Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Alba Rodríguez Saavedra Investigadora

«Olvidaron Ruth Matilda Anderson porque ía contra os intereses dos prohomes»

«Ela cambiou o foco; no canto de mirar para eles fixouse nas mulleres do rural galego», defende a autora, que presenta este xoves libro en Vigo

Alba Rodríguez Saavedra.

Alba Rodríguez Saavedra. / Marcos López

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

O traballo fotográfico e ensaístico máis completo sobre a vida da muller no rural galego nos anos 20 do pasado século leva o cruño fotográfico e da mecanografía dunha muller norteamericana: Ruth Matilda Anderson. Tras 15 anos de labor na investigación, estudo do galego e do español, análise de obras, retratos e redacción (ata revelou en Vigo de xeito prestado no consulado norteamericano), publicou no 1939 «Provinces of Spain» nos Estados Unidos.

A obra nunca se chegou a publicar en Galicia, nin sequera hoxe. Só contamos con achegas. A tradutora e investigadora Alba Rodríguez Saavedra analiza a causa do esquecemento no seu libro «Ruth Matilda Anderson, tradutora das marxes». Hoxe xoves, ás 19.30 horas, presenta a obra no Espazo Ateneo, Hernán Cortés, 28, en Vigo.

—Vostede sinala na obra que o ensaio de Anderson do ano 1939 é «un dos máis exhaustivos sobre a cultura de Galicia» porén «protagoniza a periferia do noso sistema literario».

Foi un libro que aquí case non tivo eco nin repercusión. A recuperación en certa medida do texto e das fotos empezou con José Luis Cabo no 1998 coa primeira exposición monográfica. Foi unha especie de illa. Despois, chegaría a exposición tan extensa de Afundación no 2009. Ruth Matilda non se tratou como un tema de fondo e o seu libro quedou completamente á marxe practicamente cen anos.

—Resulta incrible. Como vostede sinala esa obra recolle o maior número de textos rosalianos traducidos ao inglés ata o traballo feito no 1964 por Filgueira Valverde.

A miña tese, coa que me podo equivocar, é que a obra de Ruth Mathilda Anderson, tanto a gráfica como a textual, vai en contra dos intereses do canon, que eran intereses moi centrados nunhas masculinidades moi concretas que son as intelectuais e de certo nivel socioeconómico en Galicia. Ruth Mathilda chega e cambia o foco. En canto de mirar estes homes e as súas creacións, mira para elas. As mulleres pasan a ocupar o centro. Así, os nosos prohomes da cultura, os nosos intelectuais [en especial os da Xeracións Nós ou as Irmandades da Fala] non están. É dicir, as obras deles aparecen citadas no traballo de investigación polo que entendemos que os leu a todos pero o centro do seu estudo son as mulleres e a infancia rural.

—Ata que a lin, non reparara en que os patriarcas e ‘sobriños’ das Letras Galegas non plasmaran as mulleres nas súas obras. Como puiden ter o cerebro cego?

Esa é precisamente unha das virtudes de calquera estratexia de manipulación que se pon en marcha por parte dun centro dominante, inda que sexa o centro dun sistema minoritario ou minorizado como pode ser o galego. Pensemos en cando deixamos de entender Rosalía de Castro como unha choromiqueira. Pasamos o século XX crendo que Rosalía era chorar cando non, ela era o reivindicar. As estratexias están pensadas para que todas as persoas caiamos nelas. Son verdadeiras arañeiras, trampas mortais.

—Pero, que os levou a eles a situar a muller fóra do seu relato? O machismo herdado ou algo máis?

A miña idea é que elas non entraban na súa consideración. Non é que fose unha exclusión activa senón que non eran do seu interese, non conformaban a súa realidade. Polo tanto, non podían participar da súa actividade [cultural, social].

—Destaca a empatía coa que Anderson tratou as mulleres rurais e a rapazada.

Achegouse a elas con absoluto respecto e con carencia de condescendencia. Ela reivindica a forza, a valentía e a enteireza que teñen as mulleres.

—Atópase Ruth Mathilda no lugar que merece en Galicia?

Queda traballo por facer. Habería que traducir o seu libro ao galego. Iso é primordial. Tería que estar xa disponible en galego. A obra ábrese a moitas posibilidades porque o seu arquivo está composto por 5.000 imaxes, das que só coñecemos o 10%. Tamén queda a súa documentación. Eu non fun capaz de consultala toda. Está no arquivo da Hispanic Society of America en New York. Estar aí custa cartos e máis que cartos hoxe en día.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents