Día das Letras Galegas
A insurrección e ledicia de Begoña Caamaño ondean no pleno extraordinario das Letras Galegas
Na sesión celebrada en Compostela, Ana Romaní agradeceu á homenaxeada "por devolvernos o sentido na navegación" ao situar no centro a loita contra a violencia patriarcal
Marilar Aleixandre resaltou que Begoña levou no seu mastro «as velas da rebeldía, da defensa da liberdade, da denuncia das inxustizas"
Freixanes louvou a súa mestría na novela e indicou que axudou a cambiar un mundo que non nos gusta
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, pediu diálogo coa Xunta para mellorar a situación do galego e revelou que o pleno se celebrou en Santiago porque a alcaldesa buliu a propoñer o espazo nada máis coñecer que as Caamaño era a homenaxeada para o 2026

Se Vigo foi onde naceu e onde comezou a tomar conciencia do mundo a escritora e xornalista Begoña Caamaño, Compostela foi o seu acubillo e a balsa coa que seguiu a navegar. Ata alí, se desprazou hoxe a Real Academia Galega para celebrar a sesión plenaria do Día das Letras Galegas tras bulir a alcadesa, Goretti Fernández a ofrecer a cidade nada máis saber que lle dedicaban as Letras a Begoña. O Teatro Principal no Casco Vello no que tanto viviu Begoñísima acolleu o acto á mesma hora, ás 12, á que partía noutro punto da cidade a manifestación na defensa do idioma de Queremos Galego.
A cerimonia comezou coa interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia a cargo de Os Enxebres de San Lázaro na que aproveitaron a subirse ao escenario o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Academia, Henrique Monteagudo. Dende a entrada do Teatro, polo corredor central, apareceu Sofía Espiñeira. Portaba un candil dun barco e comezou a interpretar a capella «Unha tripulación» para despois recibir acompañamento instrumental. Despois sonou «Herba de namorar». «É un pracer inmenso estar aquí neste día especial», sinalou a artista presentando a súa banda.
Intervención de Henrique Monteagudo
Trala música, a primeira palabra tívoa o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, que presentou os artistas que interviran e as persoas encargadas da narración en lingua de signos.
Ana Romaní foi a primeira académica en ofrecer unhas verbas. «A súa é unha vibración que se fai presente», comezou a poeta e xornalista así como amiga de Begoña. Máis de 4.000 días despois de «apagarse» o seu corpo, indicou, segue a «reverberar». As dúas traballaron no «Diario cultural» da Radio Galega. Nós lembramos os anos luminosos do programa, antes de ser desfeito en anaquiños (microespazos fóra do programa longo de antano).
Tamén lembrou que Caamaño «foi gran lectora de nena» e que lle gustaba «saber». «A falta de coñecemento leva á alienacion, á falta de liberdade» foron verbas de Begoña que citou a académica.
«Nas emisións radiofónicas e nas publicacións percorremos os rastros da súa escritura. No actual estrondo de desinformación, sorprende a actualidade do seu discurso» sobre «a violencia patriarcal, os discursos belicistas, o papel das corporacións e empresas de comunicación, o espolio económico de países empobrecidos, a vulneración dos dereitos, a ética e responsabilidade social».
No medio do discurso de Romaní, escoitamos en off a voz de Caamaño: «É o momento de mudar o xogo, de cambios profundos estruturais e conceptuais. É o tempo do feminismo, é dicir da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e da felicidade».
Romaní lembrou como a Viviana de «Morgana en Esmelle» lle replicaba a Merlín: «Un mundo libre non se constrúe con mentiras e nunca será dono de seu pobo sometido á ignorancia».
A académica engadiu que a homenaxeada polas Letras Galegas soñaba con escribir a crónica dun cambio social universal, o inicio dun novo mundo sen fame e sen guerras, sen a desaparición dunha lingua, o galego.
No remate, un agradecemento, «grazas señora Begoña Caamaño por nos devolver o sentido da navegación».
Antes da intervención seguinte da académica Marilar Aleixandre, por erro, se viu un fragmento do documental da RAG sobre Begoña Caamaño.
Marilar Aleixandre sobre Caamaño: «Abriu en canal mitos»
Aleixandre arrancou ao indicar que abriu «en canal mitos». Tamén fixo referencia á violencia contra a muller, linguas cortadas físicamente ou socialmente cunha «castración ou violencia simbólicas». «Begoña Caamaño vai zurcindo con fío violeta linguas cortadas», sinalou.
A escritora, sobre o Teatro Principal, levounos á «Odisea» onde no primeiro canto un adolescente Telémaco manda calar a nai dicíndolle que se ocupe dos seus labores (o tear e o fuso). Tamén lembrou como nos séculos XVI e XVII en Escocia, na Inglaterra ou Alemaña as mulleres indómitas que falaban en público para amosar a súa opinión, eran torturadas: colocábanlles a 'brida das lerchas' na lingua para mancarlla. Non había tal castigo para os varóns.
Na obra de Caamaño, indicou que esta aprópiase dos mitos gregos cantados por Homero e os artúricos para ir zurcindo espazos en branco no relacionado coa vida e os sentimentos das mulleres. Penélope confesa a Circe -por medio da escrita nas cartas- que Ulises a violaba e que os 11 anos sen él devolvéronlle a paz ás súas noites. Engadiu Marilar Aleixandre que «a través da correspondencia Penólope descobre o pracer do azul, a existencia doutra illa, distinta de Ítaca, onde as mulleres son libres».
No final do seu discurso, Aleixandre destacou que Begoña Caamaño levou no seu mastro «as velas da rebeldía, da defensa da liberdade, da denuncia das inxustizas, as velas da oposición ás guerras, levantou a voz por Palestina, polo compromiso coa lingua galega, co feminismo, a ledicia e a vida».
Víctor Freixanes: «Coñecín a Begoña Caamaño cando facía prácticas na Radio Popular de Vigo»
Rematou os discursos o expresidente da RAG, Víctor Freixanes, quen falou da súa experiencia como editor en Galaxia onde lle publicou as súas novelas e de Grial onde lle publicaron varios artigos.
«Coñecín a Begoña Caamaño cando facía prácticas na Radio Popular de Vigo» e tiña 19 anos nos anos 80 nos que a emisora abría o uso do galego ás ondas. Era unha emisora privada antes do nacementos dos medios públicos.
Freixanes indicou que Caamaño nos pon diante un tempo de cambios, naquela altura. Era unha rapaciña espelida no Calvario que se criou xunto aos avós. Na adolescencia, incorpórase ao barrio de Coia onde descobre o conflito social, a desigualdade de clase e a contradición da nosa lingua o que lleva a estudiar Maxisterio e despois dedicarse ao Xornalismo.
«Era unha bomba de enerxía e alegría», recordou para indicar que o editor busca descubrir novas formas de contar. Proseguiu rememorando que «unha tarde recibín unha chamada de Begoña anunciando un orixinal» con «fraxilidade». «A ver que che parece», díxome. Cando comezou a ler o manuscrito de «Circe ou o pracer azul» non respirou ata rematalo xa que «o texto era magnífico. A lingua galega alentada dunha maneira distinta. Os recursos eran sorprendentes».
«O idioma é unha forma de narrar o universo», recordou Freixanes que dixera Caamaño. Indicou que os mitos son os depositarios da memoria do que somos. «Begoña cita moito a Álvaro Cunqueiro quen dicía que tiñamos a obriga de facelos noso» para que cada xeración os reinterpretara. «Circe -engadiu- é o mundo homérico narrado dende o outro lado da fronteira», o das mulleres.
«É diferente o que nos propón a nosa autora na selva de Esmelle para axustar contas» xa que «revisa a historia» desde a óptica «feminista». Os seus textos, dixo, teñen alto valor político. «Mágoa que non puidera rematar o proxecto narrativo que puidera pechar a triloxía», lamentou. Begoña tiña claro que o personaxe sería Sherezade pola forza da palabra.
Ela, recordou, víase como «unha contadora de historias», como unha Sherezade que «pode axudar a cambiar un mundo que non nos gusta» e que pode ter «outra oportunidade».
Despois destas verbas, Monteagudo lembrou as verbas de Cunqueiro sobre o poder dos mitos. Expresou que Begoña Caamaño percorreu percorreu os mitos gregos e artúricos «con afán subversivo» cunha intelixencia «maxistral». «Regalounos dúas fermosísimas novelas» que enriquecen «o tesouro das nosas Letras», engadiu.
Aproveitou para lembrar que celebramos o Ano Otero Pedrayo e as súas palabras sobre o galego: «É o único vehículo» para que o espírito galego poida espertar». Eran os anos 30. «Case un século despois, no 2024, Monteagudo fixo un chamamento a favor dun pacto en favor da lingua galega. A enquisa sobre o idioma indicaba a destrución do idioma do país», sinalou. «Está atinxindo niveis críticos», remarcou. «Moita xente pregúntase se o noso idioma está sentenciado. Rotundamente non», indicou con forza o presidente da RAG.
Engadiu que moita xente e empresas preguntan que poden facer «para salvar o galego». Porén «a implicación» non é suficiente. Require un «impulso político» sen coutar liberdades. Confía no Plan Xeral da lingua e as súas propostas. Monteagudo indicou que para superar os desafíos debemos mirar para figuras como Begoña Caamaño que era unha rapaza castelán falante que se fixo neofalante de galego. Expresou que o galego non pode vivir aniñado en liortas partidistas. Rematou pedindo o «compromiso da cidadanía» e un diálogo coa Xunta para salvar a lingua de noso.
Como broche, Sofía Espiñeira interpretou o Himno Galego.
Antes do pleno extraordinario da RAG, a Xunta celebrou o seu acto institucional no Salón Teatro en Santiago. Alí, si interviñeron Rueda e a irmá de Begoña, Beatriz Caamaño, entre outros persoeiros.
Suscríbete para seguir leyendo
- Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro habilita una zona específica para pacientes de salud mental
- Condenan a la CIG a pagar 15.000 euros a una trabajadora por negarle la reducción de jornada para el cuidado de sus dos hijos
- El Concello de Cangas coloca grandes piedras en la zona de playas para impedir el aparcamiento de turismos y autocaravanas
- Povisa ficha al doctor Manuel Ruibal para impulsar la cirugía robótica con el sistema Da Vinci Xi
- Povisa sufre su mayor fuga de usuarios con casi 8.000 solicitudes de salida en el mes de elección de hospital
- El Celta arrancará la próxima temporada con más espectadores en las gradas de Balaídos: el Concello de Vigo anuncia una importante novedad en el estadio
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Profand deja ver por fin el viejo Banco de Galicia: la joya de Pacewicz reaparece en pleno centro de Vigo
