Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

A regueifa e o pracer como ferramentas de transformación social entre a mocidade

A Morada Cooperativa acolle en Vigo este xoves, día 7 de maio, a proxección do documental «Regueifando con pracer», unha proposta que afonda na vivencia feminista da improvisación oral

María Domínguez y Raquel Doallo.

María Domínguez y Raquel Doallo. / Xoán Álvarez

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Cuestións relacionadas coa sexualidade, namentres tecen rede conectando a intimidade coa vida comunitaria, e todo a través da regueifa, celebrando así a improvisación oral como ferramenta de transformación social. Entre versos enxeñosos e reflexións compartidas, un grupo de mozas galegas «referentes» e que «non son a norma» protagonizan o documental «Regueifando con pracer», unha proposta impulsada por María García e Raquel Doallo que recolle parte das accións do proxecto «Regueifando con pracer: tecendo redes feministas de improvisación e coidados» e que será proxectado en Vigo o vindeiro 7 de maio, ás 19.00 horas, na Morada Cooperativa.

Gravado entre Vila de Cruces, Silleda e Santiago de Compostela, producido por Trespés Filmes e realizado por Cora Peña, Raquel Doallo e María García explican que «Regueifando con pracer» tivo a súa semente nunha conversa entre ambas na que intercambiaron os seus respectivos proxectos arredor do pracer feminino e da regueifa como ferramenta pedagóxica para incorporar no eido da economía social e solidaria, indicando Raquel Doallo que «tamén me gustaba como ferramenta colectiva e a nivel de activismo. A raíz dun obradoiro en Redondela e doutro en Lalín, vimos a oportunidade de pedir unha axuda e de repetilos, polo que empezamos a tecer o proxecto con colectivos culturais, feministas, combinando espazos presenciais e dixiridos principalmente a mulleres onde regueifar, improvisar en verso sobre sexualidade, coidados, e finalmente tivemos a idea de facer un documental».

Así mesmo, María García apunta que «no proxecto procurábase falar de sexualidade, dende a cultura propia, e tamén reivindicando que a regueifa é de todas, penso que xuntar a sexualidade e a regueifa é como un acto de reparación porque dá visibilidade a todas esas mulleres que dalgunha maneira estiveron invisibilizadas e caladas. A sexualidade segue sendo tabú e, antes, as mulleres non regueifaban tanto, polo que sacar as súas voces, sobre todo as das adolescentes, que son quen protagonizan o documental, permite ver como se está usando a regueifa como ferramenta de transformación, de reivindicación dos corpos, do pracer, da sexualidade. No documental vemos como elas improvisan sobre os temas que van saíndo e como transmiten unha mensaxe potente sobre feminismo, bo trato ou sexualidade que non é a norma entre a mocidade actual».

Elas improvisan sobre os temas que van saíndo e transmiten unha mensaxe potente sobre feminismo, bo trato ou sexualidade que non é a norma entre a mocidade actual

Pola súa banda, a directora da peza audiovisual, Cora Peña, sinalou que «para min foi sinxelo porque cando me incorporei o proxecto xa estaba en marcha» e destacou «a riqueza de ter a estas mulleres-nenas empezando e xa con percorrido na regueifa, que para min eran as protagonistas axeitadas, polo que busquei os elementos que me parecían que podían responder a esta demanda de facer un bosquexo do traballo colectivo e da rede que se tecía entre elas. Foi un traballo moi gozoso».

O documental «Regueifando con pracer» iniciou hai meses o seu percorrido de proxeccións por toda Galicia en centros de ensino, asociacións culturais e feministas, e as súas impulsoras anuncian que proximamente tamén será visionado na formación en igualdade que organiza dende hai máis dunha década a Universidade de Santiago de Compostela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents