Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Jamas Voz principal de Lumedoloop

«Hai xente á que non lle gusta posicionarse e a nós non nos gusta non facelo, cremos que incluso é unha obriga coa que está caendo»

Finalista nos Premios Martín Códax na categoría de Músicas Urbanas, o grupo de rap presenta o seu primeiro LP, «(Re)existencia», o vindeiro domingo 10 na Sala Rebullón

De esquerda a dereita, DJ Mil, Jamas e Møu.

De esquerda a dereita, DJ Mil, Jamas e Møu. / Bastian Rodríguez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Da asociación de Jamas e Møu, membros fundadores de Dios Ke Te Crew, pioneiros do rap en galego e referentes da escena urbana dende hai dúas décadas, xunto con DJ Mil, un dos máis recoñecidos do hip hop galego, naceu recentemente Lumedoloop, un novo grupo de rap con identidade propia e que vén de resultar finalista nos Premios Martín Códax na categoría de Músicas Urbanas polo seu primeiro LP,  «(Re)existencia». Este álbum será o que presentarán en directo o vindeiro domingo, día de 10 maio, na Sala Rebullón a partir das 20.30 horas, unha estrea que terá lugar coa mostra doutro debut discográfico, «Atardecer Harmonioso con Gotas de Primavera», o primeiro disco de Cibrán García, a metade de Boyanka Kostova.

-Como nace Lumedoloop?

-Xorde de maneira natural, porque Møu e eu somos amigos da infancia e compartirmos conxunto en Dios Ke Te Crew. Tiña temas que estaba construíndo con instrumentais del e que viamos para un proxecto con identidade propia, independente a Dios Ke Te Crew. Gravamos un par deles, disto hai aproximadamente dous anos, e falamos con DJ Mil, que o coñecemos de hai moitos anos e é todo un referente, e empatamos no momento. Fixemos un proxecto máis ambicioso do previsto, que non era máis que facer música, cancións e gozar do proceso.

-E sae un disco que pon o foco no auxe do fascismo, na situación crítica do galego, no circo das redes sociais e a IA... É unha boa carta de presentación e tamén un retrato axeitado da sociedade actual.

-Si. Gústame que a arte sexa comprometida e transformadora. Hai xente á que non lle gusta posicionarse e a nós non nos gusta non facelo, cremos que incluso é unha obriga coa que está caendo e á sociedade da que formamos parte non podes darlle as costas. Se falamos en concreto da música rap, que é un espello social, non falar do que está acontecendo é difícil.

-A crítica está presente, pero hai temas como «Non traio un laio», «Seca as bágoas» e mesmo «O xerme da desobediencia» que deixan a porta aberta á esperanza.

-Si, xusto. O peche quixemos facelo así, porque o traballo, que é bastante conceptual, comeza dun xeito un pouco desolador: está «Involución», que é unha diagnose do que está acontecendo, que é todo tan negativo, logo tamén está o tema de «Baixo cal», sobre os nazis. Queriamos que non se vira todo gris, porque non queremos que o sexa, pero tendo claro que a esperanza pasa polas xeracións que veñen detrás, na educación deles e delas, por mobilizarse dende abaixo, dende a base, como fixemos sempre, e polo pensamento crítico e polo compromiso, tamén por non deixar que ocupen espazos que non lles corresponden, que nunca lles corresponderon e que non podemos permitir que lles correspondan nun futuro. No tema de «O xerme da desobediencia» cantan unha das miñas fillas e o fillo de Møu, é o peche redondo, porque son xa o presente máis que o futuro e pasámolo moi ben gravándoo.

-Para as persoas que escoiten Dios Ke Te Crew se cadra é doado atopar en Lumedoloop unha reafirmación dos seus valores, foi complexo marcar esa diferenza?

-Entendo que é normal que se identifique, a miña é unha das voces e as instrumentais son de Møu, e ao final tampouco facemos reguetón. Pero si que é certo que Lumedoloop é un grupo que construímos como un proxecto propio, con identidade propia e independente, con outro set e tamén con outra proposta en directo. Nós tiramos moito cara o rap clásico, a min persoalmente é o que me flipa, encántame o boom bap máis dos 90, e se cadra aquí está máis presente que en Dios Ke Te Crew.

Os integrantes de Lumedoloop.

Os integrantes de Lumedoloop. / Bastian Rodríguez

-Cunha traxectoria de máis de dúas décadas na música en galego, como valorades a súa evolución?

-É certo que foi medrando e cando nós comezamos o circuíto era moi pequeno, de feito, nós iamos a festivais de rock ou de folk, que era o que máis había e eramos como bichos raros. Actualmente hai moitos grupos que están facendo música en galego sen ningún complexo e iso só pode ser positivo, ademais, é moi interesante porque algúns deles están atraendo a xente moi nova e ogallá isto sexa unha tendencia. Cos datos na mesa, a situación de galegofalantes é terrible, é un escándalo.

-Nas vosas letras xa o contades, que as vosas crianzas medran en galego, mais non é nada doado porque custa atopar espazos reais máis alá das familias ou as escolas.

-Exactamente, xusto. Creo que é dificilísimo loitar dende unha inferioridade tan grande como na que está o galego. Cando eramos novos había tres canais na televisión, que era a primeira, a segunda e a galega, na radio máis ou menos igual, e hoxe en día, co auxe de internet e plataformas dixitais, tes contidos de todo tipo menos en galego. Loitar contra iso é dificilísimo, é moi moi complexo e se non hai un apoio por parte das institucións, que non o hai, é imposible. O conxunto da sociedade, neste caso da cultura, da que formamos parte, temos que dar o máximo de nós, achegar todo o que estea da nosa man porque se non quedamos sen galego en cero coma, o cal non é ningunha broma. E con respecto ás crianzas, é importante que existan reflexos onde poder verse, pois no eido das artes escénicas, no cine, na música, no deporte,... que vexan que hai xente 'guai' que fala galego, iso creo que é vital.

-Con respecto á ocupación de espazos pola extrema dereita, igual que na sociedade, hai quen tamén o está intentando no rap. Imaxino que iso doe.

-Si, doe moitísimo. É un insulto á intelixencia da xente e unha falta de respecto brutal. Non hai palabras para describilo, pero é o mesmo que fan noutros eidos ese tipo de fascistas, tanto de Vox como doutros partidos. O que me dá moita pena é que é tan culpable ou máis o que lle pon o altofalante como o propio fascista, é terrible. Vox, por exemplo, lembro cando aínda non tiñan representación no Congreso ían de programa en programa en 'prime time' e logo cando chegaron as eleccións arrasaron, polo que darlle eco a este tipo de personaxes é un perigo porque estamos normalizando ata situacións de acoso, como fai Vito Quiles, chegando a un punto delirante que ou a xente dá dous pasos adiante ou imos rematar retrocedendo 60 anos. É incrible e baixo o pretexto da liberdade de expresión ocupan eses espazos, pero é que non ten que ter liberdade de expresión que non respecta aos demais, os dereitos básicos das persoas.

-Volvendo a Lumedoloop, esta mesma semana foi anunciado que estades finalistas nos Martín Códax, que supón para vós?

-Estamos moi contentos de estar finalistas con este disco, que saíu a finais de febreiro, e encantados de poder estar na que é unha festa da nosa música, por suposto.

-O domingo presentádelo na Rebullón e o vindeiro 15 de maio estaredes no ComposFest, hai algunha data máis confirmada?

-Temos algunha máis, só que aínda non se poden anunciar, pero vimos para quedar ata que nos boten, se se atreven, claro. Na Rebullón estamos este domingo e faremos tándem con Saibran, que somos amigos e tamén presenta o seu primeiro disco.

-E Dios Ke Te Crew seguirá?

-Si, si, seguiremos. Estamos de creación, preparando novos temas. De vez en cando, é preciso unha pequena pausa, coller aire e crear novos contidos para despois volver con máis forza, que é o que faremos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents