Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Wöyza Cantante, compositora e produtora

«‘Valiosa’ pon en valor os ideais do feminismo; é unha reafirmación»

«Son moi esixente e para presentar algo que estivese á altura de Nach, que para min é un pai no rap, tiña que estar moi segura», afirma a artista que regresa á raíz do hip hop soul no seu novo disco

Wöyza estrea o seu novo disco, 'Valiosa'.

Pedro Fernández

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Percorrendo os espazos de traballo, namentres coñece de primeira man todo o proceso que seguirá a rotativa para imprimir a entrevista sobre o seu novo disco, conta que a visita á redacción central lle resulta moi emocionante tamén no persoal porque o seu pai tiña un quiosco e, ás veces, cando non lle daba tempo, era ela quen se ocupaba de repartir FARO DE VIGO. Nas distancias curtas, Sofía Trigo amosa honestidade e autenticidade, envolvendo a conversa coa verdade que garda a voz de Wöyza, unha artista que leva máis de dúas décadas consolidando o hip hop, soul e R&B na escena nacional. Toda unha pioneira en Galicia, a cantante da ría de Vigo, desas augas do Atlántico que contempla mentres fala, vén de lanzar o seu cuarto álbum en solitario, «Valiosa», proposta que ve a luz dez anos despois de «Pelea» e tras os EP de «Tábula Rasa» en 2019 e o que lanzou con The Galician Messengers en 2022, regresando agora á raíz do hip hop soul.

-«Valiosa». Novo disco e só o título xa é toda unha declaración de intencións.

-Si, valiosa pode significar moitas cousas, pero dende logo é poñerse en valor, poñer en valor os ideais do feminismo, e no disco tamén hai unha visión feminina, dos nosos sentimentos. É unha mensaxe para as novas xeracións e unha reafirmación destes valores.

-Atopamos un álbum de contrastes que comeza con ese «Florecer», seguido de «Valiosa», con toda esa forza e alegría, mais cara o final aparecen as «Sombras». Todo un contraste de sentimentos e emocións que afondan nesa escuridade que temos todas as persoas.

-Exacto. Son as luces e as sombras que habitan en nós, porque non hai unha persoa no mundo que non teña luces e sombras, incluso a persoa máis boa do mundo ten as súas sombras e é normal. A intro de «Florecer» conta ese rexurdir, despois de pelexar tanto conmigo mesma e sobre todo despois dunha pandemia, do confinamento, porque esa canción xa a escribín hai un par de anos, no momento no que tes que tomar as armas para volver á realidade. «Florecer» foi resurxir dunha depresión -custoume recoñecer iso-, e de toda a pelexa interna e os cambios que tiña que dar para chegar a este disco. «Florecer» conta ese ter que mollarse, ir até o fondo dos problemas, e enfrontarse, no meu caso, á soidade, un melón bastante grande que abrir. Este disco fíxose en soidade e creo que por iso é tan íntimo.

-Dende o EP de «Tábula Rasa» aconteceron dende unha pandemia e un confinamento a un xenocidio en Palestina e todo un contexto convulso a nivel internacional. E no seu caso, a nivel persoal , sumou a maternidade. É un disco atravesado por moitos procesos.

-Si, e que se di moi rápido, pero realmente algúns momentos pasaron moi lentos. Estiven dous anos cunha enfermidade non moi grave, pero si dolorosa, algo que me atravesou e que influíu moito na inspiración deste álbum. Por suposto, tamén a decisión de ser nai soa foi tamén moi importante. Xeralmente, todos os meus álbums son cancións que me acompañan, na toma de decisións, para contar as miñas vivencias, porque sei que a persoa que o vai escoitar está vivindo o mesmo, viviu o mesmo ou vai vivilo. Sempre fago a miña música para que chegue á xente, non é música baleira, non é música para ‘pijos’, por dicilo dalgunha forma, que son os que menos me escoitan, porque non teñen esas preocupacións ou igual si, pero non esa maneira de expresarse e simplemente buscan na música outras cousas.

Wöyza, en Chapela, Redondela.

Wöyza, en Chapela, Redondela. / Pedro Mina

-E na súa música hai mensaxe.

-Claro, e ás veces hai xente que non quere escoitar música con mensaxe. Cada un usa a música como considera, pero si que é certo que a miña música sempre ten esa identidade.

-Escoitando o disco é evidente que hai unha transformación, pero tamén esperta dúbida: segue procurando esa identidade ou hai unha reafirmación da mesma?

-Si, penso que se reafirma tamén, aínda que hai unha imaxe renovada, porque teño 42 anos -e moi orgullosa de telos, de chegar ata aquí e de seguir na música-. O outro día falaba cunha amiga sobre o meu primeiro álbum, «Pisando el suelo que ves», e digo: Guau, esta rapaza! Pero si que a vexo fóra de min, non teño tanta proximidade con ela e, cando a escoito, o que me xera é tenrura. Daquela tiña 23 anos e cando vexo a imaxe, a miña fotografía non é a mesma, pero penso que ten moita información que darme. Cando escoito esas cancións, digo: Que frescura! Agora teño moito peso cando canto, a voz é distinta, as cordas cambian, a mentalidade, as cousas que dicir, como te expresas, e iso é un proceso natural, se non fose así, creo que tería un problema. Si que hai unha reafirmación, porque penso que «Melodrama» pode lembrar a «Tu novio es un cabrón» 2.0, «Las llaves» pode recordar a «Lo sabemos hacer», ten algo que ver, con moito soul, que foi algo que sempre marcou a miña música, e aínda sabe a hip hop, pero tamén toco moitos paus do afrobeat, algo que me move moito actualmente. A inmersión que fixen con The Galician Messengers tamén influenciou este álbum, todo suma.

-E tamén están as sombras.

-Si. Creo que neste disco hai algúns temas que son algo máis difíciles, sobre todo por concretar o xénero musical. «Sombras» é para min o tema máis poético do álbum, no que afondo noutra maneira de escribir e, como en case todas as cancións, falo do particular e do xeral. Se nos poñemos no particular, estou falando das miñas propias sombras e procurando a luz. Fumar e ese «teño que deixar de fumar», xa é unha sombra, por exemplo, que conleva culpa, sentirte mal, ou cando comentas en redes e comezas un debate, porque queres sentirte mellor, pero logo estás envorcando odio, por que o fas? Creo que todos facemos cousas crendo que nos van ben, intentando buscar a luz, e o camiño non vai por aí. Esa frase de «mi corona es de hueso» é sinalar que eu son unha muller de carne e óso e que tamén son consciente de que esa coroa de ósos está feita das persoas que están sendo pisadas -non por min- en Irán, en Palestina, persoas inocentes que están sendo pisadas para que noutras partes do mundo haxa determinados recursos, e aí está a culpabilidade, no particular e no xeral. «Sombras» e «Canalla» son os únicos temas que non rematan en esperanza e, este último, pode interpretarse como unha canción que critica á xente canalla ou tamén a esta sociedade canalla na que vivimos, que mantén a «valla» de Melilla, por exemplo, de aí a petición de que haxa reciprocidade, un canto tan necesario hoxe: o único que necesitamos na vida é reciprocidade e empatía.

-Foi toda unha sorpresa que en «Valiosa» estea incluído «Cómo sería», tema de hai uns anos con Nach. Como foi esa colaboración?

-Tanto o tema con Nach como o de Alana Sinkëy, o de «Valiosa», foron feitos na mesma altura, pero decidimos sacar algún antes porque nos cadrou no medio da pandemia, de feito, cando Nach veu gravar o videoclip aínda estabamos con mascariña. Con el xurdiu dunha maneira bastante espontánea. Lembro que cando Lhanze, un dos produtores, presentou o beat de «Cómo sería», eu é que estaba escoitando a Nach, así que falei con el e díxome que si, pero coa condición de que escribira el primeiro a súa parte, a ver que lle saía. Mandoume o seu rap e xa me saíu o retrouso de golpe. O que me pedía ese tema era rapear, comecei a escribir, gustoume moito que el escollera esa temática e estou moi orgullosa e contenta de poder sacar algo así para presentar á súa altura. Eu son moi esixente e para presentar algo que estivese á altura de Nach, que para min é un pai no rap, tiña que estar moi segura, polo que pulín ese rap como se me fose a vida nel.

-E con Alana Sinkëy?

-Tiña moitas ganas de facer algo con ela, porque é unha das miñas artistas favoritas, polo que é un luxo. Fun ata a súa casa, que daquela vivía en Talavera de la Reina e acababa de ser nai, por iso a maternidade é tan importante no tema, pero sobre todo «Valiosa» é unha mensaxe ás nosas versións dos pasado para avisar ás do futuro, é unha «sanación», unha oda ás mulleres e tamén a calquera que sinta que lle están facendo bullying. Xurdiu dunha conversa, coñecéndonos intimamente, charlando das nosas vidas e ela faloume de que viña todos os veráns de xira co seu pai, Bidinte, un recoñecido músico de Guinea-Bissau, tamén de toda a súa experiencia, de como sufría bullying pola súa cor de pel, a importancia de ser afrodescendente na súa vida, a pobreza, é dicir, toda esa realidade que vivimos as persoas de familias migrantes. Había puntos en común, eu tamén sufrín bullying, aínda que por outras circunstancias, e nunca falei disto, por iso creo que é importante. Hoxe temos mecanismos para defender os nenos e nenas, pero non é suficiente, e isto é un apoio máis, é unha canción coa que te miras ao espello e es capaz de recoñecerte tal e como es. Ten ademais un videoclip no que unha rapaza preta mira as revistas e quere ter o pelo liso, pero de súpeto atopa a referencia dunha modelo negra orgullosa do seu cabelo.

-Que importante é ter referentes.

