Entrevista | Patricia Verdial Asistente de Dirección no Museo MARCO
«A curaduría pon a atención no coidado da artista; hai que respectar os seus procesos»
A xestora cultural aborda o acompañamento nas exposicións dende unha perspectiva de xénero

A xestora cultural e asistente de Dirección no Museo MARCO, Patricia Verdial. / Alba Villar / FDV

Entre a ponte que se tende entre a obra dun artista e o público existe unha figura que exerce unha tarefa de mediación fundamental e que a miúdo pasa desapercibida para os espectadores e espectadoras que percorren as exposicións. Detrás de cada mostra, existe un coidado proceso de selección e disposición das pezas, así como de construción do relato e presentación do imaxinario da persoa creadora, mais tamén de acompañamento. Novos enfoques poñen en valor a curaduría fronte ao comisariado e, neste senso, a xestora cultural e asistente de Dirección no Museo MARCO, Patricia Verdial, analiza polo miúdo ese proceso dende unha perspectiva de xénero e tomando como referencia a súa recente experiencia coa artista Irene González, cuxa mostra «Si recordar fuera olvidar» foi unha aposta do museo vigués a finais do trimestre de 2025, dando o salto a Málaga o mes pasado en colaboración co centro de cultura contemporánea da Deputación de Málaga, exposición na que Verdial asumiu o acompañamento.
-Que matices diferenzan o comisariado da curaduría no proceso da montaxe dunha exposición artística?
-Para min hai unha diferenza fundamental dende a perspectiva do coidado. A palabra comisario é máis imperativa, namentres que curadora é un termo que vén do latín, dunha terminoloxía que procede dos coidados, e efectivamente a curaduría pon a atención no coidado da artista, algo que para min é moi importante: precisamos do coidado, de tempo e da maduración da proposta, meténdose plenamente no traballo e na personalidade da artista para coñecela a fondo, a súa psique, a parte máis emocional, porque é fundamental que haxa permeabilidade entre curadora e artista, que traballe co tempo necesario. Moitas veces, no mercado da arte, nas galerías, é certo que se esixe a produción, porque se alguén vive da arte, a galería ten que vender para pagar á artista e que esta siga producindo, pero para min é fundamental que se respecten os procesos, porque se non non se sería fiel á identidade da artista, sería un xeito de desvirtuala, porque nin sequera estaría contenta co resultado do seu traballo. Esa dualidade, esa tensión, ese xogo, que temos sempre presente entre a produción e a venda, hai que respectala, aínda que entendo que é difícil.
-E como é ese acompañamento ás persoas artistas?
-Interésame especialmente o traballo con artistas nais. Cada vez hai máis asociacións e iniciativas que recoñecen este papel da artista nai, así como residencias artísticas que teñen en conta a corresponsabilidade na crianza. Na maternidade, e penso que isto lle acontece a moitas mulleres, o teu corpo está embebido na crianza e chegas a esquecer que precisas descanso, tamén no que respecta á actividade mental, e moitas veces tamén é un proceso que se afronta en soidade. No MARCO, por exemplo, na exposición de Irene González, que ten dúas crianzas moi pequenas, foi un aspecto que tivemos moi presente e o feito de que as institucións culturais respecten as crianzas favorece que a artista estea tranquila nese sentido, tanto cando estás montando a exposición, un catálogo ou cando tes que desprazarte a calquera sitio.
-Este cambio de mentalidade é recente?
-Si, isto é algo que foi mudando co paso do tempo e cada vez é algo que se procura coidar máis. Relacionado coa exposición de Irene González, no MARCO, houbo por exemplo un momento no que me percatei de que a produción no estaba en marcha e non houbo ningún problema por parte do director en mudar a data de inauguración para respectar os tempos da artista, ademais de comentarlle a ela que podía traer á familia, porque tivo que asumir un mural que lle levou case unha semana e cadraba co inicio dos cursos en setembro, una época moi demandante, polo que pola nosa parte non houbo problema. Algo semellante ocorre na Térmica (centro de referencia nacional e internacional da cultura en Málaga da Deputación de Málaga). Cada vez existen máis residencias, tamén a nivel internacional, que poñen o foco na persoa e nos seus condicionantes particulares, como é o caso das mulleres artistas nais, e iso é algo que achega tranquilidade no sentido de que si permite avanzar o proceso.

Patricia Verdial no Museo MARCO. / Alba Villar
-Procuran achegar facilidades durante o proceso.
-Si, totalmente. Neste caso concreto, da exposición de Irene González en Vigo e logo en Málaga, traballamos durante dous anos facendo moitas entrevistas, conversas conxuntas para empaparme das súas lecturas, da súa personalidade, dos seus referentes, aspectos que penso que hai respectalos dende o principio. E, para min, outra cuestión fundamental dentro do proceso da curaduría artística é coñecer o espazo no que se leva a cabo a exposición, coñecer a alma do lugar, para respectala e desvelala: penso que ese lugar que garda a exposición durante uns meses determinados tamén ten que ter parte protagonista na propia mostra.
-A maior presenza das mulleres artistas nos espazos museísticos continúa sendo unha das grandes reivindicacións actuais no sector, van gañando terreo? Ocorre algo semellante no eido da curaduría?
-Efectivamente, para min a obrigatoriedade da paridade, cando existía un baleiro substancial e se silenciaba a figura das mulleres artistas, pois esa obrigatoriedade tivo moito sentido e penso que era moi necesaria. Na actualidade, penso que o importante está no pouso que podemos deixar cara o futuro. Con respecto á curaduría, avanzamos paseniño, pero si que a presenza da muller é cada vez maior. Ademais, dentro da diversidade, é importante sinalar que cada vez hai moitísima máis visibilización dende a perspectiva de xénero, porque hoxe en día xa se abordan outras colectividades máis alá do binarismo e que antes non se contemplaban. Isto tamén vén da man dun cambio xeracional, de non estar arraigados no pasado, senón que cada vez está máis presente esa perspectiva de que existen outras realidades, que é necesario velas, admitilas e situalas ao mesmo nivel que as outras realidades.
Suscríbete para seguir leyendo
- El metal de Pontevedra cierra un preacuerdo «histórico» con un alza salarial del 15%
- Cómo construir un nido artificial para aves urbanas: la recomendación de la la Sociedad Española de Ornitología para convivir con los pájaros
- Los sindicatos analizan la «nueva propuesta» de las patronales: se abre la puerta a un acuerdo en el metal
- La Comisión Europea plantea que los aeropuertos de Oporto y Santiago no puedan ofrecer ayudas a las aerolíneas
- Buscan a una mujer de 53 años desaparecida este pasado martes en Vigo
- Vuelve la Farola y vuelve el Acrópolis
- Muere un conductor de 27 años en una salida de vía en Sandiás
- El talento sobresale en las comarcas con catorce matrículas