Literatura | Susana Sanches Arins Escritora, poeta de «Arte menor», nominado a mellor poemario nos Follas Novas
«Eu fun vítima da Sección Femenina e do folclore deturpado»
A autora, cuxa obra anterior, «Seique», está traducida ao inglés e castelán, é finalista nos Premios Follas Novas que se fallan este sábado

Susana Sanches Arins, co seu poemario «Arte de trobar», d´aCentralFolque. / S.S.

Pregúntolle á escritora e profesora de Secundaria Susana Sanches Arins –que dá aulas en Cuntis– por que escribe. Responde: «Escribo para ter voz e porque temos que contar moitas historias para que o mundo sexa diverso. Eu quero contar o meu rural para que haxa unha imaxe dese rural. Hai lugares no mundo no que hai mulleres que non teñen o dereito a alzar a súa voz». Tralo éxito de «Seique», sobre o seu tío falanxista e desalmado, a autora é finalista con «arte menor» (aCentralFolque) a mellor libro de poesía nos Premios Follas Novas que se fallan hoxe.
Como xurdeu o poemario?
A pulsión de escribir foi por un libro anterior no que participei nas xornadas «Somos pandeireteiras». Xuntáronse 100 pandeireteiras convidadas por Mercedes Peón e as súas compañeiras da Asociación Somos Pandeireteiras. Alí, tomei acta do que se falou. Saín moi emocionada de escoitalas e pensando: «Esta xente merece un libro e ter a súa historia colocada na literatura».
Á gaita, ténselle cantado moito, pero non tanto á pandeireta.
«Arte menor» vai por aí, era considerada unha arte menor, nin sequera arte; folclore no sentido despectivo. O gaiteiro ten estado na tradición poética pola figura viril. O feminino e colectivo quedaba fóra. Eu quería colocar como protagonista o colectivo en feminino.
Hai moito que toca a pandeireta?
Agora, non me dedico a ela. Quedei sen profesora hai uns anos e non volvín a apuntarme noutra asociación. De nena, eu fun vítima da Sección Femenina porque o folclore que nos amosaban estaba deturpado. Cando eu era pequena non había pandeireta. As nenas bailaban, os nenos tocaban.
Deixou pouso o Día das Letras Galegas dedicado ás cantareiras?
Creo que si ten pouso porque foi unha celebración con moita trascendencia a nivel popular. Neste caso, trascendeu o institucional e cando non queda nalgo individual ten futuro. A base do mantemento da nosa lingua estivo no rural e no oral.
Que importancia ten a Asociación de Pandeireteiras?
É importante que teñan voz propia, que ninguén fale por elas. Apropiáronse das súas voces pero elas non eran escoitadas.
A súa poesía caracterízase por un estilo propio moi diferente. «o lugar» abre o libro. Lembra a entrevista xornalística ou a recollida.
Hai unha vontade testemuñal. Nas clases de pandeireta, os momentos de descanso eran de convivencia, de coñecernos e poñer na mesa cuestións que nos preocupan. Quixen poñelo no libro facendo como que a mestra coloca a gravadora para gravar as aulas.
Está moi presente a violencia contra a muller. Por exemplo, no poema da cadeliña.
Gústame moito ese poema. O libro fala de moitas cousas. Son mulleres que falan da vida cotiá e nela hai violencia. Non quería ofrecer unha ollada paradisíaca da vida no rural ou das mulleres. Aquí, a persoa que sofre a violencia non se comporta como unha vítima. Era importante que estivera aí pero non revitimizala.
Suscríbete para seguir leyendo
- Las playas de Vigo empiezan a vaciarse
- Diez carreras gallegas exigen más de un 12 para entrar en la universidad
- La Diputación puede verse obligada a devolver la Pousada da Lanzada y su centro vacacional
- Una enfermera vuelca en Vilagarcía tras quedarse dormida al volante
- Un abogado irá a juicio en Vigo acusado de masturbarse ante una clienta por videoconferencia
- El Ministerio de Cultura reabre la investigación sobre la «casa barroca» de Combarro tras un vuelco documental
- Un banco pagará 6.000 euros en costas por no devolver 104 euros a una clienta de Vigo
- Un vigués logra que la Justicia le reconozca ser dueño de una finca tras 30 años de conflicto con los comuneros de Cabral