Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ramón Otero Pedrayo, o neno troleiro que viu por primeira vez o mar en Vigo

Cúmprense 50 anos do falecemento do autor de «Os camiños da vida»

O Consello da Cultura Galega rescata gravacións del en América que axudan a construír a historia dun neno que viu o mar en Vigo por primeira vez e que de maior xogou a «contar trolas»

Ramón Otero Pedrayo, nun mitin.

Ramón Otero Pedrayo, nun mitin. / FdV

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Celebramos o Ano Otero Pedrayo, patriarca das letras galegas, membro da Xeración Nós, escritor fundamental da literatura de noso. Son algúns dos datos dun individuo, quen ante todo foi persoa coas súas contradicións, cos seus medos e coas súas lembranzas. Unha delas é cando viu por primeira vez o mar na cidade olívica.

«Eu -escribiu- sinto en Vigo unha emoción particular. Cando neno, eiquí ollei o mar por vez primeiras e á súas ondas debo a saúde do corpo. (...) Eu era un neno, vagaba sen amigos polas rúas, máis enchíanme dúas cousas de semellante intensidade: o balbordo das ondas e a música dos picos dos canteiros labrando en granito galego as fermosas casas de Vigo».

Moitas décadas despois desas verbas, celebramos este 10 de abril o seu 50 cabodano. Por tal efemérede, o Consello da Cultura ofrece dende hoxe material inédito del: seis conferencias en audio realizadas en América na súa xira polos centros de emigrantes. Axudarannos a comprender un chisco máis un personaxe trabe da cultura galega que naceu o 5 de marzo do 1888 en Ourense.

Otero Pedrayo foi o único fillo dunha familia que pasaba os veráns na aldea de Trasalba ­–a poucos quilómetros d’ As Burgas– onde mercara o seu proxenitor, médico, un pazo. Alí, plantou o seu pai unha árbore mercada en Vigo ao pouco de nacer o bebé. Esa árbore sería moitos anos despois a protagonista do poema «Meu irmao».

Ramón Otero Pedrayo en Trasalba.

Ramón Otero Pedrayo en Trasalba. / FdV

Era o ano 1972 e o tronco caera tras unha noite de temporal. Coa súa madeira, fíxose o cadaleito. Durante anos, Trasalba foi o seu «contacto co cosmos» e o vello antigo que lle falaba a súa avoa da que aprendeu a narración.

Unha trola «mítica» ao redor do patriarca

Dende que lle dedicaron o Día das Letras Galegas 1988 ata agora, varios mitos ao redor caeron. En «Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía», da Fundación homónima e editado por Galaxia, recollen unha reflexión de Méndez Ferrín: «A fidalguía de Otero Pedrayo é unha das trolas míticas máis curiosas e persistentes da historia da literatura galega». Engade que «nin foi nobre, nin aristócrata, nin as súas casas de Ourense e Trasalba tiveron nunca escudos de armas, nin constan cartas ao respecto nos arquivos familiares».

O que sí era a súa familia era liberal, culta e con diñeiro, asentada no centro de Ourense. No seu seo, creceu el como bo estudante. Tanto destacou que o elixiron xunto a Florentino López Cuevillas cando tiñan 13 e 15 anos cada un para ter unha merenda con Emilia Pardo Bazán na casa consistorial ourensá.

No Pazo de Reboreda en Redondela

Pouco tempo despois, faleceulle o pai a Otero Pedrayo o que obrigou á súa nai a levar a facenda dos negocios e da casa. El optou por entrar na universidade en Madrid. Nas vacacións tralo primeiro curso, de novo visita a ría de Vigo: descansou unhas semanas no Pazo de Reboreda, de Redondela. Aproveitou para investigar sobre o fidalgo da zona e anos despois escribiría «O señorito da Reboraina».

A súa vida foi neses anos pracenteira. De regreso a Ourense, descubriu o galeguismo e no 1921 comezou a escribir na revista «Nós». No 1923, casou e viaxou por Europa. No 1930, publicou «Arredor de si», onde o protagonista descobre a súa identidade.

Otero Pedrayo descansa na casa de Trasalba.

Otero Pedrayo descansa na casa de Trasalba. / FdV

Sacrificio por Galicia

O compromiso de Otero Pedrayo con Galicia levaríao a escribir: «Hai unha terra prometida pra os galegos: Galiza. Unha terra quer decir un esprito. Un camiño polo deserto para conseguila: un tempo de sacrificio e identidade, de todos os instantes (...) Soio se pode chegar a ser universal facéndose dono da terra».

Con outros intelectuais creou o Seminario de Estudos Galegos para divulgar o patrimonio cultura e científico galego. Tamén comezou a dar mítines galeguistas como o do 25 de xullo do 1930 no Teatro García Barbón de Vigo para conmemorar o Día da Patria Galega xunto a Castelao e Paz Andrade e firmou manifestos a prol da II República aínda que, moi católico, asinaría contra o laicismo desta.

Sen soldo unha década pola extrema dereita

Inda así, coa ditadura franquista, acabou apartado da súa cátedra sen poder ser profesor. Foi en Trasalba onde viviu o seu exilio interior cun silencio polos galeguistas asasinados ou exiliados.

Sen soldo durante máis de once anos, tivo que vender posesións do pazo e da súa casa de Ourense para comer. Salvárono os libros, ler. Pouco a pouco comezou a escribir para xornais en castelán e con pseudónimo. Era a única posibilidade de ingresar uns cartos polo traballo.

Viaxe por América e reencontro con Castelao

No 1947, convidado polo Centro Galego de Bos Aires participará alí nunhas xornadas patrióticas. Alí volveu coincidir con Castelao e vivirá a tristura de de reatoparse cun pobo perdido pola infamia da extrema dereita española.

Nas décadas seguintes, pouco a pouco, traballaría por formar a novos galeguistas, crear a editorial Galaxia, escribir en galego, dar aulas na Universidade de Santiago tras unhas oposicións e sobrevivir porque inda xubilado pasou penurias económicas. Faleceu dous meses antes que o ditador Franco. Viviu sempre coa defensa de Galicia e do galego por diante. 

Araucaria plantada co gallo do nacemento de Otero Pedrayo en Trasalba e que caeu por un temporal e á que lle dedicou un poema, «Ao meu irmán».

Araucaria plantada co gallo do nacemento de Otero Pedrayo en Trasalba e que caeu por un temporal e á que lle dedicou un poema, «Ao meu irmán». / Faro de Vigo

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents