Música
A luthería galega, un sector descoñecido con proxección internacional
Vigo acolle por primeira vez o Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais que acada a súa terceira edición co obxectivo de divulgar e amosar un oficio de longa tradición en Galicia
O evento terá lugar durante toda a fin de semana na Escola Municipal de Artes e Oficios

Participantes no encontro da luthería galega celebrado o ano pasado en Santiago. / Cedida

A escusa perfecta para que construtores e construtoras poidan xuntarse arredor do oficio e debater cuestións relevantes para o colectivo ou amosar traballos de interese, ao mesmo tempo que se leva a cabo unha labor de divulgación sobre o talento dos luthieres en forma de mostra, unha mostra de instrumentos que tamén ofrece a oportunidade á cidadanía de aproximarse a un oficio de longra tradición en Galicia e de proxección internacional, mais tamén un dos grandes descoñecidos para o público xeral. Son os obxectivos do Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais que, na súa terceira edición, chega por primeira vez a Vigo cunha ampla programación de actividades que se celebrarán ao longo desta fin de semana na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO).
Labra- Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais é a entidade que organiza esta iniciativa que reunirá a profesionais, alumnado, investigadoras e investigadores e público interesado na creación, restauración e divulgación de instrumentos musicais, e a súa presidenta, Ana Fariña, destaca que «os dous primeiros encontros celebráronse en Santiago, pero desta vez decidimos levalo a Vigo, en parte, pola conexión que hai entre a música, a luthería e a Escola de Artes e Oficios».
Fariña pon o foco na necesidade dunha maior divulgación do oficio sinalando que «é un sector descoñecido para o público xeral e mesmo para os músicos. Dentro da música tradicional, é posible que exista coñecemento de construtores de gaitas ou de percusión, pero non tanto do mundo da guitarra, por exemplo. É por isto que penso que é moi preciso ese traballo de divulgación para dar a coñecer tanto o propio sector como a súa importancia, é dicir, facer unha posta en valor de todo o que podemos achegar, para que tanto o público como os músicos sexan conscientes do que significa este oficio».
Estamos sendo máis conscientes do noso valor
Esta realidade que menciona a presidenta de Labra contrasta co feito de que «a construción de instrumentos sempre foi un sector moi importante en Galicia, sempre houbo moitos construtores, especialmente de gaitas. Hai anos existían moitos obradoiros e, nos últimos tempos, vexo que dende as novas xeracións hai moito movemento, hai moita proxección fóra e tamén moito diálogo entre nós con moitos construtores de fóra de Galicia, o cal quere dicir que estamos sendo máis conscientes do noso valor e que lle damos máis importancia a esa divulgación». Neste senso, na actualidade, a luthería galega destaca pola proxección internacional, tanto de instrumentación tradicional galega como de pezas barrocas ou renacentistas, de maneira que unha das finalidades do encontro que se celebrará en Vigo será precisamente dar a coñecer esta brillante realidade do sector.
Hai moita proxección fóra e tamén moito diálogo entre nós con moitos construtores de fóra de Galicia
Como presidenta de Labra, Ana Fariña tamén abordou os retos que a asociación afronta na actualidade e destacou a intención da entidade de «seguir traballando para dinamizar o sector e traballar coas administracións para reclamar un diálogo directo e obter a atención que necesita o oficio, así como o apoio institucional para poñer en valor a súa importancia a nivel social, económico e cultural». Por outra banda, a responsable da asociación tamén sinalou a «necesidade dunha formación, xa que ultimamente os centros especializados agora mesmo non están coa capacidade nin coa actividade que consideramos que precisan neste momento, polo que nos gustaría impulsar esta faceta».
Programación
A cita da luthería galega dará comezo mañá, a partir das 11.00 horas, con Oli Xiraldez abordando a gaita de Barquín, para continuar ás 12.30 horas con Germán Díaz achegando unha introdución á música mecánica. Xa pola tarde, Ander Arroitajauregi participará nun faladoiro sobre a Escola de Luthería de Bilbao (BELE) e, ás 17:45 horas, unha mesa redonda reunirá aos luthieres e docentes Alejo Marra, Xaime Rivas, Carlos Corral, Ander Arroitajauregi e José Catoira. Así mesmo, o público poderá gozar tamén dunha mostra de instrumentos e, como peche da xornada, ás 19.00 horas terá lugar a presentación do libro «Herminio de Villaverde. A trompa na Fonsagrada», un traballo sobre o birimbau en Galicia, co autor Javier María López e o editor Ramón Almuinha.
As actividades continuarán o domingo, ás 11.30 horas, con Pablo Sánchez abordando a «Restauración da mandolina REX da Fundación Vicente Risco» e co faladoiro «Da Universidade Popular á ETRAD: Historia dun proxecto que fixo escola», no que intervirá Anxo Pintos. En horario de tarde, o programa completarase co faladoiro «Restauración dun violín do Fondo Gaos do Concello da Coruña: técnicas tradicionais e técnicas contemporáneas aplicadas á restauración de instrumento», por Anxo Cabreira e Lena zum Egen, así como sendas intervencións en micro aberto: «A evolución da tradición nos instrumentos tradicionais» e «El cuarto puertorriqueño: voz del alma boricua y su evolución sonora».
Suscríbete para seguir leyendo
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- El desfile aéreo de las Fuerzas Armadas: «Una exhibición con la precisión de una operación quirúrgica»
- El padre César Mañueco, el joven monje que guía el Monasterio de Oseira: «Los que estamos aquí no venimos de Marte»
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- Una jueza de Vigo condena a una empresa de fotografía por dejar a los novios sin el álbum de su boda
- Un nuevo proyecto en Pinténs amplía la oferta turística de Cangas con un campamento denominado Cova das Minas
- Las mejores despedidas
- The Rapants, Fillas de Cassandra y Eladio y los Seres Queridos: la nueva confirmación para los conciertos de Castrelos