O caso de «Pinta», a vaca que foi encarcerada en Baiona en 1983, dá o salto á literatura galega
O escritor e director de Xerais, Fran Alonso, recupera en «Cáncara» a historia que fixo famosa internacionalmente a unha res logo de ser «arrestada» por orde do alcalde da vila do Miñor e ficar presa durante 15 días nun mercado provisional

Fotos de Montejano da vaca 'Pinta' e a súa comida publicadas en FARO en 1987. / Arquivo de FARO DE VIGO

«Todos los grupos políticos de la villa abogan por la liberación de la vaca ‘Pinta’. Este insólito suceso ha hecho famoso el nombre de Baiona por algunos entornos continentales del sistema telúrico, dentro de una nueva faceta del humor celtibérico. Diarios tan importantes y multitudinariamente leídos han reflejado en sus páginas el arresto preventivo al que ha sido sometido tan noble animal vacuno. The Times o The New York Times han tenido espacios destacados dentro de sus columnas para dar cuenta del variopinto suceso que no tiene precedentes ni parangón alguno en el ámbito de excentricidades que suelen darse entre las acciones de algunos personajes de la vida social, política, nacional y extranjera».
A mediados do ano 1987, relataba así Vicente Montejano nas páxinas de FARO DE VIGO a dimensión que acadara o que era coñecido como o caso da vaca «Pinta», un incidente que daquela levaba catro anos axitando Baiona. O dito suceso dera comezo en outubro de 1983 a raíz da orde do alcalde da vila mariñeira, Benigno Rodríguez Quintas, de «arrestar» a unha res que era responsabilidade dun veciño da zona, José Costas «O Cabeco», porque o animal pastaba nunha parcela pública. Así, o animal foi «detido» e «escoltado» pola Policía municipal até un mercado provisional e permaneceu «encarcerado» durante 15 días.
Catro décadas máis tarde, é precisamente este episodio de sona internacional o que vén de dar o salto á literatura galega grazas ao escritor e director de Xerais, Fran Alonso, quen acaba de rescatalo a través da súa nova novela, «Cáncara», como pretexto para reflexionar sobre «a liberdade, a democracia e o poder, sobre o seu abuso e como se exerce», sinala o autor, ademais de indicar que «levaba varios anos xa coa idea de escribir esta historia, que fun demorando por falta de tempo, pero que sempre tiven presente porque foi un acontecemento tan singular e esperpéntico que eu cría que había que relatalo».

O escritor e director de Xerais, Fran Alonso. / Alma Alonso
Fran Alonso explica que o caso da vaca «Pinta» garda para el tamén «unha compoñente persoal, pois vivín esa detención dende a parte da familia materna» e, neste senso, sinala que na novela recolle «que unha das poucas fotos publicadas do Cabeco está feita fronte a un muro dunha finca do meu avó, que logo vendeu. Por iso garda esa compoñente próxima, ademais das reflexións arredor do Cabeco, sobre a estrañeza que me provocaba ver a un home con vacas nunha vila mariñeira como Baiona era daquela».
A miña vontade de mesturar a ficción coa realidade provén de intentar equilibrar un feito que, dende o punto de vista da realidade, resulta inverosímil
O escritor non dubidou en tirar do fío dunha historia «fondamente galega» e apostou por dotala de contemporaneidade co obxectivo de reflexionar sobre o mundo que habitamos na actualidade e intentar resolver a pregunta de que tería acontecido se o caso da vaca «Pinta» tivera lugar hoxe en día: «En 1983 non había redes sociais e hoxe apenas hai rastro na rede do que foi aquel caso, pero realmente é que foi incrible e surrealista. De feito, na novela, a miña vontade de mesturar a ficción coa realidade provén de aí, de intentar equilibrar un feito que, dende o punto de vista da realidade, resulta inverosímil», afirma Alonso.
Directos a xuízo
Logo do «arresto» de «Pinta», José Costas intentou recuperar o bóvido, mais o alcalde esixiu o pagamento dunha multa de 30.000 pesetas e O Cabeco non aceptou tal, explicando en declaracións recollidas en FARO no seu momento que: «Volví al Ayuntamiento, pero el alcalde quería que le pagase los billetes sin darme la multa por escrito, y yo no iba a pagarle a él así por las buenas». Foi así que «Pinta» pasou a quedar baixo a custodia dunha familia de Belesar durante catro anos e catro meses até que tivo lugar un proceso xudicial, dando un tribunal a razón a José Costas e condenando ao Concello a abonarlle un total de 483.300 pesetas e restituirlle a vaca.

José Costas «O Cabeco» con «Pinta» á esquerda, unha foto publicada en FARO. / Cameselle
A través dun relato coral con seis voces, Fran Alonso presenta unha novela híbrida que garda a un tempo un ton lendario e mitolóxico e outro máis xornalístico. Así, o autor recorre á súa propia voz como escritor, recupera a dunha xornalista que naceu na súa obra «Cemiterio de elefantes», pero non falta o dun espírito errante que introduce datos veraces da historia real e, por suposto, tampouco falta a visión dos feitos da protagonista: «Sendo obxecto de toda a acción e como principal protagonista, eu quería darlle voz á vaca e, evidentemente, non cabía outra alternativa que o humor», destaca Alonso, quen o vindeiro 15 abril presentará a novela no Club Faro, ás 20.00 horas.
Por último, Fran Alonso fixo fincapé en que o caso da vaca «Pinta», «malia que se trataba dunha situación moi diferente á actual, penso que pode axudar a reflexionar sobre o mundo no que vivimos actualmente e cara onde vai a vida que estamos coñecendo». Neste senso, o escritor fai alusión ao concepto de democracia actual, «que semella que consiste unicamente en votar nas urnas e, por exemplo, na novela aparece tamén a voz do pobo e que vai navegando por un discurso que vemos como o político o vai erosionando, cambiando e mesmo apropiándose. Isto é algo que hoxe debemos ter moi en conta: onde está realmente a democracia? Os índices democráticos móvense, dende o punto de vista político, por que votamos, pero realmente a democracia en países como Noruega, por exemplo, móvense por unha serie de valores como a liberdade de prensa, a ausencia de corrupción, a capacidade de independencia do sistema xudicial ou político, non é unicamente votar nas urnas».
Suscríbete para seguir leyendo
- La Comisión Europea plantea que los aeropuertos de Oporto y Santiago no puedan ofrecer ayudas a las aerolíneas
- Buscan a una mujer de 53 años desaparecida este pasado martes en Vigo
- Tercera jornada de huelga del metal: los trabajadores mantienen su calendario de protestas mientras la patronal busca evitar el colapso de Navalia
- El parque infantil «más grande» de Vigo ya tiene fecha de construcción: las obras durarán ocho meses
- Más de cuatro mil usuarios de Povisa tramitan el cambio al Chuvi
- El ADN incrimina al presunto agresor sexual de un adolescente en los baños de Vialia
- La Xunta concederá 690 ayudas para mejorar fachadas, cubiertas y muros de viviendas particulares
- La patronal del metal de Pontevedra convoca reunión este viernes para evitar el colapso de Navalia