Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Literatura galega

«Con pólvora e magnolias», o libro-pai da poesía contemporánea galega, cumpre 50 anos

Alvarellos reedita un facsímil da obra, co mesmo papel kraft do orixinal e co entapado manual

Preséntao este martes en Vigo en Librouro con Alba Mourillós, Anxo Angueira, Fernando Ramallo e Henrique Alvarellos

Méndez Ferrín, o seu autor, tivo que costear do seu peto a primeira edición porque ningunha editorial quería publicalo e porque a censura franquista rexeitara no 1973 un intento

Os primeiros poemas, mecanografados ou recitados, percorreron Galicia na clandestinidade

Foto de arquivo de Méndez Ferrín no Berbés de Vigo.

Foto de arquivo de Méndez Ferrín no Berbés de Vigo. / RICARDO GROBAS

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

En novembro do pasado ano, daban a coñecer o resultado dunha enquisa estatal. A conclusión era aterrecedora: case un de cada catro cidadáns do Estado entre 18 e 44 anos de idade defendía que en certas circunstancias era «preferible» ter un rexime autoritario. Non saben do que falan. A ditadura pola que suspiran podería metelos no cárcere, torturalos ou mesmo asasinalos se entendese que van contra ela. A ditadura, que non viviron pero que aseguran non importarlles experimentala, censuraría e impediría que a criticasen ou que publicasen libros -ou posts nas redes sociais- sen o seu consentimento. Isto último aconteceulle a unha obra cumio da literatura galega, «Con pólvora e magnolias», de Xosé Luis Méndez Ferrín, profesor retirado, expresidente da Real Academia Galega (RAG) e escritor.

O poemario está considerado o pai da poesía contemporánea galega polo seu carácter rachador. Publicouse no 1976, un ano despois da morte do ditador Francisco Franco pero tres anos antes, no 1973, o seu autor intentou editala sen éxito: a censura do Goberno autoritario non deu o visto bo a seis poemas. Resultado: a obra non veu a luz.

Presentación en Vigo

Ferrín, articulista inda hoxe no FARO DE VIGO, seguiu traballando nela, mellorándoa e na agarda, a Ditadura máis férrea rematou inda que o control do Estado proseguiu anos despois. Reuniu uns cartos e logrou publicala correndo el con todos os gastos. O libro converteuse nun éxito. Despois, máis asentada a democracia, viviría novas reedicións. Este ano, cumpre o 50 aniversario e a editorial Alvarellos reedítao cunha edición facsímil: unha réplica exacta do orixinal co mesmo papel, coas mesmas texturas, coa mesma tipografía, coa mesma tapa. A obra preséntana hoxe en Vigo en Librouro a partir das oito da tarde. O libro inclúe un epílogo realizado por Anxo Angueira así como uns manuscritos orixinais do poemario.

Méndez Ferrín, nos anos 80.

Méndez Ferrín, nos anos 80. / MAGAR

En «Poesía reunida» (Xerais) de Ferrín, Anxo Angueira explicaba no 2024 no estudo introdutorio que «Con Pólvora e Magnolias» que ía chamarse no 1973 «Amor e tempo liso». Foi ese prólogo o que chamou a atención de Henrique Alvarellos que botou as contas e se decatou que no 2026 a obra cumpriría medio século polo que decidiu editala tal cal saíra a primeira vez.

Entre os tres principais poemarios da lingua galega

Anxo Angueira é claro ao explicar a importancia da obra na literatura de noso. Para el, tres son as obras máis importantes das Letras Galegas: «Cantares gallegos, de Rosalía de Castro; «De catro a catro», de Manuel Antonio e «Con pólvora e magnolias», de Ferrín.

Mais que ten este poemario para que se convertera nun dos alicerces modernos da nosa lírica? En primeiro lugar, o título dános pistas de que aúna a poesía combativa (pólvora) e a lírica amorosa (magnolias) pero sobre todo, a pulsión entre a vida e a morte. Isto último é o que defende Angueira. «É un título moi suxestivo que chama a atención, é un título máis poderoso», subliña.

«Foi o primeiro libro que se imprimiu en Galicia sen pasar polo control da censura. No 1976, xa era voluntario pero tiñas que pasalo porque se non podía recaer sobre ti as represións (do Estado). Ten ese dato histórico que o converte no inicio dun novo tempo. O poemario está nunha encrucillada literaria e estética pero tamén nunha encrucillada política ao que responde cun novo horizonte. É o que fai grande este libro», resalta Anxo Angueira.

Alfonso Pexegueiro, Ferrín e Bernardino Graña.

Alfonso Pexegueiro, Ferrín e Bernardino Graña. / MAGAR

Un canto á morte en papel

Agrega que Ferrín revolucionou con este libro a idea de morte. No poemario, «a morte é necesaria. Non podía ser o presente (daquela) de represión. A morte era necesaria para a revolución. Estaba emparentada co río, coa dialéctica, con que todo flúe e nada permanece. Hai un canto á beleza e á necesidade da morte. Foi novidoso naquel tempo. Inda que tamén había dor polo paso do tempo», diserta para FARO Anxo Angueira.

Para el, «é innegable que 'Con pólvora e magnolias' abre un periodo novo na poesía contemporánea galega. O libro está vivo no presente, marcou a poesía galega contemporánea dun xeito decisivo. A poesía galega que hoxe é pionera na península, que recibe premios e é un modelo de referencia está no poemario de Ferrín. É filla de 'Con pólvora e magnolias'. É un dos grandes libros da poesía galega de todos os tempos».

Na Suíza e na clandestinidade galega

As voltas que deu «Con pólvora e magnolias» foron moitas. Antes de ser editado, varios poemas -os máis políticos- se publicaron soltos en Suíza. «Ferrín utilizou o exilio e a diáspora para darlle saída a algunha da súa poesía. Algunha foi clandestina. Algúns dos seus poemas formaron parte da resistencia poética» durante a ditadura, explica Angueira quen lembra un dato moi importante: «Foi o único escritor condenado por escribir un libro que nin sequera fora publicado porque llo colleron na súa casa; foi condenado a dous anos de cadea que cumpriu. El non podía arriscarse a publicar outra vez calquera cousa porque tiña en si o peso do fascismo e da represión franquista».

O libro polo que o levaron a prisión -acusado de propaganda ilegal- foi a novela «Os corvos, a figueira e a fouce de ouro», que o investigador Fernando Ramallo localizou nos últimos anos en Salamanca, nos arquivos do Centro Documental da Memoria Histórica.

Porén, ademais da prensa clandestina que circulaba por Galicia -e da que Ferrín, entre outros, foi unha pedra angular- tamén espallaban poemas políticos contra o rexime autoritario. «Circulaban a través de mecanoscritos. A poesía circulaba así tamén. 'Con pólvora e magnolias' evoca esa cultura literaria política que ten que ir underground, para non ser pillada», detalla Angueira.

Unha edición co mesmo papel de hai 50 anos

Se vostedes toman a reedición de «Con pólvora e magnolias» ou o libro do 1976, vanse decatar de que a tipografía semella á das máquinas de escribir de antano. «O gran ideólogo deste libro que rompe co formato, o papel de estraza e as tintas foi Luis Mariño (quen chegou a ser editor de Xerais) que xunto con Ferrín creou un artefacto estético», engade.

«Nós -sinala o editor Henrique Alvarellos- temos na editorial Alvarellos un exemplar moi ben conservado do poemario. É un libro que sempre me chamou moito a atención, pola calidade da poesía e polo formato innovador. (...) Era a primeira vez que na edición galega empregaban o papel marrón de kraft para a impresión dun libro. Meu pai, ao ano seguinte, empregou ese papel, que non está clareado polo cloro e é moi ecolóxico, para os catro primeiros títulos de Alvarellos. É un papel alemán cuxo nome nesa lingua significa resistente. Aí hai unha metáfora da resistencia».

Nesta volta, o papel lográrono na papeleira de Brandia, en Compostela, onde o fabrican. Esta firma, creada no 1810, é a empresa máis lonxeva da Galicia e sempre estivo nas mans da mesma familia. Ademais, para ser fiel ao orixinal, pegaron a lapela do libro de xeito manual unha unha nos 750 exemplares da edición.

Un libro resucitado

«Queremos que a xente sinta a obra como se resucitase», recalca Alvarellos quen apunta que Moncha Fuentes , a muller de Ferrín, lle confesou que «cando colleron a nosa reedición sentiron calafríos, sentiron como se viran o orixinal». Nesta reedición facsímil do 2026, entraron tamén a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Curros Enríquez e a Universidade de Vigo que celebrará un congreso en novembro centrado na obra.

En canto ao texto, Angueira recorda que «naquel tempo, hai 50 anos, era difícil publicar poesía na Galicia. Hoxe temos unha proliferación extraordinaria pero daquela non era así». É máis, aínda que Franco morrera cando se editou non o tivo doado. «Cando falamos con Ferrín hai un mes da obra comentounos que o poemario sufrira no 1976 un boicot importante polas autoridades e demais. Pero tamén nos dixo que triunfou polo deseño. Foi moi importante o deseño que entre Lois Mariño e el decidiron: formato cadrado grande, amarelo escuro, tipografía como as dos escritos clandestinos da época e o papel kraft. Díxonos que triunfou polo deseño», conclúe Henrique Alvarellos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents