Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Artes escénicas | Alejandro Jato Actor, protagonista do «Hamlet» do Centro Dramático Galego

«O teatro está menosprezado en Vigo e creo que se está perdendo unha oportunidade»

O vigués Alejandro Jato dá vida ao príncipe de Dinamarca en «Hamlet», a última produción do Centro Dramático Galego que esgota todas as entradas

O intérprete lamenta que a peza non saia de xira

O vigués Alejandro Jato é Hamlet na última produción do Centro Dramático Galego.

O vigués Alejandro Jato é Hamlet na última produción do Centro Dramático Galego. / CDG

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Sobre o palco do Salón Teatro de Santiago tres actrices vestidas como traballadoras da limpieza moven un burro rodante con traxes e camisas de home. De súpeto, a figura dun individuo en bañador xorde. Está mudo. Está morto. É o rei de Dinamarca. O «Hamlet» do Centro Dramático Galego -con dramaturxia de Vanesa Sotelo e dirección de Tito Asorey- atrapa a audiencia dende esa primeira escena ata o final. Proba é que enche as butacas da sala en cada función. O clásico de Shakespeare revélasenos no noso mundo contemporáneo. O encargado de protagonizalo é o vigués Alejandro Jato. Pódese dicir que levaba máis de media vida agardando polo papel. A mala nova é que unha peza na que se gastou tanto diñeiro público, outra vez, só se verá en Compostela. Falamos con el desta anomalía, da obra, da doenza mental e do momento de guerras.

-A montaxe do «Hamlet» anos atrás de Lino Braxe, con Luis Tosar, quedounos na memoria. A que vostedes están representando en Compostela será inesquecible tamén. A cuestión é que non sería doado levar este espectáculo a calquera sala. Non en todas o espectro do rei pode andar pola tramoia...

De momento, non é posible ter unha xira. Galicia vai quedar sen poder disfrutar deste espectáculo. Dános moitísima mágoa. Estamos reclamando un esforzo para superar a burocracia e lograr que esta obra que nos están pedindo de toda Galicia poida chegar a outros lugares. Podería adaptarse a moitos teatros. Mesmo hai xente de Madrid que nolo pide. Deberíase facer un esforzo para exportar a nosa cultura fóra porque o gasto o esforzo feitos son importantes. Sería unha mágoa que este Hamlet só quedase en Santiago.

Jato, no centro, nunha das escenas de "Hamlet", do Centro Dramático Galego.

Jato, no centro, nunha das escenas de "Hamlet", do Centro Dramático Galego. / CDG

-Que supón para vostede este papel?

Para min, facer Hamlet era un soño. De pequeno, na escola, fálanche de este personaxe pero ademais diso hai tempo que levo viaxando moito a Londes e interésame moito o teatro inglés. Sempre foi unha cousa que soñei facer nalgún momento. Ademais, traballar con Tito Asorey como director é unha oportunidade. Moi rápido se me apartou a presión e intentei centrarme en disfrutar ao máximo do proceso. A verdade é que hai tantos hamlets como hai actores. Cada un lle damos a nosa impronta persoal.

-A proposta que vostedes amosan é moi contemporánea.

A dramaturxia é contemporánea e propón temas de actualidade pero en realidade creo que a xente pensa que é máis contemporánea do que é. O texto orixinal xa fala de cuestións que hoxe son de actualidade. Eu sentinme moi libre e moi escoitado. Houbo moito diálogo nos ensaios e tempo para reflexionar ao redor das escenas.

-Vostede como Hamlet sente esa adoración por seu pai?

A verdade é que tanto co meu pai como coa miña nai teño unha relación moi estreita pero distinta da de Hamlet, principalmente porque non está marcada pola cuestión política e institucional da realeza. Eles xa viron a función dúas veces e o vindeiro sábado repiten por terceira vez. Iso é especialmente emocionante para min.

Un dos momentos do "Hamlet", do CDG.

Un dos momentos do "Hamlet", do CDG. / CDG

-O tema da familia vertebra moito a peza.

A xente pensa que fala da honra pero non deixa de ser un drama familiar que fala das relacións, das expectativas dos pais, de tratar de cumprir esas expectativas. Tamén fala dun rapaz, case adolescente que recibe de herdanza un mandato do seu pai que non lle pertence.

-Tamén está presente a saúde mental. Con esta obra, cambioulle a ollada sobre ela?

Vivir non é fácil. Tanto para nós como para os espectadores, esta función axuda a que nos fagamos preguntas incómodas que teñen que ver coa parte existencial, coa morte, co camiño da vida cara a morte. A situación de Hamlet ten moito que ver coa angustia existencial e con non ser entendido ademais de atoparse nun lugar onde parece que nada ten sentido. Non hai moita fe no futuro. Hamlet pásase toda a función dubidando. En canto á saúde mental, eu hai tempo que vou a terapia, que trato de traballarme. Hai unha cuestión de insatisfacción vital que percorre esta xeración.

-Vostede ten fe, é dicir, é espiritual?

Teño fe na miña nai e no meu pai, no futuro, en que as cousas van ir ben. Outras veces, non teño tanta fe. Con esta función, estou tratando de atopar a fe na dúbida, na incertidume, porque se non, non faría falta. Neste momento da miña vida, non estou tan conectado co espiritual, polo menos, no sentido relixioso.

-O texto ten moita vixencia polo temor da guerra.

Cando fixen «Ricardo III», de Shakespeare, nun momento, a obra falaba de que había que ter clara a túa cor e a do inimigo. É como ter unha bandeira e ir por ela sen razón. Iso asústame polas consecuencias nas persoas que están en perigo. As decisións importantes tómanas xentes á marxe de nós e do noso coñecemento. Intúo que as razóns que están detrás non son as máis loables. Iso paréceme preocupante. Despois, están tamén as polarizacións. A obra fala diso tamén. Laertes e Hamlet están dispostos a matarse pola morte dos pais; están dispostos a matarse por algo que non lles pertence. Nos ensaios, falabamos de que España está dividida, polarizada, por unha guerra e por unhas razóns polas que a nosa xeración non ten experiencia propia.

-Semella que a cicatriz nunca vai pechar.

Moita xente ten interese en que sexa así.

-Como ve a saúde do teatro galego?

Sinto que o teatro galego está nun momento excitante sobre todo no Centro Dramático Galego que está apostando por atraer moito público, por apostar por montaxes de calidade. É unha felicidade tremenda e un síntoma de que axente necesita espectáculos ao vivo. Habería que dar máis apoio, desde logo, a nivel de exhibición polo menos no caso de Vigo. Alí, hai unha carencia importante; os espectáculos teatrais non chegan alí. Cando eu comeceu a ir ao teatro, Caixa Nova tiña daquela unha programación completísima. Ahora, con Afundación, non; non sei os motivos. En Vigo hai moito apoio cultural a outro tipo de actividades pero o teatro está menosprezado; estase perdendo unha oportunidade preciosa de levar Vigo ao lugar que se merece no teatro. Non digo que haxa maldade, pero estaría ben escoitar o que a xente sabe, o que ten da súa man.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents