Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros | Arantza Portabales Escritora

«Interesa que desapareza a clase media porque a xente desesperada é máis moldeable»

A escritora galega publica novo thriller, «Asasinato no muíño do cura» en galego con Galaxia e en castelán con Lumen

Este xoves chega ás librarías a historia sobre unha muller en Marín con amnesia retrógrada: non lembra nada do que lle aconteceu antes dos dez anos

Arantza Portabales presenta a súa nova novela «Asasinato no muíño do cura»

Alba Villar / Pedro Fernández

Mar Mato

Mar Mato

Vigo

Un ollo, un coitelo e tres sombras. Podería ser un mantra pero é unha das referencias que se repiten na última novela da escritora galega Arantza Portabales, «Asasinato no muíño do cura», que este xoves chega ás librarías en galego (Galaxia) e en castelán (Lumen). A exinspectora Iria Santaclara é de novo protagonista na investigación de varios sucesos que a levarán xunto ao inspector xubilado César Araújo ao pobo de Loeiro. Nesta volta, unha muller de preto de 50 anos, Alba, aparece na vila na busca de respostas ao seu pasado. Atención, porque o corazón bombeará entre o medo e a desazón ata a última páxina.

—Arranca como na novela anterior cunha cita de Agatha Christie pero fíxase na lembranza das cousas. Investigou moito sobre como lembra ou esquece o cerebro humano?

-Esta novela parte dunha muller con amnesia. É un tema moi manido pero eu pensei en como o tratara Christie en «Un crime durmido», na que unha rapaza lembra un crime cando está de lúa de mel. Investiguei moito. Que está na mente e que non está? Tiven a axuda da Clínica Contigo, de Vigo, que cito nos agradecementos. Aparece a psicóloga Sandra Oliveira. Pregunteille se quería ser un personaxe na novela e díxome que si. Unha das personaxes vai alí a terapia. O que non é verdade é o que conto no libro de que acadas resultados no primeiro día de sesión. Isto escandalizou Oliveira. No remate do libro, aclaro que esa terapia existe pero que requeriría de moitas sesións máis. É unha licencia literaria. Todos pensamos que a hipnose é o método máis rápido para intentar lembrar pero hai outros que presento na novela. Tamén me asesorou a profesora da Universidade de Vigo Merche Solla; axudoume co tema da radiodetección. Ademais, resultou ser de Loira. Hai moita investigación pero non me gusta que ese labor apareza na novela. Só a emprego para non cometer erros.

—No caso do personaxe de Alba, unha das protagonistas, esta ten preto de 50 e sinala que non lembra nada antes dos 10. Curioso.

Si, porque ten un estrés postraumático moi importante. Empezamos a novela co primeiro capítulo da matanza e no segundo cunha rapaza que ten unha cicatriz por fóra e por dentro. Nós tocamos a cicatriz que lle vai dunha parte a outra do cráneo. Ao final do libro, descubrimos cal é a orixe brutal dese estrés. É normal que non lembre nada. A natureza é sabia, cando esquecemos algo é por algo. Eu tiña moitas ganas de explorar a memoria.

A escritora Arantza Portabales en Vigo para presentar "Asasinato no muíño do cura".

A escritora Arantza Portabales en Vigo para presentar «Asasinato no muíño do cura». / Alba Villar

—Esta é a segunda entrega das aventuras de Loeiro, un pobo moi tranquilo no que 'nunca pasa nada'. Está inspirado no seu lugar da infancia.

Inspirado, inspirado, non; é Loira. Cambieille o nome porque fóra de Galicia pensan que Loira é un pobo francés e eu quería que soase galego. Os meus libros, afortunadamente, estanse publicando en todo o mundo (Rusia, República Checa, Portugal...). Fóra de aquí todo o mundo pensa que as palabras galegas rematan en ío ou en -eiro. Teño un pobo enfadado por mudarlle o nome. Pregúntanme se me avergonzo e non é iso. Nos agradecementos, xa aclaro que é o pobo da miña nai, de meu pai, da miña infancia.

—Algunhas das casas nas que transcorre a trama da novela así como o muíño clave na historia existen. Acaba de ensinarme como é o muíño realmente (rehabilitado). Moi fermoso, por certo.

A Casa Rosa [que daba nome e aparecía na anterior novela súa] é O Almacén e o Muíño do Cura realmente é o Muíño de Vilas. O Muíño do Cura está lonxe, en Ardán, e eu queríao en Loeiro. A casa das irmás do cura non existe. Meu pai é bisneto do curso e a miña avoa era neta do cura de Ardán. A casa da miña avoa está ao lado da do cura de Ardán; foi onde viveron os meus tíos. O meu curmán dicíame o outro día que lembraba a chamada «cadeira do párroco» dentro do salón. A historia da miña avoa Rosalía é real así como a historia de que morreu no ano 1948 porque non conseguiron máis penecilina. Toda a novela é ficción pero metín moitas cousas da miña familia porque tiña ganas de facer unha homenaxe á miña familia. Esa é a particularidade da miña familia (descendencia dun sacerdote) que naqueles tempos era algo moi común.

—O libro fai fincapé niso, en que non podemos interpretar algo do pasado coa mentalidade de agora.

Nin temporalmente nin de xeito espacial. Nos anos 70, unha rapaza de Madrid xa fora ver os Beatles e a miña nai no 1965 non sabía quen eran os Beatles. Escoitaba Manolo Escobar. O salto cultural e espacial é importante. Esta novela fala da opresión que o pobo fai sobre as mulleres, sobre a súa honra, sobre o que nos limitou moitísimo. Eu vivín nos anos 80 ese comentario de 'deixouna o mozo; é mercadoría usada, de segunda man'. A unha muller, o peor que lle podía pasar era que tivera relacións e que a deixaran. Xa ninguén quería casar con ela. Esa opresión está moi presente no libro. Foron mulleres marcadas pola sona do avó cura. É unha novela moito máis escura e moito máis opresiva. A presión social sempre cae sobre elas. O estándar de moralidade só o teñen que cumprir as mulleres.

—O machismo social está impreso en moitas das páxinas.

Aínda hoxe se vive. Estou segura que as miñas fillas non saben que isto pasaba décadas atrás. Pensa na expresión 'tivo un fillo de solteira'. Existe a expresión 'fillo de solteiro'? Tamén os hai pero non existe. As tres mulleres maiores da novela, as tres irmáns, sobreviven. Levan un estigma. A miña primeira novela titulábase «Sobrevivindo» e presentaba unha muller que tiña que sobrevivir nun mundo de homes. Somos superviventes natas porque temos que ir como o salmón corrente arriba.

—A novela transcorre na Galicia pero hai un cabo que a ata ao País Vasco, onde vostede creceu.

Nesta novela, fixen algo que levaba moito tempo querendo facer: volver ao País Vasco, ao meu barrio, a Donosti e ás súas praias. Iso era necesario cun personaxe vasco e se tiña que ir a Loeiro nos anos 70 era porque tiña que visitar a casa dos Villamor [familia que aparece en «Asasinato na Casa Rosa», o anterior libro]. É unha saga interconectada.

A miña saída do País Vasco foi moi dolorosa e traumática

Arantza Portabales

— Escritora

—Logo, por que non centra máis as novelas en Euskadi?

A miña saída do País Vasco foi moi dolorosa. Eu tiña 13 anos e estaba perfectamente integrada. Volviamos a Galicia e a min tirábame dun pé regresar. Non falaba nin unha palabra de galego. Tiña un plan de estudios que non tiña nada que ver. Eu estudaba en éuskaro e francés; pero aquí estudaba en galego e castelán e nunca estudara música. Foi moi traumático. Meu irmán lévame 12 anos e quedou vivindo alí. Ese foi un agravante porque me separaron do meu irmán. Meu pai, que sempre estaba embarcado, tampouco quería volver a Galicia. A única que quería volver era a miña nai. Eu, despois, adapteime e quixen quedar. Podería ter voltado. Ás veces, penso que prefiro ter un punto de nostalxia. Custoume facerlle unha chiscadela ao País Vasco. Eu son de dúas terras para ben e para mal.

—Hai un momento no que Alba se pregunta quen é. Vostede tamén se ten preguntado iso de xeito metafísico?

Gústame pensar máis que non quero ser. Preguntábanme moitísimo iso de pequena. De nena, gustábame moito a temática existencial. Metíame na cama con oito anos de idade e non entendía como estabamos aquí na Terra ou por que. Tamén me preguntaba por que se acababa a vida, por que eramos tan finitos. A elasticidade do tempo é outro tema que me apaixoa. Era unha nena... insoportable para os maiores; era moi resabidilla. Ese tipo de nenas son incómodas para os maiores. Nos agradecementos lembro as nenas que preferían quedar na casa lendo a María Gripe antes que baixar ao parque. A min, moitas veces me dixeron que baixara xogar, que ía quedar parva de tanto ler. As mulleres que estudaban ou que lían non era o ben. Fun a primeira da miña familia en licenciarme na universidade; despois si que chegaron máis.

—Na novela, converxen dous tempos: o actual e os anos 70. No pasado, nótase unha marcada diferenza de clases sociais.

Nesa época, sempre eras 'fillo de' pobre ou de rico. A división social existía. As mulleres de clase alta podían levar pantalón; as pobres non. Ao final os cartos son liberdade e para as mulleres máis. Ti non podes ser libre se estás pensando en que facer para comer. Cando es nova pensas que os cartos son cousas, que che dan un coche, unha casa... Cando tes a miña idade descobres que os cartos só son tempo. Danche alguén que che pranche a roupa, que atenda os teus fillos, evitan que te teñas que erguer ás seis da mañá para ir traballar ao superpermercado ou a ser médica. Os cartos son tempo e liberdade. Facer o que che peta é o mellor que che pode pasar na vida.

A escritora Arantza Portabales vén de publicar "Asasinato no muíño do cura".

A escritora Arantza Portabales vén de publicar "Asasinato no muíño do cura". / Alba Villar

—Como escritora ten unha maneira de ter liberdade...

Ben, si, liberdade para dicir o que me peta: Que vaia todo o mundo mercar "Asasinato no muíño do Cura" para que eu non teña que volver á Xunta de Galicia a traballar (risos).

—Eu imaxínoa enfrascada na escrita desta novela sen respiro porque a anterior saíra en xaneiro do 2025.

Ata o pasado agosto estiven pensando na novela. A min, lévame máis tempo pensala que escribila. Investiguei mentres estaba aínda traballando na Xunta. Tanto a versión en castelán como a galega están escritas por min. Eu non fago traducións; eu conto a mesma historia en dous idiomas. É un concepto diferente. A única tradución que fixen na miña vida literal foi «Deixe a súa mensaxe» que se publicou primeiro en galego e, logo, en castelán. Eu vou traballando nos libros. Eu sinto que fago dous libros. En castelán podo escribir 'Ya está la Gestapo cotilleando' pero en galego poño 'Xa botou a lingua a pacer a Gestapo'. É unha tradución? Non, pero di o mesmo. Os libros lense moito fóra de Galicia e iso fai que moita xente en Galicia os lea en galego. Estou moi orgullosa de toda a xente que le os meus libros en galego. O prestixio dunha lingua acádase expandéndoa. Para min, é moi importante. Ter lectores que apoien a miña obra permíteme dedicarme só a escribir. Ves como os cartos dan liberdade? É brutal. O traballo xerábame moitísimo estrés e este non te permite pensar. Libereime nese senso.

—Perdoe que volte sobre o tema da clase social, é que me impactou o que me dixo.

Hai máis cousas. A clase media derribou o fenómeno de clases e agora que se cargaron a clase media volveremos a ser todos pobres-pobrísimos fronte a catro ricos. É o que está suceder: derrubaron o máis grande que se acadou na sociedade, a clase media, na que a filla dun mariñeiro pode chegar a facer unha carreira, un máster e aprobar unha oposición sen recursos económicos. Todo iso está desaparecendo. A xente ou non ten para pagar unha casa ou a comida; ou ben ten millóns no ban co. A clase media está desaparecendo a pasos axigantados. A clase media debería significar a normalidade, o que todos deberiamos ter. Paréce brutal que estea a desaparecer. A alguén lle interesa que desapareza porque a xente desesperada é moito máis moldeable.

—A cuestión é que tampouco protestamos.

Porque estamos normalizando unhas cousas fronte a outras. É marabilloso que se invistan dous millóns no tratamento para que unha soa persoa se salve; pero eu antes tiña cita no mesmo día que chamaba; agora danme cita para dentro de tres semanas. Dentro de tres semanas, podo estar morta. Algo se está a facer mal; como sociedade, perdemos dereitos, protestamos poco. Igual o que lles interesa é que esteamos centrados en sobrevivir. Sobrevivir, unha palabra que xa apareceu varias veces nesta entrevista.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents