Cultura
A poesía de Antonio García Teijeiro, a coro en 300 voces
O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Antonio García Teijeiro adaptou un conto poético para o BurgosEnCanto, unha iniciativa que pretende achegar o mundo coral ás crianzas en Castela e León. Cunha composición musical de Javier Centeno e baixo a batuta de Josu Elberdin, case 300 nenos e nenas cantaron versos do poeta vigués, que tamén fixo unha lectura no escenario

Grao de Imaxe e Son do IES Diego Marín Aguilera

«Honorato no sabía si era poeta o no era poeta». Dentro música. «A Honorato le gustaban las palabras y las pintaba de colores». Dentro música. «Palabras azules para hablar del cielo, del mar e, incluso, del viento». Dentro música. «Palabras verdes para hablar del bosque, del campo, de las ilusiones y de las esperanzas». Música. Na voz do propio autor e con incidencias musicais da Orquestra da Universidade de Burgos, iniciouse así a lectura da adaptación en castelán do conto «Honorato, un rato namorado», unha breve narración poética que leva o selo do vigués Antonio García Teijeiro, que non foi quen de conter as bágoas cando, contra o peche da actuación, case 300 nenas e nenos envolveron coas súas voces a coro os versos: «Dijo el ratón a la luna:/ -Nunca te fijas en mí; por eso vivo en la calle/ metido en un calcetín».
Confesa antes de comezar a conversa que aínda se mantén nunha «nube», pois case non atopa palabras para expresar o vivido o pasado domingo no auditorio do Fórum Evolución Burgos, mais remexe no recordo e enseguida aparecen «excepcional», «espectacular» ou «sublime». O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Antonio García Teijeiro participou o pasado domingo nunha nova edición do BurgosEnCanto, unha iniciativa que pretende achegar o mundo coral ás crianzas en Castela e León e na que, nesta ocasión, tivo especial protagonismo a poesía de produción galega, pois o vigués adaptou un dos seus contos para que a cativada puidera interpretalo, cunha composición musical de Javier Centeno e baixo a batuta de Josu Elberdin, ante o millar de persoas que ateigou o auditorio do Palacio de Congresos de Burgos.
Xa de regreso en Vigo, Antonio García Teijeiro explicou que se tivo a oportunidade de vivir esta experiencia foi precisamente grazas ao compositor e tamén profesor na Universidade de Burgos Javier Centeno, pois segundo indicou o poeta «a súa nai, hai moitos anos, musicou un dos meus poemas e el quedou abraiado coa miña poesía e, co paso do tempo, foi el quen comezou a poñer música aos meus versos, malia que non nos coñeciamos en persoa. Dende a Asociación de Mestros de Música en Burgos pedíronlle a Javier un conto para desenvolver no encontro BurgosEnCanto, el pensou en min e pediume un con poemas».

Antonio García Teijeiro sobre o escenario durante a lectura en Burgos. / Quique Ugarte
Logo da solicitude, o autor vigués decantouse por adaptar ao castelán o seu conto «Honorato, o rato namorado», acurtando o texto orixinal e engadindo novos poemas para que as crianzas gañaran protagonismo sobre o escenario: «Envieillo e foi el quen compuxo a música incidental para a lectura, ademais da que acompañou aos seis poemas, unha auténtica marabilla!», sinalou o poeta. A terceira persoa involucrada na actuación foi o director musical Josu Elberdin, de quen García Teijeiro destacou o seu talento, pois «traballou durante toda a fin de semana con coros de Burgos e da provincia para encaixalos todos, pois os case 300 nenos e nenas traballaron os poemas nas súas escolas e logo el tivo que encaixalos, o cal foi sublime».
Para o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil foi verdadeiramente abraiante e moi emocionante vivir de preto a actuación das crianzas e da Orquestra da Universidade de Burgos, pois o poeta vigués tamén foi convidado ao BurgosEnCanto e compartiu escenario coa formación, de maneira que participou activamente na representación: el lendo fragmentos do conto e as case 300 voces coreando os seus versos e deixando coa pel de galiña ao público. É por isto que non é de estrañar que Antonio García Teijeiro afirme que, «no aspecto poético-musical, compartir escenario con Paco Ibáñez, que musicou catro dos meus poemas, foi un fito para min e o acontecido en Burgos estivo á mesma altura».
Con respecto ao conto escollido para esta ocasión especial, cabe destacar que a narración ten como protagonistas a un rato e á lúa, sempre a lúa nos versos de Antonio García Teijeiro, unha musa recorrente na súa obra, igual que o mar. Neste senso, o poeta vigués recoñeceu que «todos os poetas cantaron á lúa, pero eu estou especialmente influenciado por Lorca, porque el cántalle dunha maneira especial que me quedou gravada, de feito, síntome moi lorquiano cando escribo para as crianzas. E logo está o mar de Alberti, a quen coñecín e con quen tiven a sorte de convivir».
O poeta vigués permítise ficar un chisco máis na «nube» e comenta que «a resposta do público en Burgos foi asombrosa, especialmente no momento no que remata o conto, cando entra toda a coral, coa orquestra e mesmo unha batería... Foi algo extraordinario que non me pasou nunca». Logo do éxito que supuxo a estrea do conto sinfónico-coral, García Teijeiro e Javier Centeno coincidiron en que sería «marabilloso» poder levalo a máis auditorios.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos
- La familia de una joven que sufrió un traumatismo craneoencefálico grave reclama al Sergas ampliar la rehabilitación
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- Giro del Supremo con los proyectos eólicos paralizados: el tribunal ya no garantiza el derecho a conectarse a la red
- Así será el futuro hotel balneario de As Caldas, con categoría 5 estrellas, vistas al Miño, servicios de salud termal, ocio y restauración
- Irlanda certifica que los parques eólicos pueden «convivir» con nasas o palangre pero lo descarta con redes de arrastre
- Radiografía de los centros comerciales de Vigo: entre la plena ocupación y la reinvención para buscar un punto de inflexión
- Un juez de Vigo da la razón a una vecina y anula una sanción por cambio de uso de trastero a vivienda sin licencia