Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cinema

O Vigo dos anos 40 e a inauguración do aeroporto de Peinador resucitan na gran pantalla con cintas dun boticario do Casco Vello

Será unha proxección na que se verá o Barrio do Cura e O Berbés e incluso unhas alfombras florais no Casco Vello

As películas en branco e negro terán o acompañamento musical de intérpretes do Conservatorio de Tui

Barrio do Berbés e Poboadores en Vigo, nunha cinta de Rafael Luca de Tena que se poderá ver no Play-Doc.

Barrio do Berbés e Poboadores en Vigo, nunha cinta de Rafael Luca de Tena que se poderá ver no Play-Doc. / Cinemateca de Galicia

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

A memoria do cinema galego merece ser rescatada. As xoias non deben ficar nas caixas escuras agochadas. O cineasta Pepe Coira artellou un espectáculo para o Festival de Documentais Play-Doc de Tui no que se poderán ver imaxes dos anos 40 e 50 en Vigo gravadas por un dos pioneiros do celuloide galego, o boticario asentado naquela altura no Casco Vello Rafael Luca de Tena.

O vindeiro domingo 3 de maio, a partir das 18.30 horas e no Seminario Menor de Tui, haberá un reencontro con varias das súas obras acompañadas en directo pola música de intérpretes de piano, clarinete, violonchelo e guitarra eléctrica do Conservatorio Profesional e Escola de Música de Tui.

Alfombras florais no Casco Vello

Resalta Pepe Coira, que seleccionou as cintas que se verán, que «Vigo ten un capítulo especial nas súas obras, é o obxecto de moitas das súas películas. Imos ver a inauguración do aeroporto de Peinador pero tamén outras delicias. Unha, sobre as alfombras florais no Casco Vello, no Barrio do Berbés; e outra no Barrio do Cura. Dan unha imaxe descoñecida e interesante da cidade. Noutros filmes, podemos ver a evolución da cidade dendo os 40 ata os 70».

Imaxe do Barrio do Cura en Vigo nos anos 40.

Imaxe do Barrio do Cura en Vigo nos anos 40. / Cinemateca de Galicia

No caso das cintas sobre o Berbés e o Barrio do Cura cada unha ronda os seis minutos. «Son o retrato dunha cidade», resalta Coira que deixa claro que aparecen en branco e negro e sen son. A única sonoridade será o acompañamento musical do Conservatorio de Tui.

Nelas, quen se achegue, ollará o traballo do mar, as feiras, o lecer nunha mañá de domingo cun concerto de banda, os recunchos do Casco Vello, as olladas, un partido do Celta... En definitiva, a vida.

Un cineasta clave para Galicia

«Luca de Tena foi unha das figuras do cinema no noso país. Creo que debemos revisalo, é moi interesante o seu traballo. Hai un enorme valor documental no que fai. Pero non só é iso. El demostra moita intelixencia e sensibilidade para o factor humano, iso non sempre acontecía», reflexiona.

Así, cando o domingo o público vexa as imaxes da súa peza -duns 15 minutos de duración- sobre a inauguración do aeroporto de Peinador en Vigo vaise decatar de que «máis alá de rexistrar o feito histórico, amosa o evento na parte social. Por unha parte, mostra as autoridades militares, relixiosas e civiles; e por outra parte está a xente do común. El préstalle igual atención a uns que a outros. Esa curiosidade e o ollo que ten para o factor humano é o destacado en todo o seu cinema», sinala Pepe Coira.

A película é muda pero vemos unha misa de campaña no aeródromo para ver os obreiros que traballaron na inauguración que rematan comendo con ansia uns bocadillos que lles agasallan ademais de beber unhas xerras de viño. Tamén observamos a xente curiosa que se achegou para presenciar o fito e aproveitou para merendar alí co mantel e os alimentos sobre a herba. «Con outros cineastas, só veriamos os discursos; con el, vemos tamén a parte popular, da xente do común», enfatiza Pepe Coira.

Inauguración do Aeroporto de Peinador dos anos 50.

Inauguración do Aeroporto de Peinador dos anos 50. / Rafael Luca de Tena/ Cinemateca de Galicia

O guionista lucense e creador de series como «Hierro», «Rapa» ou «La canción», engade que o mundo do traballo e da festa son dous dos eixos recurrentes de Tena nas súas películas. Tamén destaca «o sentido de humor e da amizade que transmiten os seus filmes» se ben na plástica tamén resalta. «Ten secuencias dun valor plástico enorme», agrega.

Chega a Galicia por amor

Natural de Sevilla, Luca de Tena chegou a Galicia por amor ao casar cunha galega, de Redondela. «Á volta da Guerra Civil, instalouse en Vigo e mercou unha botica situada na Praza da Constitución que tivo ata os anos 70. A verdade, é que hai algo cos boticarios, o cinema e Vigo», comenta entre risos Coira en alusión a Chano Piñeiro.

As súas cintas, depositadas na Cinemateca de Galicia na Coruña, sairán por unhas horas cara o sur galego esta fin de semana nunha oportunidade única de velas fóra das dependencias herculinas.

No Play-Doc, na denominada sección «Sombras» que busca recuperar episodios do pasado cinematográfico que temos un pouco esquecidos, buscan chamar a atención sobre este persoeiro e quen sabe se animar a algunha autora ou autor a facer mesmo un documental sobre el.

Un autor moi prolífico e inusual

O domingo veremos media ducia das pezas que filmou Luca de Tena. Este foi un autor prolífico. «Estes filmes deben representar só un 5% de toda a súa colección. Ten moito material e esta só é unha pequena mostra, agardemos que representativa do que fixo», resalta.

Rafael Luca de Tena, filmando. El foi boticario no Casco Vello de Vigo e un dos cineastas pioneiros destacados.

Rafael Luca de Tena, filmando. El foi boticario no Casco Vello de Vigo e un dos cineastas pioneiros destacados. / Cinemateca de Galicia

Como engadido, haberá na proxección unha curiosidade, unha película rodada en galego a mediados dos anos 60. Trátase de «Miña aldea». Sobre ela, indica Coira que «é algo nada común para aquel momento. O guion é do seu fillo, o xornalista Gustavo Luca de Tena. Non é unha película como un eloxio ou cántico cara a aldea que desaparece. O filme está formulado como unha redacción dun rapaz de aldea que describe como é ese lugar; está chea de ironía e cunha ollada limpa dun cativo. É unha película sorprendente». Tamén proxectarán «Impromptu» (1960), un filme máis abstracto.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents