Entrevista | Begoña Feijoo Fariña Escritora
Begoña Feijoo: «Durante catro décadas, en Suíza, menores eran levadas a institucións das que volvían esterilizadas»
A autora galega, que migrou a Suíza con 12 anos, presenta en Galicia a primeira tradución da novela na que rescata a historia das vítimas da euxenesia baixo a escusa de seren «medidas coercitivas con fins asistenciais»

A escritora Begoña Feijoo Fariña. / Cedida

Entre as décadas de 1940 e 1980 moitas crianzas de familias vulnerables, fillos ilexítimos ou considerados problemáticos foron vítimas de «medidas coercitivas con fins asistenciais». Durante estas décadas, rapazas, na súa maioría, eran internadas á forza e enviadas a traballar como serventas ou explotadas en granxas, unha crúa verdade que a escritora Begoña Feijoo Fariña, quen migrou a Suíza con tan só 12 anos, apostou por ficcionar na súa novela «Un anaco de mazá seca» e cuxa primeira tradución vén de levarse a cabo en lingua galega da man de Rinoceronte Editora. A autora regresa esta semana á súa terra para presentar hoxe a novela na Libraría Paz, en Pontevedra, ás 19.00 horas, e participar mañá na Feira do Libro de Santiago.
-Que a levou a escribir sobre este escuro episodio rexistrado en Suíza?
-Levoume a escribir sobre este tema o feito de descubrir algo que non sabía que acontecera nese país que, como filla de migrantes, para min foi un país de acollida, de oportunidades, no que construír unha nova vida e que tiña idealizado. Para min era unha saba branca na que, de súpeto, botaron pintura vermella, unha imaxe branca manchada. Como nova cidadá pensei en que podía facer por mellorar esa situación e intentar que non se repetira, procurar dar voz ás vítimas dende unha voz distinta á súa, polo que iniciei unha investigación ao respecto, buscando persoas, documentos, falando tamén con médicos, estudando sobre como as nenas eran esterilizadas, sobre os métodos que se empregaron neses anos, as cifras e intentando entender así como aconteceu e como podía ser visto.
-As nenas foron as principais prexudicadas destes procedementos e abusos?
-Si foron moi prexudicadas, pero non só as nenas. Esas que denominaban «medidas coercitivas con fins asistenciais» eran só unha escusa para aplicar as ditas medidas a persoas que levaban moito tempo sen traballo, a persoas en situación de alcolismo, que directamente eran internadas en centros psiquiátricos, logo claramente as crianzas e tamén ás persoas xitanas nómadas. Había aldeas das que eran levadas as crianzas para institucións e despois volvían esterilizadas e foi unha práctica que perdurou oficialmente até 1975, aínda que seguía acontecendo nalgunhas aldeas tempo despois.
-Tivo a oportunidade de entrevistar a algunha vítima?
-Si, falei con tres testemuñas directas, das cales só unha foi unha nena internada. Outra delas foi unha muller á que lle levaron ao fillo cando acababa de nacer, porque se ti eras menor de idade, quedabas embarazada e pertencías a unha familia vulnerable economicamente, en vez de levar á nai, procedían a coller ao bebé e dalo en adopción, e logo ela era trasladada a centros nos que contan que nin sequera sabían por que estaban alí internadas, nin cando ían saír.
-Cos feitos que inspiraron a súa novela é inevitable establecer certos paralelismos co acontecido en España durante o franquismo: o roubo de bebés, o Padroádego de Protección á Muller...
-Si, certamente. Esta novela busca deixar testemuño dunha realidade para non esquecela e que non se repita, tamén que poida chegar a todas as persoas posibles, porque si que houbo unha comisión de investigación e posteriormente saíron varios libros con documentos históricos, pero quen vai lelos? Iso é o bo que ten a ficción, que malia que a miña novela non sexa unha historia real, si está baseada en moitas historias reais e que pode chegar a máis persoas.
-Fai referencia a que non se repita a historia, cando precisamente estamos vivindo un momento no que hai forzas políticas presentando discursos abertamente racistas.
-Si e a min é algo que me dá moito medo. Párome a pensar no que é a migración dos menores e semella que non somos conscientes de que son crianzas, que non son números. Nestes últimos dez anos, Europa está arriscándose a repetir a historia porque rapidamente esquecemos os feitos, a memoria histórica non existe en realidade e cando marchan esas persoas que viviron os feitos, que realmente saben o que pasou e o que se sufriu, todo queda esquecido.
-Que supón para vostede que «Un anaco de mazá seca» fora traducida?
-Para min é moi emocionante esta tradución en galego. Eu non tiven a oportunidade de aprender o galego normativo, só o da casa, e sinto que a miña vida de antes e a miña vida de agora, grazas a esta tradución, son dende hoxe a mesma, como se puideran confluír. Marchei a Suíza con 12 anos e para min foi como volver a nacer, aprendendo de novo a comunicarme e a facer novas relacións sociais, polo que sinto que agora esas dúas vidas están xuntas e nas presentacións destes días poderei xuntarme con familiares e amizades que levo 25 anos sen ver. Sinto que agora teño un idioma literario para falar coa xente que formou parte da miña vida de antes. Por outra banda, non teño outras traducións desta novela, aínda que están en marcha en letón, polaco e castelán, de feito en Suíza non foi traducida nin alemán nin en francés, coido que pola temática que trata, polo que me fai especial ilusión que a primeira tradución fora en galego.
Suscríbete para seguir leyendo
- Ya está el calendario escolar 2026-2027 en Galicia: fechas de inicio de curso, vacaciones y claves para la conciliación familiar
- El metal de Pontevedra vuelve a la calle por su convenio: primera jornada de huelga
- Una puja judicial de récord en Vigo: subastan un piso en la calle Rosalía de Castro valorado en más de un millón de euros
- El copropietario de Vegalsa estrena su primera promoción inmobiliaria con 14 viviendas en Vigo y ultima dos más de alto diseño en la ciudad
- Cucarachas en la cara, en la cocina y en la bañera en el Barrio das Flores, en Vigo: «Es insufrible»
- Tensión entre dos conductores a la salida del túnel de Beiramar en Vigo: «¡Estás loco, tío, estás loco!»
- El naval gallego rubrica su mejor arranque de año desde el vendaval del «tax lease» con contratos para 18 países
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo