Fran Alonso: «As urnas son o símbolo, pero non garanten a democracia»
«A batalla do ‘Cabeco’ pola súa vaca tivo moitísimo mérito, porque daquela había un clientelismo moi forte», asegurou o director de Xerais, autor da novela «Cáncara»

De esquerda a dereita, Teresa Cuíñas, Fran Alonso e Sara Vila, onte, no salón de actos do Museo MARCO. Carolina Sertal / Alba Villar

Unha novela «lendaria moi literaria», repleta de simbolismos e elementos fantásticos que deseñan unha atmosfera poética para envolver o acontecido na vila mariñeira de «Cáncara», na que se produce un feito inverosímil: a orde de detención dunha vaca por parte do alcalde por pastar en terreo municipal. É a carta de presentación que a xornalista e responsable de Comunicación de Edicións Xerais, Sara Vila, amosou onte ante o público asistente ata o Club FARO sobre a nova novela de Fran Alonso, «Cáncara. A detención dunha vaca, realidade ou ficción».
Nada afastado da realidade, malia o insólito e mesmo anecdótico do caso, o suceso do que parte a trama do novo libro do escritor e director de Xerais, quen onte tamén estivo acompañado pola xornalista Teresa Cuíñas na que foi a primeira presentación da novela, transcorreu en Baiona a principios da década dos 80 e tan só constituíu un pretexto para poñer o foco na ostentación do poder, pois Fran Alonso constrúe en «Cáncara» unha novela política e crítica co caciquismo. Así, o autor explicou que o fondo da cuestión nesta obra literaria é que «a democracia non é sinxelamente votar, as urnas son o símbolo, pero non garanten a democracia, non garanten unha sociedade democrática. Existe unha cantidade de factores que dan o nivel democrático dun país como a voz crítica dos medios de comunicación, a separación de poderes ou o nivel de corrupción ou a súa ausencia», engadindo que «o gran interrogante que se fai a xornalista protagonista é por que un alcalde decide deter unha vaca. É o exercicio do poder polo poder, o que estaba facendo era marcar territorio».

Fran Alonso, onte, no Club FARO / Alba Villar
En alusión á historia real da vaca «Pinta», na que está inspirada «Cáncara» e que no seu momento foi recollida por medios de comunicación como The Times o The New York Times, o director de Xerais contou que «os meus avós instaláronse en Baiona na República e a miña infancia transcorreu alí, por iso a historia da detención da vaca do Cabeco (José Costas) foi vivencial, eu lembro que pasaba por diante da casa dos meus avós. Por outra banda, nos 80, o Val Miñor tivo tres alcaldes en Nigrán, Gondomar e Baiona, que pasaron polos xulgados e con moita frecuencia. Non era casual, estaban ata arriba de corrupción e naquela época facían o que querían, por iso a batalla do ‘Cabeco’ pola súa vaca tivo moitísimo mérito na época, porque daquela había un clientelismo moi forte».
A verdade tras a literatura
Seis voces achegan a súa visión sobre os feitos en «Cáncara»: a vaca, o dono, o pobo, unha xornalista, un escritor e un espírito errante. É precisamente entre estes dous últimos entre os que se dá un férreo debate arredor da ficción e da realidade nunha historia literaria. Fran Alonso indicou que «hai un xogo coa verdade e coa mentira, un xogo con que é literatura. A literatura, evidentemente, é mentira, pero é unha mentira que representa a realidade. Nós escribimos fabulando, pero non queremos enganar os lectores, senón representar a realidade e ese é o poder da literatura, que a través da imaxinación podemos conducir cara unha observación da realidade. Cando se mente dende a política, por exemplo, hai unha intencionalidade, e o que se procura é a manipulación. A literatura non pretende enganar, pretende iluminar, poñer foco, botar luz».
O escritor concluíu apuntando que «o debate arredor da literatura é algo que cada vez está máis presente na miña obra porque quero deixar claro o que é para min, hai aí un proceso de autorreflexión moi profundo e intenso».
Dende o caciquismo até o poder dixital
En «Cáncara», Fran Alonso non só recupera o caso da vaca «Pinta», senón que dota de contemporaneidade a aquel incidente, pois inclúe no relato o papel das redes sociais, as «fake news» e as dinámicas actuais dos medios de comunicación. Neste senso, o escritor sinalou que, «realmente, eu quería expoñer que sucedería se un feito como aquel, que en 1983 deu a volta o mundo, tivese lugar hoxe. Antes non existía nin a presión mediática actual nin a das redes sociais, que é brutal e moito maior que mediática, de feito, o poder dixital é o poder actual, o que está usando a extrema dereita para levar á sociedade ata o seu terreo».
O autor fixo referencia a que «os tempos evolucionaron moitísimo dende aquela e quería reflexionar sobre a credibilidade. Por exemplo, que credibilidade pode ter Trump? Cada día conta unha arroutada que, sexa verdade ou mentira, non podes fiarte, e iso destrúe a sociedade, destrúe a convivencia. Ademais, o futuro avanza moito máis rápido do que somos capaces de asimilar, polo que penso que é necesario poñer coto, porque todas esas incertezas, esas areas movedizas sobre as que se move a sociedade, o que provocan é que a xente sexa cada vez máis desconfiada», concluíu Alonso.
- «Las primeras medidas para reducir las bajas laborales irán este mes. Estoy seguro de que bajarán las cifras»
- Una plantilla de 70 personas, entre ellos 30 socorristas, se ocupará este verano del parque acuático y complejo de Monterrei
- La ambiciosa transformación de la avenida de Madrid de Vigo alcanza uno de sus hitos: «Ahora empezará lo más visible»
- Aparece un hombre de Vigo ensangrentado en el enlace de la Autovía do Morrazo en Meira y dice que fue secuestrado
- Detenido en Vigo tras darle puñetazos a su pareja en plena calle y simular que la penetraba
- A juicio en Pontevedra por apropiarse de la herencia de 400.000 euros de su hijo de 10 años
- Qué mira un tribunal en una oposición de Educación: errores habituales y claves para defender la programación
- Los mejores MIR que llegan a Vigo: un optometrista que quiere ser oftalmólogo, el que estrena Dermatología y una historia de amor