Medio século de feminismo galego organizado
Con motivo da conmemoración en maio do 50 aniversario da fundación da Asociación Galega da Muller, unha das primeiras organizacións feministas autónomas do país, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega fixo público recentemente un arquivo pioneiro con máis de 700 fondos que permiten analizar polo miúdo a evolución da loita organizada das mulleres en Galicia e as súas principais reivindicacións

De esquerda a dereita, Maruxa, Anxos Delgado, Xoana, María Xesús Delgado e Isabel Peleteiro, dos GMU, caracterizadas de sufraxistas nos 80. / Consello da Cultura Galega

«14 de febreiro, Día de San Violentín. Cada cuarto de hora unha muller é violada no Estado español provocando indignación na maioría das persoas, sobre todo cando a vítima conta con poucos anos ou cando a violencia chega ao asasinato. Por violacións son, ademais destes casos extremos, as agresións, tanto verbais como físicas, (piropos, metidas de man,etc) que cada día sufrimos na rúa. E violación é asemade o coito imposto polo marido á muller que non o desexa. Todos estes feitos, aparentemente distintos, teñen a mesma raíz e, ante o interrogante: por que a violecina sexual?, respostamos:
—Somos agredidas porque se nos considera obxectos pra o pracer do home, algo que se usa sen ter en conta a súa vontade.
—Porque cando se separa sexualidade de afecto e comunicación deixa de vivirse coma fonte de pracer compartida.
—Porque revistas, cine, etc., alentan estas ideas, sostendo e desenrolando unha sexualidade enferma.
—Porque o Estado e as leis ademais de establecer ridículas diferenzas según exista ou non penetración, non só non castiga os agresores senón que ridiculiza as víctimas facéndoas dalgún xeito culpables por provocar ou non resistir a agresión.
Soio nós, as mulleres, sabemos a raiba, a humillación, e a impotencia que sentimos diante da violencia sexual. Soio nós sabemos o que significa o medo á noite e aos lugares apartados. Por iso non podemos celebrar o «Día dos Enamorados» namentres sexualidade se identifique con agresión e relacións libres entre igoales con dominación dun sexo polo outro. Por iso vos chamamos, a todalas mulleres, a perderlo medo, a ganala rúa e a noite. Todas xuntas o xoves 14, «Día de San Violentín» no Príncipe ás 8,30, amosemos a decisión de ser persoas libres nunha sociedade libre. ¡¡NON MÁIS VIOLACIÓNS!! ¡¡BASTA DE AGRESIÓNS SEXUAIS!!».

Cartel dos 80 da coordinadora viguesa. / Consello da Cultura Galega
Datado en febreiro de 1980 e pertencente á Coordinadora Feminista de Vigo, unha plataforma nada no outono de 1979 e integrada por mulleres independentes e de diferentes organizacións, o texto reproducido nas liñas anteriores é un dos primeiros documentos que é posible atopar nada máis mergullarse no arquivo dixital que recentemente incorporou á rede o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega e que, integrado por máis de 700 fondos, achega unha miscelánea de medio século do Movemento Feminista Organizado en Galicia (MFOG), toda unha iniciativa pioneira que favorece o acceso público de toda a cidadanía a un patrimonio documental de gran valor social e que constribúe a preservar a memoria histórica das mulleres galegas.
Reivindicacións e denuncias
Dende pancartas, adhesivos, chapas, almanaques, convites ou carteis até fotografías, cantigas, follas voandeiras, manifestos, comunicados, artigos, cartas, enquisas ou recortes de prensa. A directora do CDIF, Carme Adán, expón que «a tarefa de compilación deu inicio xa hai máis de 20 anos cando se formou a comisión de xénero e foi medrando porque cada vez hai máis doazóns. Nestes fondos, cunha parte importante aínda sen dixitalizar, é posible ver todo tipo de iniciativas que permiten seguir a liña dos debates do momento sobre os dereitos civís, dereitos básicos como o do propio corpo, o aborto, o divorcio, todo iso está. Achegan todo un mosaico de pequenas accións, como pode ser por exemplo unha charla de saúde reprodutiva na facultade de Dereito, e de grandes accións nos 8 de marzo e 25 de novembro, pedindo constantemente nas rúas a despenalización do aborto xa, que dan conta de que o feminismo galego organizado era un movemento capilar dende abaixo - e segue sendo, pero daquela máis pola necesidade que existía-, procurando chegar a todos os espazos».
Con motivo da conmemoración en maio do 50 aniversario da constitución da Asociación Galega da Muller (AGM), unha das primeiras organizacións feministas autónomas do país, o lanzamento deste arquivo permite analizar polo miúdo a evolución da loita pola igualdade das mulleres galegas tras o final da ditadura franquista. Así, é posible revisar reivindicacións como as que a entidade promulgou o 8 de marzo de 1980: «As poucas mulleres que traballan fóra da casa van parar a traballos pouco cualificados, onde os salarios son máis baixos. Traballos onde ou non hai homes ou hai poucos: empleadas del hogar, telefonistas, enfermeiras, camareiras, perruqueiras... Mulleres que, ao chegaren a casa, teñen que facer a comida, as camas, coidar os nenos... Unha dobre xornada de traballo que se chama (...) Hoxe como onte, 72 anos de 1908, aínda hai moitas leis que nos discriminan, aínda non temos conquerido o dereito a un posto traballo para todas as mulleres, milleiros delas seguen pechadas entre catro paredes da casa, se nos segue a negar dereitos como a maternidade libre. Non temos unha lei do Divorcio feminista e democrática, o aborto é delito...».

Adhesivo da AGM, de 1978, para reivindicar unha lei do divorcio que non discriminara ás mulleres. / Consello da Cultura Galega
Xunto coa reivindicación de dereitos, o arquivo tamén achega fondos documentais nos que é posible comprobar a repulsa e resposta inmediata por parte dos colectivos feministas galegos ante agresións sexuais e físicas perpetradas contra as mulleres. Destacan neste senso as emitidas por parte dos Grupos de Mulleres da Universidade (GMU) que nos 90 denunciaban: «Se che estraña que as mulleres case non aparezamos nos manuais de historia, de literatura, de arte... Se non entendes que haxa profes máis prestos a sobar ou a ridiculizar ás alumnas que a facer unha clase interesante e participativa... Se che cabrea non poder ir soia de noite sen medo á violación... A que agardas para falar, debater, reflexionar, rebelarnos e facer forza xuntas a ver se cambiamos isto!» ou «hai 15 días unha estudante universitaria foi violada, golpeada e case que aforcada. A moza, a pesar do estado no que estaba, foi á comisaría e denunciou ao seu violador. Sabemos que as denuncias por violación encontran moitos atrancos, que son centos de milleiros os violadores que andan libres, e que abondan as sentenzas contrarias ás mulleres. Cismamos na utilidade de denuncialas para que estes delitos non pasen desapercibidos, e para que máis e máis mulleres non nos sintamos culpables senón vítimas».

Parte dun anuncio dunha mesa redonda organizada pola Coordinadora Feminista de Vigo a finais dos 80. / Consello da Cultura Galega
A importancia do feminismo vigués
Nesta liña, o arquivo tamén garda outro tipo de denuncias como a emitida pola Coordinadora Feminista de Vigo en 1984 logo da manifestación do primeiro de maio: «Unha nova agresión fascista, agora contra unha muller. Unha moza, militante da Mocedade Galega Revolucionaria, foi agredida por unha banda de fascistas cando voltaba para a súa casa. O motivo foi unha pegatina da MCG, que a moza levaba pegada na solapa. Despois de insultala, tirárona ao chan e cunha lima dun cortaunllas marcáronlle no corpo con cruces gamadas ao non ceder ás súas pretensións de que cantase o ‘Cara al sol’. Aparentemente é unha nova agresión fascista sen máis, pero para nós non deixa de ser unha agresión contra unha muller como amosa o feito de terlle marcado o símbolo nazi no peito esquerdo o tempo que proferían frases como: ‘A todas las putas rojas hay que violarlas’».
Carme Adán destaca que toda a documentación compilada resulta preciada e apunta que «algo que me impresionou foi ver como non se consideraba algo político mulleres no cárcere por abortar ou por adulterio. Na Transición, os dereitos das mulleres foron pelexados un a un por todas as que nos precederon». Así mesmo, a directora do CDIF pon en valor o importante papel que xogou a cidade de Vigo, sinalando que «dende a primeira festa feminista en Castrelos a ser a cidade galega coa primeira concellaría da muller e a terceira de España, ademais do primeiro Consello Municipal da Muller e a segunda casa de acollida en Galicia, na cidade de Vigo houbo un feminismo de rúa moi forte que conseguiu que se fose institucionalizando».
Por último, Adán reflexiona sobre o feito de que o feminismo organizado en Galicia está relacionado co internacional, mais con características propias, pois camiñou parello ás reivindicacións «da lingua, sindicalistas e mesmo nacionalistas, e sempre foi un espazo no que as escritoras foron moi importantes», sen esquecerse tampouco do movemento LGBTIQ+, xa que nos fondos é posible constatar o apoio pola liberdade de opción sexual e contra todo tipo de opresión a través de diversos manifestos e campañas valentes e provocativas para a época denunciando, entre outros, a invisibilidade das mulleres lesbianas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una boda celtista hasta las lágrimas: la sorpresa de Iago Aspas y Claudio Giráldez que emocionó a Valeria y Alberto
- Las playas de Vigo empiezan a vaciarse
- Diez carreras gallegas exigen más de un 12 para entrar en la universidad
- El perro más bello del mundo es de Vigo y se llama Hugo Boss: «Lo mejor que tiene es la expresión de la cara, es precioso»
- El comercio local de Vigo, en contra de la apertura de supermercados domingos y festivos: «Es competencia desleal»
- Muere un motorista en un accidente en Barro
- La gallega Tatiana Badiola de 33 años, entre las primeras beneficiadas por las ayudas de la ley ELA: «Ahora empieza otro desafío; convertir ese derecho en cuidados reales»
- Aduanas incorporará a su base de Vigo una patrullera de casi 40 metros incautada el pasado verano en el Estrecho