Aniversario musical
SonDeSeu, de cantar a Madonna a vender 1.400 entradas do Mar de Vigo para o seu concerto do 25 aniversario
A orquestra folc de Galicia celebra o vindeiro sábado 25 anos cun directo cuxa preparación detallan Anxo Pintos e Xosé Liz
Tanxugueiras, Xabier Díaz, Abraham Cupeiro e Rodrigo Romaní acompañarán agrupación sobre as táboas

Mar Mato / Jose Lores

Tanxugueiras, Xabier Díaz, Abraham Cupeiro e Rodrigo Romaní fixeron malabares con cadansúa axenda. O vindeiro sábado 9 de maio actuarán xuntos con outros 60 músicos en Vigo por unha causa: celebrar o 25 aniversario da orquestra folk SonDeSeu. Será un momento histórico que se vivirá no Auditorio Mar de Vigo.
«Chegar a 25 anos unha formación das nosas características, tremendamente ampla e cunha loxística complicada, é case milagreiro. Ao mesmo tempo, é un aniversario cun número redondo como para deixalo pasar por alto», sinala como introdución Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu e director artístico do espectáculo.
Pintos engade que «queriamos convidar algúns dos maiores referentes na música tradicional galega que hoxe están nos escenarios». Entre eles, destaca Rodrigo Romaní que ata o ano 2022 foi director da orquestra SonDeSeu e da eTrad. Esta última é a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional do Concello de Vigo.

Ensaio de SonDeSeu na eTrad en Vigo. / Jose Lores
Xosé Liz, coordinador da sección de Requinta e Bouzoukis, resalta que «sempre procuramos que os nosos directos sexan uns concertos especiais». Por iso, o vindeiro sábado, «será un repertorio adhoc e especial», engade.
Nin Liz nin Pintos soltan prenda sobre o repertorio. «Queremos que se manteña o suspense», indica o segundo cun sorriso picarón. «Vai haber moito repertorio da orquestra pero faremos incursións no repertorio dos convidados. É dicir, a xente do público non se irá [para a casa] sen escoitar un tema propio de Tanxugueiras, un tema propio de Abraham Cupeiro e o mesmo de Rodrigo Romaní e Xabier Díaz», puntualiza Pintos.
Ademais, engade que haberá composicións musicais propias que estrearán e coas que colaborarán os artistas convidados.
Máis dun ano de preparación
Argallar un espectáculo deste elevado nivel levou tempo. «A idea vén da primavera de 2025. Sabiamos que queriamos algo especial, facer un concerto máis 'grande' ca os habituais. Barallamos unha serie de nomes, picamos alto e intentamos seducilos. Tivemos sorte porque nas primeiras chamadas confirmaron que lles apetecía participar. A partir de aí, empezamos a escarvar nos seus repertorios para ver que temas podían encaixar mellor na nosa orquestra. Hai que ter en conta que a nosa ten son sinfónico pero con instrumentos tradicionais», reflexiona Anxo Pintos.
Como preparación, primeiro determinaron a listaxe de temas e despois, unha das cousas máis complexas, foron armando os arranxos musicais, as adaptacións nas partituras. Como engadido, estableceron unha quenda de ensaios máis forte que do habitual.
A batuta de Xaquín Xesteira
As clases e ensaios de SonDeSeu e a eTrad desenvólvense no edificio do século XIX que acolle a Escola de Artes e Oficios (Universidade Popular), xusto no corazón da urbe olívica. Alí e no concerto do vindeiro sábado, converxen na luz da melodía zanfonas, harpas célticas, bouzoukis, requintas, voces, percusión, gaitas, contrabaixo... A batuta de Xaquín Xesteira, director da orquestra, é quen os modula.
A selección de músicos para SonDeSeu realízase nutríndose de músicos que estudan na eTrad. Os profesores de cada sección van observando a valía e encaixe de intérpretes aos que lles propoñen un posto na orquestra. «Somos moi afortunados co alumnado. Despois de 25 anos, temos moita sorte de manter a súa ilusión», resalta Xosé Liz.
Un fito europeo dende Vigo
Mais despois de dúas décadas e media, como é a saúde? Houbo algún momento no que temeron pola súa desaparición? «A orquestra -responde Anxo Pintos, integrante do mítico grupo Berrogüetto- naceu aquí e foi medrando ata o que é, unha formación de carácter sinfónico con instrumentos tradicionais e centrada na música tradicional galega. Houbo momentos mellores e peores. Dentro dos grandes fitos, sitúase a creación da Rede Europea de Orquestras Folk, o que se liderou dende Vigo. Levounos a ter de socios a Academia Sibelius de Helsinki, o Conservatoire of Scotland e a asociación Artemotiva de Italia».

Ensaio de SonDeSeu na ETRAD en Vigo para o seu concerto 25 aniversario. / Jose Lores
Un batacazo cando ao desapareceren as caixas de aforros
Recoñece que cando as caixas de aforros se converteron en bancos «toda a obra social que tiña en conta a cultura do país sufriu un apagón absoluto. A raíz de aí notamos a ausencia de mecenazgo. A partir de aí, cambia a busca de concertos. Estamos volcados na produción de espectáculos propios para que todos os anos poidamos ofrecer un concerto especial».
En canto á vindeira cita no Auditorio Mar de Vigo, subliña que «as entradas [1.400 butacas] esgotáronse en semana e media». «Agardamos un bo resultado pero non tan bo», engade Liz.
«Entre medias, tocamos en Balaídos, o que foi moi especial. Eu teño coñecidos aos que lles comentaron que, a raíz do concerto que demos para o Celta houbo xente que comprou a entrada mesmo en zonas de visibilidade complicada», indica o alumno e gaiteiro de SonDeSeu Anxo Pérez.
«Nós, os profesoras e profesoras da orquestra temos unha dilatada carreira -matiza Pintos- e comentámoslle ao alumnado que non se acostumen mal. Hai experiencias que esta orquestra viviu que nós dificilmente chegariamos a experimentar nas nosas carreiras individuais. Encher un Mar de Vigo é complicado».
«Empecei na gaita sen querer; marquei mal»
Entre o alumnado que forma SonDeSeu hai multitude de historias. A do gaiteiro vigués Anxo Pérez é peculiar e mesmo impacta a Pintos e Liz, que a descoñecían. «Eu estaba en sexto de Primaria e empecei na gaita sen querer. Quería apuntarme en informática pero marquei mal a casilla. Meu pai sempre nos dicía que quería ter un fillo gaiteiro, entón non o cambiei. Gustoume moito a gaita e entón empecei ir a outras escolas. Despois quixen entrar na eTrad e no conservatorio. Por sorte, marquei mal aquela casilla», conclúe.
Suscríbete para seguir leyendo
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Muere una mujer tras precipitarse desde un séptimo piso en Vigo
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- El baile de sillas en la Xunta se atasca: más de 2.100 empleados deben tomar posesión pero hay déficit de plazas para los grupos A1 y A2
- La vía verde más grande de Galicia: 28 kilómetros de recorrido e ideal para los ciclistas
- Dos acusados se enfrentan a 3 años de cárcel por apropiarse de 136.000 euros de la venta de una casa en Baiona
- El Gobierno cederá capacidad pesquera a los jóvenes que quieran dar de alta un barco para emprender en el mar
- CC OO y UGT ratifican el preacuerdo del metal de Pontevedra en sus asambleas