Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música

Cantares de Toutón, Oitavén ou Caroi soarán en Escocia da man do dúo folk Abril

Claudia Abril e Marina Carpente coñecéronse no encontro de música tradicional San Simón Fiddle e veñen de iniciar a xira do seu ábum debut, «Medrar», que traspasará fronteiras

Claudia Abril e Marina Carpente, integrantes do dúo folk Abril.

Claudia Abril e Marina Carpente, integrantes do dúo folk Abril. / Jose Lores

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

O encontro de música tradicional San Simón Fiddle, organizado pola asociación cultural Galicia Fiddle co obxectivo de promover o uso dos instrumentos de corda dentro da música tradicional co obxectivo de que novos talentos aprendan a relacionarse co instrumento para gozar do mesmo independentemente do seu nivel técnico, acadará neste 2026 o seu 15º aniversario e xa é posible constatar os resultados da súa canteira. O San Simón Fiddle foi o berce do dúo folk Abril, integrado por Claudia Abril e Marina Carpente, quen o pasado venres presentaron por primeira vez o seu álbum debut en directo na Sala Rebullón, en Mos, e quen inician a partir desta semana unha xira que, logo de percorrer algúns concellos galegos, aterrará en Escocia.

A viguesa Marina Carpente lembra que, dende que coincidiu con Claudia Abril no arquipélago de San Simón, a súa relación «sempre estivo rodeada de música. Coñecímonos no campamento organizado por Galicia Fiddle, no que estando en contacto coa música tamén aprendemos a socializar a través dela. Primeiro tivemos un grupo con María Jorge e Hugo Franco, chamado Dadga, pero máis adiante, cando non tiñamos moitos proxectos musicais nas nosas vidas, decidimos xuntarnos e comezar con Abril para así poder retomar os escenarios, pasalo ben e poder facer música entre amigas».

Daquela amizade que agromou no San Simón Fiddle xermolou tamén un dúo de folk contemporáneo que proximamente levará até Escocia cantos recuperados en Toutón (Mondariz), en Oitavén (Fornelos de Montes) e tamén en Baciademera (Covelo) ou en Caroi (Cerdedo Cotobade), pezas que integran o seu debut discográfico, «Medrar». Así, Marina Carpente indicou que «faremos unha pequena xira por Escocia, porque hai unha convención de violinistas folk á que iremos con Galicia Fiddle, polo que ademais de participar nese encontro tamén presentaremos o noso disco nun par de sitios».

Catalogar cantos tradicionais

Sobre o álbum que antes de presentar en Escocia poderá escoitarse en directo en Muxía o vindeiro sábado 16 e no Ouren Sound Fest a vindeira semana, así como en Chantada a principios de xuño, Marina Carpente comentou que «a recopilación de cantares parte especialmente de Claudia, que é a que máis se dedicou a canto e pandeireta, e normalmente parte de aprender tanto na escola, porque estudamos xuntas na ETRAD de Vigo, pero tamén das foliadas, de persoas que chas ensinan ou de pezas que fomos atopando», engadindo a integrante de Abril que «moitas veces aprendes de fontes diversas, pero non sempre da propia recollida, senón de arquivos ou de persoas que as cantan, polo que unha vez gravado, tivemos que facer un traballo de investigación falando con todas estas compiladoras, como Leni Pérez, Xabier Díaz, Xisco Feijoo, María Vidal... Un montón de compiladoras para que nos axudasen a localizar dende quen a recolleu ata quen cantaba, o nome desas mulleres, porque queriamos que todo isto estivese reflexado no noso disco».

A este respecto, Marina Carpente sinalou que «nós consideramos que é importante que apareza toda esta información reflectida, para que ao escoitar o disco se identifiquen» e, sobre as pezas recuperadas, destacou que tanto ela como a súa compañeira de dúo gardan un especial agarimo a Elena de Toutón, ademais de confesar que, persoalmente, «tamén lle teño moito cariño á que cantaba Teresa dos Cucos, que foi atopada no Alalá, da TVG. Están todos subidos a YouTube e nós en vez de ver series, vemos os 'Alalás', porque son moi divertidos e neles entrevistaban durante unha hora a unha muller que, ademais de contar a súa vida, tamén cantaba, e son espectaculares. Teresa, en concreto, era moi graciosa e moi boa cantante». Así mesmo, Carpente destacou o papel chave que xogaron as mulleres á hora da transmisión oral e afirmou que «hai que reivindicalas e recoñecelas, porque sen elas nós non teriamos feito o noso disco».

Por último, a viguesa concluíu poñendo en valor o encontro San Simón Fiddle asegurando que é unha iniciativa «moi especial porque fomenta moito a participación dos nenos e das nenas na música, na que sobre todo aprendemos a tocar o violín, sen partituras, pasándoo ben e gozando da música. De feito, deste campamento está saíndo unha canteira de tocadores e tocadoras que se vai notar aínda máis dentro duns anos, toda a calidade musical que vai saír de aí».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents