Club Faro
Castro: «Antes un pai podía dar en adopción un fillo sen consultar a nai»
A bióloga e exprofesora universitaria Marisa Castro presenta o seu novo libro, «Soño de liberdade», onde recupera as penurias antano das mulleres nas aldeas e no traballo do agro

Marisa Castro foi presentada por Xosé González, onte, no Club FARO. / Pedro Mina

A profesora e investigadora da Universidade de Vigo Marisa Castro teno claro: «As novas xeracións pensan que todo pasado foi mellor, pero non é así». Para defender o seu plantexamento, en especial no relativo á liberdade da muller, puxo diferentes exemplos onte no Club FARO. Cun deles, levounos aos anos de lama e ferro da ditadura de Francisco Franco ao sinalar que naquelas décadas «un pai podía dar en adopción un fillo sen consultar a nai».
"Soño de liberdade" e a muller rural
«As mulleres naqueles anos tiñan que facer o que os homes querían. Non había maneira de saír da casa; non había forma de abrir unha conta bancaria [sen autorización dun home]; os fillos paríaos ela pero eran del. A vida dunha muller dependía do home que tivera ao lado; compañeiros non había moitos. Os maridos tiñan todos os dereitos», recordou a modo de denuncia durante a presentación do seu libro «Soño de liberdade» (Hércules de Ediciones).
Presentada por Xosé González, presidente da Fundación Peinador, Marisa Castro sinalou que escribiu o libro «pensando nas novas xeracións que esquecen o que pasou antes. Quero que reflexionen. Gústame que me critiquen, porque aprendes».
A autora de libros como «A saga das curandeiras» afondou no universo das mulleres nos espazos rurais nas décadas dos anos 60 e 70 en Galicia. Ao respecto, indicou que pesaba moito «o que dirán» polo que a familia e mesmo a Igrexa –na persoa do párroco– metían presión para encauzar o comportamento da rapaza ou adulta cara un determinado camiño. «A honra era o máis importante que había na casa para unha muller», indicou con pesar a escritora que naceu nunha familia labrega de Lugo e acabou estudando Bioloxía.

Marisa Castro no Club FARO. / Pedro Mina
No seu libro, volvemos a atopar a personaxe da anterior novela, a xornalista Rocío Cid. Desta volta, relata a biografía doutra muller, Sabela Couto. Debemos subliñar que se trata de dúas personaxes ficticias inda que beben da experiencia vital da autora.
A medida que avanzan as páxinas, imos coñecendo como foi a vida de Sabela Couto. Esta naceu nunha aldea de Lugo e nunha casa cuxo patriarca era moi rexo e mantiña as mulleres dentro dun círculo de submisión.
Sabela Couto: unha loita pola independencia
Sabela consegue ir ao instituto a Lugo onde, por falar galego e por ter a súa orixe humilde, recibe mofas de parte do alumnado. Inda así sobreponse e estuda. O seu soño é ir á Universidade. Mais ten tamén que traballar arreo na casa e no campo para sustentar a economía familiar. A súa situación empeora cando xa é mozoula e comeza a recibir presión para casar e lograr un home para a casa, para que axude nas tarefas. Ela négase, o seu soño é ser independente. «As mulleres que estudan acaban deshonrando a familia», respóndelle o pai, do que precisa a autorización para matricularse.
Indicou no Club FARO Marisa Castro que o fin de «Soño de liberdade» é «visibilizar a muller».
A pesar de que recoñeceu que o traballo no campo era duro, opinou que unha cousa positiva das aldeas de antes era o traballo comunal no que toda a veciñanza axudaba facendo máis comunidade.
Pola súa parte, Xosé González destacou que a protagonista «é un ser inquedo que cuestiona as pautas sociais da época», naquela Galicia dos anos 60.
Datos dunha Galicia analfabeta e rural
Lembrou que era un territorio, o galego, no que o 19% da poboación maior de 25 anos de idade era analfabeta e na que só o 1% da xente do rural chegaba á universidade. Esta, ademais, estaba destinado aos homes, máis que para as mulleres.
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Dos jóvenes de Cangas denuncian por estafa al propietario del piso que habían alquilado en la villa
- El puzle para crear una nueva gran zona residencial protegida en Vigo encaja otra de sus piezas: la Xunta somete a evaluación ambiental un segundo PIA en Lavadores
- Los chiringuitos baten otro récord en Nigrán: más de 16.000 euros al mes en Panxón y Praia América
- El metal vuelve a salir a la calle en Vigo: estas son las zonas afectadas por la manifestación de este miércoles
- La Audiencia mantiene la paternidad de un vigués aunque el ADN dice que no es su hijo
- Denuncia al exnovio de su hija por la okupación de su casa y su bajo comercial para abrir un negocio en Moaña
- Muere el patrón de una embarcación de recreo en Chapela al caer al mar, mientras su lancha seguía navegando sin rumbo