Letras Galegas 2026
Navegar no pracer do azul de Begoña Caamaño
O IES Alexandre Bóveda, instituto vigués no que a escritora estudou na adolescencia, acolleu onte un acto de homenaxe á protagonista das Letras Galegas 2026
A Real Academia Galega escolleu este centro para a primeira presentación pública do documental realizado sobre a xornalista viguesa

IES Alexandre Bóveda. Acto de homenaxe a Begoña Caamaño, ex alumna do centro, coa estrea do documental da RAG sobre a escritora. Estará o ex presidente Víctor Freixanes e presidente actual da RAG, Henrique Monteagudo; Beatriz Caamaño, amizades e profesoras dela.v / Pedro Mina / FDV

O instituto vigués no que se formou durante a súa adolescencia, o mesmo centro no que tomou cada vez máis consciencia dos movementos sociais que se artellaban na cidade, e que 50 anos despois quixo renderlle homenaxe tecendo os recordos das persoas que mellor a coñecían e que non dubidaron en lembrala como unha moza adiantada ao seu tempo, unha feminista visionaria, unha xornalista comprometida e, moi especialmente, como «unha bomba de alegría». O IES Alexandre Bóveda celebrou onte un acto de homenaxe á protagonista das Letras Galegas 2026, Begoña Caamaño, que tivo como eixe central a primeira presentación pública do documental realizado pola Real Academia Galega (RAG) sobre a figura da xornalista e escritora viguesa.
A directora do instituto vigués, Judit Alonso, foi a encargada de inaugurar a xornada logo dunha actuación do coro do IES Alexandre Bóveda e na súa intervención dirixiuse ao alumnado sinalando que «Begoña Caamaño foi unha persoa coma vós, que medrou nun barrio obreiro e estudou nun instituto público. E foi xusto no seu paso por este centro cando comezou a implicarse nos movementos sociais que sentarían as bases do seu futuro», engadindo a responsable do instituto que «foi unha muller audaz, comprometida e crítica que coas súas palabras procuraba transformar a sociedade, traballar para mellorar a calidade de vida de todos, non só duns poucos privilexiados, apoiando a palabra coas súas accións». Neste senso, Alonso incidiu en que figuras como a de Begoña Caamaño «son máis necesarias que nunca nunha época chea de pseudorreferentes que traen ideas que xa criamos superadas. A súa é a visión dunha muller galega e feminista que nos ensinou que a memoria e a palabra son ferramentas poderosas para transformar a realidade e que o feminismo é a utopía que nos fai avanzar».
Antes de proceder á proxección dun avance do documental «Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul», o expresidente da RAG e tamén exdocente do instituto vigués, Víctor Freixanes, reflexionou sobre o feito de que «dende a Real Academia Galega sempre tivemos unha preocupación grande polas novas tecnoloxías, como é o caso do audiovisual, como plataforma de difusión da nosa lingua, da nosa cultura, porque a lingua non só está nos libros», destacando que «Begoña asumiu o galego como bandeira persoal de identidade».
Foron a irmá de Begoña, Beatriz Caamaño, e as súas amigas An Alfaya e Maika Aguado as que achegaron ao alumando do IES Alexandre Bóveda a faceta máis do cotiá da xornalista homenaxeada lembrando que «Bego foi unha rompedora de moldes e tiña unha capacidade transformadora, de maneira que cando a coñecías había un antes e un despois, pasaba algo no teu xeito de mirar o mundo, e foi quen de conseguir transformar a toda a xente que coñeceu». As tres coincidiron en que o documental presentado pola RAG «está feito con moitísima sensibilidade, é unha descrición moi precisa de Begoña» e Beatriz Caamaño enxalzou da súa irmá que era unha muller «capaz de ler o mundo e, dunha maneira moi sinxela, estar do lado correcto das cousas, ademais de contar dunha facilidade para transmitir o seu pensamento».
A homenaxe continuou coa intervención da profesora do instituto Estefanía González, quen abordou o proceso de escrita do seu libro «Begoña Caamaño. Xornalista e escritora» namentres varias alumnas asumiron os roles de Circe, Penélope e Morgana, mulleres protagonistas nas novelas de Begoña Caamaño.

Recuncho dedicado á obra de Begoña Caamaño e ás novas publicacións arredor da súa figura. / Pedro Mina
O actual presidente da RAG, Xosé Henrique Monteagudo, foi quen clausurou a xornada sinalando que o IES Alexandre Bóveda foi o terceiro centro vigués que representantes da institución académica visitaban con motivo de actos celebrados arredor da figura de Begoña Caamaño e apuntou que «podemos detectar o enorme traballo que se fai na educación pública en Galicia, reafirmándonos en que podemos ter confianza no futuro grazas á tarefa que se fai nos centros de ensino», ademais de asegurar que «a RAG abriu as súas portas ás mulleres e as cousas cambian cando se lles abre paso nas institucións e nos lugares nos que deben estar. Vendo o eco que están levantando figuras como as de Xela Arias, Luísa Villalta ou Begoña Caamaño, reafírmome no acertado destas escollas para as Letras Galegas». Monteagudo reflexionou sobre a situación de «emerxencia» que atravesa o galego na actualidade e sobre a importancia de interpelar a mozos e mozas, asegurando que «a mocidade non abandonou o galego, senón que non o recibiu» e, a este respecto, puxo como exemplo a seguir o da mesma Begoña Caamaño, quen acabou facendo do galego a súa primeira lingua.
Compromiso social e activismo dende a alegría e a educación
Para presentar o documental producido pola RAG con motivo das Letras Galegas, até o IES Alexandre Bóveda se achegaron Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez, responsables da dirección e do guión, quen compartiron co alumnado as súas reflexións sobre a peza audiovisual que, a través dos testemuños de persoas que acompañaron a Begoña Caamaño nas súas diversas facianas persoais e profesionais, conecta as dúas cidades nas que viviu reconstruíndo a súa traxectoria dende a infancia e a mocidade até a súa consolidación como xornalista e escritora.
Damián Varela mencionou que «poder facer este traballo, que conleva un compromiso social e sobre todo con Begoña, é un tesouro porque implica o emocional e o compromiso, deixando unha sabedoría que está na súa experiencia vital e que se reflicte como algo moi persoal. Na situación actual de convulsión, con tantos problemas a nivel internacional e de convivencia, penso que este documental permite xerar mensaxe e deixar unha lección positiva a través da experiencia de Begoña, que nos leva a reflexionar sobre como poder virar as cousas e ser máis positivos».
Pola súa banda, Alba López expuxo que a peza audiovisual «permite traer a figura homenaxeada até o presente e a cuestión máis importante é ver que nos pode achegar, porque a literatura e o xornalismo de Begoña Caamaño foron políticos e iso pode ser inspirador. Non podemos desistir na loita nin no activismo e penso que o exemplo de Begoña serve para facelo dende a alegría e tamén é moi importante facelo dende a educación».
Suscríbete para seguir leyendo
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde
- Nuevo paso para que se pueda viajar en AVE desde Galicia a otras comunidades del Norte sin pasar por Madrid
- La reapertura del policlínico Cíes lleva ocho meses paralizada a la espera de una autorización de la Seguridad Social
- La ambiciosa transformación de la avenida de Madrid de Vigo alcanza uno de sus hitos: «Ahora empezará lo más visible»
- Muere el patrón de una embarcación de recreo en Chapela al caer al mar, mientras su lancha seguía navegando sin rumbo
- Una plantilla de 70 personas, entre ellos 30 socorristas, se ocupará este verano del parque acuático y complejo de Monterrei
- «Las primeras medidas para reducir las bajas laborales irán este mes. Estoy seguro de que bajarán las cifras»