Entrevista | Antía Vázquez Voz e pandeireta en Alana
«Nas recollidas, fixámonos moito no que acontece detrás da música»
O trío musical presenta este sábado na Sala Capitol, en Santiago, o seu disco «Un saber»

Antía Vázquez xunto a Eloy Vidal e Pablo Castro. / Cedida

Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro encherán mañá, a partir das 21.30 horas, a Sala Capitol da esencia de Alana, un trío musical galego que vén de consolidar a súa proposta de fusión do tradicional co pop ou a electrónica co lanzamento do seu segundo disco, «Un saber».
-«Un saber» pon o foco no protagonismo que tiveron historicamente as mulleres en Galicia á hora da transmisión oral dos coñecementos populares, como naceu esta proposta?
-A propósito do que comentas sobre o papel das mulleres, moitas veces, cando fas ou escoitas recollidas con elas, existe esa idea de que o delas non era un saber, que a música non era a que facían elas, senón as murgas ou charangas, e non o que facían elas coa pandeireta. A nós chocábanos un pouco, sobre todo ao principio, porque para nós ese saber que elas teñen na cabeza, e non só musical, senón a nivel persoal, cultural e mesmo de crear comunidade, era tan, tan, tan grande que queriamos facerlle unha homenaxe neste segundo traballo.
-É un disco que conta con moitas colaboracións, hai tamén unha homenaxe a esa creación colectiva tan característica delas na música tradicional.
-Si, totalmente. Eloy sempre di unha frase que me gusta moito e que vou recuperar: «As músicas teñen que colaborar». Eu creo que en Galicia é algo moi bonito traballar en comunidade e a nós, tanto a nivel musical como a nivel de equipo, si que nos gusta traballar con xente próxima, con amizades, e ao final estas colaboracións xurdiron disto e, ademais de que achegan moito a nivel musical, tamén o fan a nivel persoal e de grupo.
-A obra da investigadora Beatriz Busto tivo un papel importante na inspiración deste traballo e, con respecto ás recollidas, hai tamén propias?
-A nivel de concepto de disco, marcounos moito o seu libro «As pandereteiras de Mens». Foi un pouco de casualidade, porque xusto estaba lendo ese libro e xa rondaban na miña cabeza as ideas que comentaba antes. Puxémolo en conxunto os tres e cadrou coma un guante, tivemos esa idea e xa foi todo sobre rodas. E con respecto ás cancións, si que hai algunha recollida nosa, sobre todo a nivel de como se inflúen, pero si que é verdade que neste disco hai moitas recollidas do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, que para nós é unha fonte amplísima de temas e audios que nos axudan moito á hora de crear.
-Á hora de afondar nesas recollidas, que é o que máis lle sorprende? Porque non deixa de ser un patrimonio moi rico que nos permite achegarnos a todo un legado cultural como pobo máis alá de localismos.
-Si, si, totalmente. Cando escoitamos unha recollida, non só nos centramos no que é a música en si, senón en todo o que acontece detrás, porque moitas veces están contando moitas cousas a nivel lingüístico, a nivel cultural, a nivel social e a nivel persoal das propias informantes. Eu creo que todo isto é o que crea este saber que comentaba antes e que a nós nos nutre moito á hora de facer as cancións, porque nos fixamos moitísimo niso que pasa detrás do cantar propiamente dito.
-Dende dentro, que marca a diferenza neste álbum en relación co primeiro traballo de Alana?
-Sempre dicimos que segue habendo unha continuidade na idea que temos nós de facer a música e de vivila, porque é a nosa esencia e como entendemos o grupo, pero si que é verdade que durante este tempo de facer directos e vivir Alana,a nivel musical, nós cambiamos e estamos un pouco máis experimentados. Tamén a nivel persoal vives moitas cousas que che van nutrindo consciente e inconscientemente, polo que tamén nós fomos cambiando un pouquiño, polo que creo que neste disco se reflicte moito ese cambio, quizais, esa madurez e que estamos nutridos doutro tipo de experiencias.

O trío musical Alana. / Cedida.
-Hai quen define «Un saber» como un disco bailable, pero tamén concibido para o íntimo, procuraron un equilibrio?
-Penso que fagas a música que fagas, ti podes ter unha intención á hora de expresarte dunha maneira determinada, non só no disco, senón tema por tema, pero é que despois cada un vive a música dunha maneira moi individual. Nós queremos ver bailar á xente coa nosa música, porque é algo moi bonito de ver dende o escenario, é algo que queremos transmitir, pero despois cada persoa vive isto de forma moi distinta e penso que iso tamén é o bonito da música.
-Que temas destacaría?
-Hai cancións que son moi de escoitar para ti e logo outras de vivir máis no directo. De escoitar, a min encántame «Felisa e María», e «Monzo» creo que vai ser moi potente no directo.
-Nos últimos anos estamos asistindo a unha corrente que aposta por explorar as raíces e mesturar a música tradicional con outro tipo de sons, como pode ser o seu caso coa electrónica ou o pop. Pensa que era unha débeda que había que saldar ou que tamén contribúe a achegar a xente nova cara esta música?
-Creo que xa dende hai moito, en Galicia, houbo moita xente que fixo mestura con todo tipo de músicas, por exemplo, temos a Mercedes Peón, Berrogüetto ou Leilía, hai un montón de persoas que foron marcando camiño para as xeracións que agora estamos facendo música. Si que é verdade, e penso que obviamente non podemos negalo, que xuntar a tradicional con paus de música do estilo do pop ou da electrónica pode axudar a achegar non só a música tradicional, senón tamén a lingua galega, que hoxe está un pouco en decadencia, e isto permite achegala.
Suscríbete para seguir leyendo
- Ya está el calendario escolar 2026-2027 en Galicia: fechas de inicio de curso, vacaciones y claves para la conciliación familiar
- El metal de Pontevedra vuelve a la calle por su convenio: primera jornada de huelga
- Muere Constantino Rodiño, el alma del restaurante Casa Rodiño de Meaño a los 57 años
- Sin tren entre Vigo y Santiago a causa de un hombre subido a la catenaria, en Vilagarcía
- Una puja judicial de récord en Vigo: subastan un piso en la calle Rosalía de Castro valorado en más de un millón de euros
- Sanidade descarta que la niña de once años de Ourense falleciese por meningitis
- Adrián Senar, CEO de Kreios Space: «En dos años necesitaremos 2.000 o 3.000 metros cuadrados más para empezar a producir»
- El copropietario de Vegalsa estrena su primera promoción inmobiliaria con 14 viviendas en Vigo y ultima dos más de alto diseño en la ciudad