Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música

Vigo, escaparate da época dourada da luthería galega

A EMAO acolle a terceira edición do Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais que continuará hoxe

Exposición de instrumentos na Escola Municipal de Artes e Oficios, en Vigo.

Exposición de instrumentos na Escola Municipal de Artes e Oficios, en Vigo. / Marta G. Brea

C. S.

Vigo

O III Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais deu comezo onte en Vigo cunha ampla programación de actividades celebradas na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO).

Xunto coa mostra de instrumentos, que estivo dispoñible para o público xeral durante toda a xornada, unha das actividades máis destacadas foi a mesa redonda moderada por Marga Tojo na que participaron os luthieres e docentes Alejo Marra, Xaime Rivas, Carlos Corral, Ander Arroitajauregi e José Catoira. Na cita, Alejo Marra afirmou que o que máis pon en valor é que «se aprobara esta semana unha nova FP en instrumentos de corda, é un grande avance para ter unha boa formación regrada, é un avance importante por parte das administracións», namentres que Arroitajauregi, Corral e Catoira coincidiron en que a luthería vive unha época dourada e de «boa forma», destacando o último que «galega está nun momento de esplendor na historia, nunca houbo tantos obradoiros e con tanta calidade e repercusión internacional coma agora».

Neste senso, Carlos Corral sinalou que «o feito da inclusión na FP paréceme por suposto positivo, mais escaso, non só polas horas de formación que deberían ser máis, senón tamén pola restrición a unicamente instrumentos de corda, xa que no que a instrumentos de vento se refire, seguiremos exclusivamente coa formación non regrada, como a que levamos máis de 40 anos impartindo na EMAO».

Así mesmo, Ander Arroitajauregi reflexionou sobre que «o noso gremio abríuse e permitiu que a calidade subise moitísimo. Paréceme interesante avanzar máis na profesionalización. Somos un dos poucos países en Europa que non ten ensino regrado superior, nin sequera de guitarra clásica, así que toda incorporación de formación paréceme positiva, pero a priori, porque aínda non o puiden mirar con detemento, paréceme que o número de horas que formula a nova FP é escaso. Nós na Escola de Luthería de Bilbao, onde son titor de terceiro ano, damos moitas máis horas das que pide o módulo. O de Galicia paréceme sorprendente pola calidade e a cantidade de escolas de construción de instrumentos que hai».

Mesa redonda: “As escolas de construcción de instrumentos en Galicia: presente e futuro”, onte na EMAO en Vigo durante o encontro autonómico de luthieres galegos.

Mesa redonda: “As escolas de construcción de instrumentos en Galicia: presente e futuro”, onte na EMAO en Vigo durante o encontro autonómico de luthieres galegos. / Marta G. Brea

Con respecto ao sector, José Catoira tamén indicou que «cada vez obtemos máis axudas e medios para o traballo. Sobre a formación, dende organismos públicos están limitadas aos cursos ofertados pola EMAO en Vigo e a Deputación da Coruña en Narón. Zanfona e Gaita en Vigo e percusión tradicional en Narón. Agora mesmo o Centrad en Lugo ten cero actividade docente e o Obradoiro da Deputación de Ourense estase reestruturando. Un itinerario claro é dificil de definir, hai quen opta polo camiño da autodidáctica, estamos na era do Internet e a información é abundante. Ou a opción dos cursos nos talleres públicos, que sempre é un bo xeito de botar a cousa andar».

Xornada de clausura

As actividades da terceira edición do Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais, celebrado por primeira vez en Vigo, continuarán durante a xornada deste domingo. Ás 11.30 horas, Pablo Sánchez abordará a «Restauración da mandolina REX da Fundación Vicente Risco» e a continuación terá lugar o faladoiro «Da Universidade Popular á ETRAD: Historia dun proxecto que fixo escola», no que intervirá Anxo Pintos.

En horario de tarde, o programa completarase co faladoiro «Restauración dun violín do Fondo Gaos do Concello da Coruña: técnicas tradicionais e técnicas contemporáneas aplicadas á restauración de instrumento», por Anxo Cabreira e Lena zum Egen, así como sendas intervencións en micro aberto: «A evolución da tradición nos instrumentos tradicionais» e «El cuarto puertorriqueño: voz del alma boricua y su evolución sonora».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents