Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Chicho Músico de Boyanka Kostova

«Hai xente que ve os grupos en galego como animais en perigo de extinción»

O grupo deixa o rap pola electrónica en «X», o novo disco, e opina: «A música é cultura e está regada pola evitación da realidade con pastis, viño ou cervexa»

Cibrán e Chicho forman Boyanka Kostova, que cumpren dez anos e sacan novo disco.

Cibrán e Chicho forman Boyanka Kostova, que cumpren dez anos e sacan novo disco. / B.K.

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Boyanka Kostova teñen unha das chaves da música en galego do país. Comezaron hai dez anos e demostraron que no idioma de noso podía facerse rap e trap hedonista e retranqueiro. O seu exemplo cundeu. Estes días publican o séptimo disco, «X», pola súa década. Falamos co Chicho (en solitario, Ortiga) sobre este disco.

—Como ven agora, dende a distancia, os seus comezos?

A verdade é que nos dá a sensación de que foi hai 50.000 vidas. Non só polos dez anos de vida do grupo, senón porque un tercio da miña vida está ligada á banda. Estou moi contento co momento e coas cousas que nos pasan. Antes de Boyanka Kostova, tanto Cibrán coma min, tivemos mil bandas que non duraban nada. Boyanka foi a primeira na que os dous nos puxemos en serio dicindo que a carreira tiña que ser duradeira inda que nos escoitasen catro persoas.

—Coincidiu cun momento histórico da música galega e en galego moi bo. Aí, vostedes tiveron un papel moi importante.

Non sei ata que punto somos responsables diso que comentas. Vexo que hai dez anos a cantidade de grupos que faciamos música en galego era moito menor; tiñamos unha vida moito menos profesionalizada inda que quixeramos vivir das bandas. O que penso é que o noso grupo, se algo fixo bo, foi abrir o idioma a sons que eran inéditos no galego. Ata ese momento, non era o habitual en Galicia. Só queriamos vivir da música que tocaramos e, humildemente, foi o que conseguimos. Moita xente nos dicía que era imposible.

Boyanka Kostova cumpre dez anos e celébrao cun novo disco, "X".

Boyanka Kostova cumpre dez anos e celébrao cun novo disco, "X". / B.K.

—Gustoume en especial a portada deste álbum: os dous vestidos de traxe xastre con pantalón e americana rosa chicle; a facer exercicio nunha elíptica no medio do asfalto pero a carón da herba.

Para plasmar o percorrido destes dez anos, pensamos que podiamos facer para que fora diferente ao de antes. Démonos conta de que sempre faciamos portadas con ilustracións ou debuxos de nós, tras sete discos e dez anos, decatámonos de que nunca saímos na portada dun disco noso. Pensamos que por primeira vez había que saír.

—Imos co disco. Por veces, lémbrame o electropop dos 90, pero fáleme da fonte de inspiración.

Nos discos anteriores, sempre houbo unha liña principal de rap e derivados. De vez en cando, fixemos algunha incursión en sons máis electrónicos. Vimos que nos concertos cada vez funciona mellor o electrónico e cada vez menos o rap. Para o décimo aniversario, decidimos abrazar esa estética que tantas alegrías nos dá nos concertos para facer algo de pura zapatilla. É o disco máis afastado da idea inicial de cando comezamos o grupo. A autoetiqueta de grupo de rap está difuminada.

—Entre os dous, hai moita discusión para tirar o fío musical para un lado ou para outro?

Desde o principio, tivemos algo moi bo. Cibrán é letrista; e eu son o que fai as bases. Consensuamos unhas ideas e cada un vai traballando e cada pouco ímonos ensinando por onde imos e traballando en conxunto. Así é máis eficaz e eficiente.

—O álbum paréceme unha viaxe na noite dende que te preparas na casa para saír de festa, te dirixes aos locais e vives a farra.

Dá esa sensación pero nós realmente nunca nos preocupamos do significado do álbum ou de contar unha historia a través das cancións. Os nosos temas son un diario para nós. No disco, plasmamos grandes historias que nos pasaron a Cibrán e a min dende que fixemos o último álbum. Tratamos de que sexa como un diario da nosa vida. Esta última época foi de moitos cambios, de saír moito de festa e de vivir moi rápido. Iso quedou plasmado no álbum.

—O primeiro tema é Tussiwaracha. Non sei se é unha oda ao tusi (droga rosa) ou ao guracha (ritmo cubano).

É un resume do sentimento que ten moita xente cando sae de estar metida nun bucle sen fin de tusi e guaracha pero sobre todo de estar facendo deporte contrareloxo e cunha tensión interior moi grande. É máis un experimento.

—«Bota un culín» fala de poñerse como un can.

Queriamos facer unha homenaxe á enorme cantidade de sidras que bebemos estes anos. Entre pitos e frautas, pasamos moitas noites de festa, todas regadas con sidra. A sidra foi unha das cousas que máis permitiu o desenvolvemento deste álbum así que, como mínimo, tiña que ter unha canción.

—El Rulo participa en «Hoy me la gozo».

El é un amigo meu de toda a vida, un fenómeno e un artista. É desas persoas que ten boas ideas para a música. El sempre nos está dando ideas e animándonos. Mola moito.

—«Cego de algo» e «Pastis» son outros dous temas. Pode ser unha mensaxe directa a drogarse?

Penso que non é así. As cancións son ficcións. Por que vexas a peli de Psicosis non vas ir matando xente por aí. Eu apelo á responsabilidade de cada un. Cada un é libre de escoitar estas cancións e pensar se hai algo que non lle parece ben e decidir non facelo. Non hai que tratar a xente de subnormal. Ao final, a música é cultura e esta está regada por todo tipo de evitación da realidade a través de pastis, viño, cervexa ou outras cousas.

—Que se podería facer para mellorar a escena musical galega?

Estaría guai que houbera propostas como o Centro Xoven en Santiago, salas promovidas dende o Concello para que a xente que empece poida ensaiar e reunirse cos amigos para explorar as inquietudes artísticas. As salas deberían ter un trato máis favorable. As pequenas teñen dificultade para a súa actividade. O peche da sala Mala Testa en Santiago mata a cultura. Agora, quedan salas de 200 ou 800 persoas. Que pasa cos grupos que logran 500 persoas? Non poden aspirar á Capitol porque se arruinan; pero tampouco poden dar tres concertos nunha sala de 200. Enchémonos a boca dicindo que a cultura é marabillosa pero non coidamos os locais que a fan posible.

—Anos atrás, poderiamos pensar que a eclosión de grupos en galego podía ser cousa de tres anos, pero vai a máis. Está totalmente asentado?

Dá para reflexionar amplamente. É moi curioso que, no galego, canto máis sana é a situación do galego, menos bandas hai. E viceversa. Hai 30 anos, había menos bandas en galego, pero falábase mais o idioma. Dáme a sensación de que a xente ve os grupos en galego como animais en perigo de extinción. Ao melor é así pero eu teño claro que igual que un italiano canta en italiano e un francés en francés o galego canta en galego. Eu vou facer a miña música neses termos, dáme igual se funciona ou non. Para min, non vai funcionar se non é en galego. Falo con xente que facía música en castelán pero que se pasa a facela en galego porque mola máis e está máis aceptada. É o único momento no que pasa iso, non pasara antes nunca. A xente está empezando a entender o valor cultural que ten o galego e a expresión sincera dun mesmo. Gustariame que de todas esta corrente de xente que facemos música en galego desembocara en máis persoas falándoo. Hai que disfrutar o momento e que cada un faga o que poida. Nunha semana, saen vinte temas en galego de diferentes grupos. Igual vale para algo o que estamos facendo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents