Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Budiño Gaiteiro e cantor galego

«A clave na música está na constancia e en surfear a ola»

Budiño, que leva desde os 15 anos levando a música galega polo mundo, recala este venres no Teatro Afundación de Vigo

É a súa homenaxe particular ás Letras Galegas e o adianto da festa que prepara para o 2027 cando o seu primeiro disco cumpra 30 anos

Non lle preocupa que o tradi galego viva nunha burbulla

Budiño celebra as Letras Galegas este venres en Vigo cun concerto en AFundación.

Budiño celebra as Letras Galegas este venres en Vigo cun concerto en AFundación. / Pedro C.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Hai persoas que experimentan unha revelación ao remate da vida; outras, nunca. Budiño, o gaiteiro e cantor moañés, experimentouna na adolescencia. «Desde os 12 anos, empecei a tocar e aos 15 xa viaxaba fóra tocando. Aí vin a luz. Deime conta de que noutros países ían máis adiantados: xente de Irlanda e Escocia con 15 xa pensaba que en tres anos comezaría a ser profesional da música». Ter contacto con ese mundo impulsouno a entregar a súa vida á melodía. O vindeiro ano cúmprense 30 do seu primeiro disco. Este venres no Teatro Afundación en Vigo a partir das 20.30 horas, ofrece un concerto homenaxe ás Letras Galegas e un avance da festa rachada que vivirá no 2027 polo redondo aniversario. FARO sorteou dez entradas dobres entre suscriptores.

-Prometen un concerto único en Vigo.

Queremos facer algo que non imos facer noutros concertos. Imos musicar poemas de Celso Emilio Ferreiro, de Rosalía de Castro. Vai sonar unha gravación sonora de Castelao, a única que se conserva del, no medio do directo. En Vigo, escoitarán temas que non imos tocar noutros directos este ano. Tamén teremos convidados especiais, os cantareiros de O Fiadeiro de Vigo, e o noso amigo Cristian Silva tamén estará para tocar todo o concerto connosco. El é un grandísimo gaiteiro.

-Que fragmento é o que se escoitará de Castelao?

Cando el está en Bos Aires e presenta a obra de teatro «Os vellos non deben de namorarse», que se representaba en Montevideo, el fixo unha alocución na radio. Entre outras palabras, dicía que aínda que a súa obra puidera ser traducida a todas as linguas do mundo, nunca deixaría de ser unha obra de arte galega porque está feita «con zume de terra e mel de tradición galega». A frase é máis extensa e en castelán.

-Entendo que o directo terá un arco dende o máis tradicional ao contemporáneo.

Si e vou facer un repaso discográfico. Non só vai haber cancións de «Branca Vela» senón que haberá temas de todos os discos. Será unha mostra ou adianto do que faremos o ano que vén, cando se fará o 30 aniversario do meu primeiro disco. Faremos algo especial para o ano que vén. Este concerto en Vigo será un avance diso e unha despedida de «Branca Vela».

Budiño, actúa este venres en Vigo.

Budiño, actúa este venres en Vigo. / Pedro Cid

-Coa voz da experiencia, vostede viu o éxito da música tradicional (sobre todo da gaita) décadas atrás, agora teme que o bum do tradi sexa unha burbulla?

Sigo pensando o mesmo, sigo coa mentalidade de neno pequeno que ve un espectáculo e queda sorprendido. Non me preocupa se pode ser unha burbulla. Hai xente nova facendo cousas moi bonitas e temos que darlle a oportunidade de que se expresen sen pensar que algo vai ir mal. Todo vai ir ben. Iso é o que pensaba eu dende que empecei. Vivimos momentos nos que foi máis ou menos exitoso pero sempre defendo a música dende o punto de vista da creación. Vivimos un momento moi bonito para a música tradicional e en galego.

-Aproveitando que en breve será o Día das Letras Galegas, para vostede ten unha simboloxía especial esa xornada?

Si, case desde que teño uso de razón. Sempre foi moi importante. Desde nenos, preparábamos algo para ese día nas asociacións culturais nas que nos formamos. A x ente que estivo antes que nós traballou moi fino para nós.

-E tamén dende pequeno falaba galego ou é neofalante?

Moi pronto empecei a falar galego. Combinábamos. A miña familia é toda galegofalante e no colexio estudabámolo. Pero houbo unha etapa pequena ata os 12 anos de indecisión, sen ter moi claro que idioma falar. Despois, dei o paso definitivo para falar o galego practicamente sempre.

-Algunha vez tivo problemas para exercer o dereito a falar en galego?

Non, recordo dar concertos co Instituto Cervantes en países como Marrocos. Facían exposicións de Celso Emilio Ferreiro ou Castelao e nós despois actuabamos. O galego nunca foi un impedimento no exterior. Non teño anécdotas de complicacións co idioma. Entendo que algunha xente poida ter problema pero con boa cara, un sorriso e unha boa actitude co teu idioma moitas guerras ou trabas soluciónanse ao mellor en tres segundos.

-Na túa traxectoria de case 30 anos, houbo algún momento no que pensou en deixar a música?

Constancia e traballo. Esta é unha profesión de vocación. É un luxo dedicarse a esta profesión. A clave está na constancia e no traballo diario, en que hai que surfear esta ola. Hai meses nos que pensas que estás abaixo e o único que estás facendo e coller impulso para prepararte para facer o que tes na mente. No momento no que aprendes a surfear, a felicidade é maior.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents