernando Ramallo, a estudante de Filoloxía Alba Mourillós e o escritor, filólogo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. No acto, Henrique Alvarellos comezou sinalando que «na casa estaba este libro e sempre foi un faro luminoso na biblioteca, por iso cando vin que en novembro se cumpriría 50 anos tiven claro que na nosa editora, que xa conta con grandes facsímiles, tiña que estar tamén o deste enorme clásico». Así mesmo, o editor explicou ao público asistente como foi o coidado proceso para tentar reproducir o orixinal e destacou que «no proceso de edición incluso repetimos algo que aconteceu no seu día, que foi pegar manualmente as lapelas dos 750 exemplares desta edición. Foi algo que dubidamos, pero eramos conscientes de que tiñamos que ser rigorosos tamén niso, facer a edición tal e como foi no seu momento».

Librería Librouro. Presentación de la 50 edición de un libro de Xosé Luis Méndez Ferrín con varios participantes

Presentación da reedición dun facsímil de 'Con pólvora e magnolias'. / Pedro Mina

A continuación, o investigador Fernando Ramallo procedeu á lectura dun texto que escribiu para unha homenaxe a Ferrín levada a cabo en Ferrol e estreitamente vencellada a «Con pólvora e magnolias» e, inmediatamente despois, Alba Mourillós reflexionou sobre o feito de que o autor, «na narrativa galega, é un dos maiores impulsores en deixar atrás os estereotipos do agrarismo e dos labregos e establece unha nova narrativa dirixíndose cara un nacionalismo urbano, cambiando totalmente o suxeito político e literario». Mourillós tamén puxo en valor a vixencia de «Con pólvora e magnolias» e que no seu momento supuxo unha «revolución literaria que cambia para sempre a poesía galega, ten un papel central na literatura e está á altura da obra de Rosalía de Castro ou de Manuel Antonio».

Anxo Angueira foi o responsable de pechar a presentación, antes da lectura conxunta de «Reclamo a libertade pró meu pobo», e ademais de rescatar os seus propios recordos persoais arredor do poemario e de Ferrín fixo especial fincapé en que «a censura do franquismo fixo un gran favor á historia da literatura galega en 1973, xa que nos seguintes anos Ferrín armou un libro que é inesquecible e que entra xa dende o título, ademais de polo formato. Pasaron 50 anos e segue vixente, porque mentres exista Galicia e a súa literatura, este libro vivirá», concluíu o filólogo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents