Cultura
A compañía viguesa Troula suma outro fito internacional ao ser seleccionada para o Festival de Teatro de Sibiu, en Romanía
O espectáculo de rúa «Hexagonum», que xa conquistou en 2025 ao público en Budapest, terá presenza os días 21 e 22 de xuño no que está considerado como un dos eventos de artes escénicas máis prestixiosos de Europa
No evento participarán máis de 5.000 artistas procedentes de 82 países, con máis de 840 actividades ao longo de dez días

Representación de «Hexagonum» na rúa. / Laura Di Prospero

Logo de triunfar o verán pasado nun dos mellores festivais culturais do mundo, o Sziget Festival de Budapest, a compañía viguesa Troula vén de ser seleccionada para participar nun dos encontros de artes escénicas máis prestixiosos a nivel internacional. O espectáculo de rúa «Hexagonum», que xa conquistou o pasado mes de agosto ao público en Hungría, será levado o vindeiro mes de xuño até Romanía, pois o grupo galego de animación terá presenza no Festival Internacional de Teatro de Sibiu, o terceiro máis grande e prestixioso de Europa, un fito que recoñecen como «unha magnífica noticia e un importante recoñecemento para unha compañía galega».
Nun grande escenario ao aire libre, cunha programación que inclúe producións de gran formato, instalacións artísticas, desfiles, teatro de rúa, espectáculos de lume, música en directo, danza aérea e intervencións de arte urbana, na 32ª edición do Festival Internacional de Teatro de Sibiu participarán máis de 5.000 artistas, entre eles Troula, procedentes de 82 países, con máis de 840 propostas e actividades dende o 20 ao 29 de xuño, desenvolvéndose máis da metade ao aire libre e con acceso gratuíto para o público. O festival complétase ademais con exposicións, obradoiros e conferencias abertas.
Dende a compañía viguesa, un dos seus fundadores, Diego Roca, destacou que «estamos moi contentos, porque xusto dentro dunhas semanas é o 24º aniversario de Troula e é todo un agasallo anunciar que estaremos nun dos festivais de artes escénicas máis importantes do mundo». Así mesmo, Roca tamén indicou que, por segundo ano consecutivo, a compañía viguesa atravesará «de novo toda Europa, logo de estar o ano pasado no Sziget, en Budapest, para ir agora a Romanía. É todo un subidón porque participarán artistas de 82 países e con máis de 800 actividades».

Un momento do espectáculo de rúa de Troula seleccionado para o festival de Sibiu. / Troula
É non é para menos, posto que Troula Animación deixará pegada galega no que está considerado como un dos festivais de teatro e artes escénicas máis importantes do mundo e o terceiro máis relevante de Europa, tras o Festival de Aviñón e o Festival Internacional de Edimburgo, xa que o Festival Internacional de Teatro de Sibiu, fundado en 1993 por Constantin Chiriac, reúne cada ano compañías e artistas de decenas de países nunha programación de gran prestixio internacional convertendo á histórica rexión de Transilvania en capital europea da cultura.
Produción galega
Con respecto á proposta de «Hexagonum», Diego Roca puxo en valor que «é produción totalmente galega: composición musical, esceneografía, dirección, idea orixinal, vestiario... Todo está feito en Vigo e con xente de Galicia, ademais de estar apoiados dende o principio pola Agadic, a Axencia Galega das Industrias Culturais. Grazas a eles tamén botamos a andar esta produción, o ano pasado tamén nos apoiaron en Hungría e agardamos ter de novo o seu apoio nesta ocasión», apuntou o fundador da compañía.
O colapso da humanidade recreado dentro dun panal de abellas é a trama que guía este espectáculo de Troula Animación que será representado polas rúas de Sibiu, unha historia coa que a compañía viguesa logrou conquistar no seu momento ao xurado dun certame de dramaturxia convocado a nivel nacional pola Asociación Nacional de Profesionais das Artes de Rúa, Patea, e que fixo posible que a proposta se desenvolvera nunha residencia artística en Francia.
O proxecto de «Hexagonum», que foi estreado en Galicia en 2024, xestouse así en Le Fourneau, Centro Nacional de Artes de Rúa da cidade francesa de Brest, unha experiencia que para a compañía viguesa foi moi novidosa, posto que Diego Roca explicou no seu día a FARO que «as artes de rúa alí están moi avanzadas e aprendemos moitísimo. A diferencia de anteriores espectáculos de Troula, neste está moito máis traballada a dramaturxia, é dicir, adentrámonos con el no teatro de rúa. Malia que os elementos de animación de sempre, como a pirotecnia, a percusión ou a interacción sigan presentes, hai un compoñente dramático, de maneira que logramos unha dramaturxia en rúa e en itinerancia en gran formato».
Xunto a Diego Roca, no elenco de artistas de «Hexagonum» tamén se atopan o actor e rexedor técnico José Avión, Borja Calvar (actor), e Jorge Guerra á batería, Ana Shi Yu ao violín e Iago Abalde á guitarra.
Suscríbete para seguir leyendo
- Las playas de Vigo empiezan a vaciarse
- Diez carreras gallegas exigen más de un 12 para entrar en la universidad
- Una enfermera vuelca en Vilagarcía tras quedarse dormida al volante
- Un banco pagará 6.000 euros en costas por no devolver 104 euros a una clienta de Vigo
- Un vigués logra que la Justicia le reconozca ser dueño de una finca tras 30 años de conflicto con los comuneros de Cabral
- Nueva PAU en Galicia: la Xunta propone una segunda revisión para cada examen elaborado y más docentes de secundaria en los grupos de trabajo
- Los restos hallados en Carral y Laxe confirman la huella de la muralla y del Vigo que creció sobre ella
- Una boda celtista hasta las lágrimas: la sorpresa de Iago Aspas y Claudio Giráldez que emocionó a Valeria y Alberto