-Si, é fundamental ter referentes. E tamén ter referentes dentro do hip hop, porque eu non os tiña, todos os meus referentes eran masculinos e tiven que crealos, con todo o que iso conleva.

-Comentaba antes que foi un disco elaborado en soidade, a industria mudou moito nos últimos tempos, como o viviu?

-A industria deu un envorco moi grande e ás veces penso que non me sei mover, porque está cambiando constantemente, é moi difícil estar ao día en todo, sobre todo cando es artista independente, que cada vez tes máis difícil acceso. Cando tes unha carreira longa na independencia, cada vez tes máis difícil acceso, temos máis problemas para chegar a lugares aos que antes chegabamos máis rápido. Tamén hai máis oferta e menos demanda. Antes ti facías un disco e a xente escoitaba o disco enteiro, agora a forma de escoitar son playlist, son recopilacións, o que recorda aos 90, cando comprabas nunha gasolineira e descubrías cousas e se che gustaba o artista logo mercabas o disco. Hoxe destacar é máis difícil e a forma de escoitar e o consumo cambiaron moito. Os artistas independentes teñen que facer moitos investimentos e iso fai máis difícil o acceso, pero isto é tedioso, o público o que quere é que a música chegue e para os artistas o máis importante segue sendo dar un concerto e que ese sexa o teu reclamo, que vaian verte, porque no directo é onde realmente un artista amosa o que vale, o talento que ten e a entrega, polo menos a min si que me gusta pensar en facer discos como escusa para que nos concertos a xente veña e desfrute realmente do que lles podo entregar.

-Non é posible dicir que «Valiosa» é un regreso, porque tal e como conta, durante estes anos houbo unha continuidade da artista, pero si haberá unha volta aos escenarios cunha nova proposta. Sente vertixe ou ganas de gozalo?

-Ganas de desfrutar e, sobre todo, porque esta nova etapa está rexida por outra persoa que non son eu, entón si que tamén sinto que hai unha necesidade de atopar novas maneiras de traballar sen esgotar a miña enerxía, sen toxicidade. A industria da música é unha industria moi tóxica, en xeral, pero tamén hai xente moi boa, que te axuda, que cre en ti, empezando polos fans, xente que leva 15 ou 20 anos indo aos concertos, que están nas redes, como non vou mirar para aí? Penso que se estamos nesta vida é para desfrutala, evidentemente hai que ter necesidades cubertas, pero hai que ser feliz, esa é a miña filosofía, e aí está o meu regreso a «Pisando el suelo que ves», reafirmarme naquela nena que cría nalgo e polo que leva loitando todos estes anos, aínda que a industria intente socavar. Estou nun momento no que non me apetece ceder, penso que teño que facer o que me dea a gana e haberá xente que pense que a estratexia non é intelixente, pero non me importa…

-Pero é que é manterse fiel a unha mesma.

-Claro. Levo 23 anos de carreira sendo fiel e leal a min mesma e á xente que realmente está aí, por iso non teño présa. Antes vivía estresada, intentando chegar a todo, pero o mundo non se acaba e quen quere estar vai estar. Eu fago o disco para esa xente.

Wöyza.

Wöyza. / Pedro Mina

-Ten moito mérito permanecer na música tantos anos, abrindo camiño sen referentes, sendo muller e, no caso de Galicia, sendo unha pioneira. Pesan as etiquetas?

-Si, e penso que ás veces as etiquetas, especialmente na prensa, son algo que me fixeron bastante dano de cara a outras artistas. Durante tanto tempo houbo quen me etiquetou como a «raíña do hip hop galego» que semellaba que eu pretendía non deixar oco para as demais, e para nada! É certo que eu levaba máis tempo e tiña unha estrutura á hora de traballar, pero cadaquén fai o seu camiño e a música conecta ou non conecta coa xente. Ás veces as etiquetas fan un pouco de dano, moitas veces sinto que non encaixo, pero é que non estou feita para encaixar na «horma» do zapato de ninguén, e penso que iso é o que favorece abrir camiños, diferenciarse, por iso igual acabei nesta andaina, igual que na de iniciar a maternidade en solitario, outra batalla na que non temos moitas referentes e da que non se falaba, igual que da masturbación feminina e que tamén está no álbum.

-Cada vez máis aposta por rodearse de mulleres á hora de traballar, por que é importante e que vantaxes atopa?

-Hai moita máis comprensión, gústame máis a visión tamén. En «Pisando el suelo que ves» estaba moi influenciada por artistas masculinos e, aínda que o feminismo sempre estivo en min, estaba rodeada de homes, tanto produtores como artistas, polo que aquela visión era masculina, e hoxe non. Penso que moitas das miñas crenzas se puxeron no lugar no que tiñan que poñerse, por iso é tan importante para min estar rodeada da visión das mulleres.

-Que folla de ruta lle agarda a «Valiosa»?

-Aínda por confirmar, haberá proximamente algún concerto, pero imos deixar que a xente coñeza as cancións e facer a xira forte despois do verán, con directos en Galicia e, por suposto, en Vigo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents