Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tradición

Do traxe tradicional á moda cotiá: o pano portugués vive en Galicia un momento de esplendor

Con fondo arraigamento en Galicia, mais empregado na vestimenta tradicional de distintas partes da península, artesás galegas achegan as súas impresións sobre o triunfo do pano portugués na moda contemporánea, un estampado e tecido co que deseñan todo tipo de prendas e complementos

Raquel Fernández, de Fiadeira, amosando un pano portugués

Marta G. Brea

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Anoados no peito sobre camisas ou camisetas, arredor do pescozo ou da cintura, por enriba dos ombreiros e na cabeza, mais tamén en formato chaleco ou corpiño e mesmo integrados en neceseres, faldriqueiras, chaveiros e fundas para libros. O denominado pano portugués é tendencia na moda contemporánea e vén experimentando un importante auxe no último ano, unha realidade que non deixa de sorprender ás propias artesás que traballan con este estampado e tecido e que incluso supón todo un fenómeno fóra das fronteiras de Galicia, comunidade que garda fondo arraigamento no seu uso dentro do traxe tradicional.

Cunha traxectoria de máis dunha década e logo de traballar para Roberto Verino, dende o seu taller en Santiago de Compostela, a deseñadora María Viqueira conta que «os panos son moi vistosos e tiña moitas ganas de facer algo orixinal con eles. Un día vin en Instagram a quen confeccionaba un corpiño e pensei que eu tamén podía probar, de aí naceu a idea de facer chalecos. Empecei hai un ano e medio con estes estampados e teño que dicir que me salvaron o ano, vivo máis comodamente grazas a estes deseños». E é que esta artesá galega tamén apostou por incorporar o pano portugués a gravatas e corpiños, todo un acerto que xa conquista a convidadas e convidados de voda.

Neste senso, María Viqueira, quen considera que o auxe da música de raíz e da cultura galega están provocando un efecto de arrastre tamén na moda, destaca que o uso deste tipo de prendas, tanto no cotiá como en eventos, permite «dar un pequeno toque sen ter que recorrer ao traxe completo, que se cadra para unha pequena foliada é máis aparatoso, e co pano no pescozo, na cabeza, ou co chaleco, pois tes un toque. No caso dos homes, moitos que tocan en grupos poñen o chaleco e así non levan o traxe enteiro».

A deseñadora María Viqueira lucindo unha gravata confeccionada cun pano portugués.

A deseñadora María Viqueira lucindo unha gravata confeccionada cun pano portugués. / Cedida

Raquel Fernández é a deseñadora que se atopa detrás de Fiadeira, un proxecto persoal que emprendeu logo de estudar o ciclo de Patronaxe e Moda, e se ben conta con menos traxectoria que María Viqueira é outra artesá galega que constata de primeira man o triunfo do pano portugués na moda contemporánea. Así, esta veciña de Redondela comenta que «os panos teñen mil usos e a verdade é que non sei por que até o de agora non os usamos máis, está claro que ten que chegar o momento» e, na súa opinión, a dita eclosión do portugués como complemento cotián e de festa está moi vencellada, por unha banda, «porque están de moda os panos en xeral e neste caso é un estampado que nos representa máis», mais tamén apunta que «Tanxugueiras coido que axudaron moito, porque elas no seu estilo sempre levan algo vencellado co traxe tradicional ou coa nosa cultura. De feito, cando estaba facendo o Traballo de Fin de Ciclo, relacionado co traxe tradicional, foi cando tivo lugar o Benidorm Fest e dende aquel momento foi cando todo o mundo empezou a fusionar o traxe tradicional con pezas máis actuais, é por iso que creo que elas axudaron moito a que todo isto fose posible».

No seu caso, Raquel Fernández indicou que comezou a experimentar cos panos portugueses a raíz dunha colaboración cunha libraría de Redondela: «Tania, de Rosalía e Compañía, e máis eu pensamos en facer unhas fundas e non atopabamos ningún estampado que nos representara, ata que pensamos que por que non cun pano. Os restos de tea que me foron quedando decidín aproveitalos para unha tote bag, unha cousa levou a outra, e agora aproveito o tecido para fundas de portátil, faldriqueiras, neceseres, chaveiros... A cuestión é non tirar nada».

Fóra de Galicia

O estampado e tecido do pano portugués non ten un uso exclusivo en Galicia, pois é tamén empregado na vestimenta tradicional de distintas partes da península, de aí que o fenómeno actual traspase as fronteiras da comunidade galega. A este respecto, Raquel Fernández comenta que «unha amiga de País Vasco pedíume un pano para a nai o Nadal pasado e cando llo deu díxolle que era exactamente igual ao que ela levaba de moza. Como ten tanta tradición, eu imaxino que coas rutas comerciais foi algo que se foi estendendo, igual que as faldriqueiras, que tamén son habituais en moitos traxes tradicionais». Así mesmo, a artesá detrás de Fiadeira achega a modo de curiosidade que «logo de comezar a vender os panos, no mes de novembro, atopei unha tenda en Madrid que tamén estaba vendendo os mesmo panos porque arrasaban e bastante máis caros. En Galicia agora mesmo están entre os 27 e 30 euros, pero alí superaban os 50 euros».

Chalecos confeccionados por María Viqueira con panos portugueses.

Chalecos confeccionados por María Viqueira con panos portugueses. / Cedida

Pola súa banda, María Viqueira apunta que «é un pano que eu asocio dende sempre ao noso traxe tradicional, pero tamén en Asturias, en León, en Extremadura, de feito, é curioso que os que merco eu para facer as miñas pezas, algúns proceden de Portugal e outros de Extremadura», ao que Raquel Fernández engade que «é algo moi noso e, moi especialmente, empregouse sempre moito no sur de Galicia». Ambas deseñadoras conclúen coincidindo en que empregar estes estampados e tecidos vai máis alá dunha tendencia na moda, pois permite reivindicar tamén unha identidade e cultura propias.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents