Entrevista | Charo Pita Gañadora do Premio Internacional de Álbum Ilustrado «Ciudad de Fuengirola»
«A literatura infantil e xuvenil non é un campo pechado; unha boa historia non ten idade»
A narradora coruñesa é a primeira galega que logra este galardón, un recoñecemento que comparte coa ilustradora Marjorie Pourchet

Charo Pita durante unha narración no Festival Atlántica. / Festival Atlántica

Charo Pita vén de converterse recentemente na primeira galega en acadar o Premio Internacional de Álbum Ilustrado «Ciudad de Fuengirola», un galardón que comparte coa ilustradora Marjorie Pourchet pola historia «Tira que tira!», que será publicada por OQO Editora. Xunto ao premio principal, o Xurado concedeu un accésit ao proxecto “Dez gatos aburridos”, do escritor Txabi Arnal e o ilustrador Roger Olmos, que será igualmente publicado polo selo galego OQO Editora. A autora coruñesa explica polo miúdo que agocha este relato que apostou por pasar da narración oral á escrita.
-Que poderán atopar lectores e lectoras neste álbum ilustrado que vén de ser merecedor do Premio Internacional «Ciudad de Fuengirola»?
-Eu son narradora oral e esta era unha historia que contaba hai moito tempo, aínda que ultimamente non, estiven moitos anos contándoa. Pensei que, se cadra, podería funcionar como álbum ilustrado e por iso decidín escribila. O que acontece, aínda que a todo se lle chama palabra, é que a oralidade é distinta da escrita, porque na oralidade empregas elementos como a entoación, os xestos, a mirada, que tamén participan da historia, namentres que na escrita só tes a palabra pura e dura. É por isto que a historia cambiou á hora de pasala á escrita, pero a min gustábame e vin a posibilidade de envialo ao premio de Fuengirola, polo que me puxen en contacto con Marjorie Pourchet. Xa traballara con ela nun álbum había tempo e gustáme moito como traballa. Escribinlle para propoñerlle o proxecto, gustoulle e aí empezou o traballo, que houbo que facelo a dúas bandas, porque a ilustración tamén fai achegas ao texto e entón podes retirar algunha palabra. Foron enchéndose ocos coa imaxe, o cal é moi divertido, e o texto foi cambiando.

A narradora coruñesa Charo Pita durante a súa participación no Festival Atlántica. / Festival Atlántica
-É unha historia que pon o foco no esforzo colectivo. Nunha sociedade cada vez máis individualista, se cadra é unha mensaxe máis necesaria que nunca.
-Si. Penso tamén que esta é unha historia divertida, porque creo que o divertido sempre é importante. É divertida, imaxinativa e ten un punto de «eu tamén colaboro». Está presente esa idea de que un, aínda que está nesa posición individual, na que non necesariamente nos levemos ben co outro, pode facer unha cadea para provocar cousas novas, xa sexa vivir unha aventura ou atopar formas de compartir.
-É apta para todos os públicos?
-Gústanme as historias e penso que unha boa historia vale para todo o mundo. Non sei por que existe esa idea de que un álbum ilustrado é un libro para a cativada, hai moitos que se empregan na ESO, porque a lectura ten moitísimas capas, ten unha textual, pero tamén existe outra dende a imaxe. A min interésanme as historias e interésanme en todas as súas posibilidades, polo que eu a literatura infantil e xuvenil non a vexo como un campo pechado, véxoa como unha literatura de calidade que vale para todas as idades, realmente. A división é sobre todo, moitas veces, editorial, educativa, didáctica, pero realmente se somos lectoras de mente aberta, unha boa historia non ten idade.
-Que supón este galardón?
-Estamos contentas, sorprendidas, agradecidas... é un conxunto de emocións. É unha sorpresa e, ao mesmo tempo, temos unha sensación moi gratificante, porque a verdade é que nos curramos o proxecto e nunca sabes moi ben como se van recibir as cousas, xa que ás veces tes ilusión e non todo o que se fai ten a saída que esperabas. Foi todo moi casual, realmente, porque foron unha cadea de acontecementos: xuntarnos, traballar un texto que viña de sete anos atrás... Foi toda unha cadea de casualidades, e ver que saíu adiante e que gustou, o certo é que anima, anima a seguir explorando, a seguir probando, e creo que o campo das historias e a escrita é así, unha inspiración continua entre as historias de quen as escribe e de quen as le tamén.
-Cando será posible ler «Tira que tira!»?
-O premio entrégase cando o libro estea publicado e tamén hai autores que gañaron un accésit. Reunirémonos cara finais de outubro, que será cando se entregue o premio e cando tamén se presentará o libro.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Comisión Europea plantea que los aeropuertos de Oporto y Santiago no puedan ofrecer ayudas a las aerolíneas
- Buscan a una mujer de 53 años desaparecida este pasado martes en Vigo
- Cómo construir un nido artificial para aves urbanas: la recomendación de la la Sociedad Española de Ornitología para convivir con los pájaros
- Tercera jornada de huelga del metal: los trabajadores mantienen su calendario de protestas mientras la patronal busca evitar el colapso de Navalia
- El parque infantil «más grande» de Vigo ya tiene fecha de construcción: las obras durarán ocho meses
- Más de cuatro mil usuarios de Povisa tramitan el cambio al Chuvi
- El ADN incrimina al presunto agresor sexual de un adolescente en los baños de Vialia
- La Xunta concederá 690 ayudas para mejorar fachadas, cubiertas y muros de viviendas particulares