Os espías galegos conquistan o cinema e a literatura con historias no Marrocos actual e na ría de Vigo na I Guerra Mundial
Ademais da película «Zeta», que foi número 1 en 31 países, dúas novelas inclúen personaxes que son axentes secretos ou mesmo desertores
«O pazo das marismas», de Alberte Blanco preséntanos unha axente entre Vigo e Cobres no 1917 e «Alguén ao lado» a Marrocos e a unha suposta axencia galega de intelixencia

Os actores Luis Zahera e Mario Casas dan vida a dous axentes especiais galegos que traballan para o CNI en "Zeta", a película do lucense Dani de la Torre. / Helena Barreto

Bond, Bourne, Mata Hari, a Amelia de «Dime quién soy», Larissa Swirski ou África de las Heras son espías da realidade e da ficción. Agora, comeza a revelarse unha nova xeira de axentes e espías pero con ADN galego no filme «Zeta» así como nos libros «O pazo das marismas» ou «Alguén ao lado».
«Zeta» é un dos últimos filmes españois convertidos nun éxito mundial na plataforma Amazon Prime Video. A mediados de marzo pasado logrou ser número un en 31 países. A particularidade que nos interesa dende o noroeste é que presenta unha historia de varios axentes secretos galegos ficticios envoltos en tramas foráneas; e que o director (Dani de la Torre) así como o protagonista (Mario Casas) e outros actores son galegos alén de gran parte do equipo técnico. Ademais, Galicia ten unha parte importante na metraxe como localización.
No filme, a responsable do Centro Nacional de Inteligencia español (CNI) colle un helicóptero dende Madrid para presentarse nunha aldea da Ribeira Sacra. Quere que o axente Zeta, Mario Casas, lle faga un traballo: atopar outro axente que está en perigo.

Dani de la Torre, co actor Mario Casas, en O Saviñao. / María Heras
Un James Bond galego?
Vemos o helicóptero aterrar nunha leira. Se a nós nos impresiona esa imaxe e ver a aeronave entre os canóns do Sil, máis lles impactou aos veciños do Saviñao cando o viron en vivo e directo.
Dani de la Torre sinalara a FARO no lanzamento da película que el quería un James Bond galego e rodar unha de espías en Galicia. Logrouno. O paso seguinte será convertilo nunha saga de varias entregas.
Porén, no filme vemos diferentes tipos de axentes de intelixencia. Por unha parte, atopamos aquelas traballadoras e traballadores do Estado que mandan e coordinan desde os despachos.
Por outra, os axentes secretos aos que lles encargan operacións pero tamén os particulares que aceptan ser topos e pasar información.
En «Zeta», os espías e axentes secretos son tanto homes como mulleres. Estas tamén son as protagonistas dunha das últimas novelas editadas por Xerais.

Salinas de Ulló, en Vilaboa, un dos escenarios da novela "O pazo das marismas". / Rafa Vázquez
Unha espía na Ría no 1917
«O pazo das marismas» é unha das novelas que quedou finalista aos Premios Xerais de Narrativa o pasado ano. Asínaa Alberte Blanco Casal e sitúanos na Primeira Guerra Mundial e na Ría de Vigo.
A súa protagonista, unha personaxe ficticia, é Alicia, unha muller dunha familia de clase alta que se move entre Vigo e Vilaboa e que viaxou por Europa. O seu namorado é un militar alemán.
A irmá de Alicia está casada co cacique da zona e aparece asasinada. No arranque do libro, co recordo a Agatha Christie, buscarán saber quen foi ao tempo que se vai intuíndo unha realidade de axentes dobres que colaboran para os alemáns e para os aliados.
«Un tataravó meu, que viviu durante a I Guerra Mundial, estivo implicado nunha operación de fuga duns mariñeiros alemáns que estaban en corentena na Ría de Vigo. Pareceume que era un contexto acaído para unha novela», relata Blanco Casal.
Naquela altura, anos 1917-1918, España era un estado neutral co goberno liberal de Romanones. A historia real conta que «once mercantes foron fondeados na Ría dos que seis eran do Imperio alemán e cinco austro-húngaros. Tanto os cableiros ingleses como alemáns tiñan a súa base en Vigo. Cando estalou a guerra, desconectan o cable alemán e queda só o inglés. Iso desemboca nunha guerra secreta entre os servizos de intelixencia de ambos bandos. Ese é o contexto no que se desenvolve a trama. Algúns personaxes son reais e outros, ficticios», engade o escritor.

O escritor de "O pazo das marismas", Alberte Blanco. / A.B.
Para documentarse, Alberte Blanco procurou información sobre a guerra submarina no Atlántico naquela altura.
«No libro, detalla, aparece o vicecónsul alemán en Vigo, que era o responsable do servizo de intelixencia alemán. O mesmo acontece co responsable do Cable Inglés na cidade, situado no número 22 da rúa Velázquez Moreno e que era o responsable da organización da intelixencia naval inglesa».
Engade que «o que se conta na novela é unha ficción pero ten moitos visos de verosimilitude. O enfrontamento entre os servizos secretos alemáns e ingleses foi moi forte en Vigo e na comarca. Despois, temos ao fidalgo-empresario , o dono do Pazo das Marismas. Ese pazo existe, é o Pazo Larache en Cobres, Vilaboa. Inspireime nos antigos propietarios para montar a trama».
Ao longo das páxinas non só nos situamos nese edificio senón tamén nas marismas do fondo da ría, nas salinas de Ulló ou no Vigo daqueles anos, en especial no Hotel Continental ou no Café Colón, entre outros lugares.
Os servizos secretos galegos?
Máis contemporánea é a novela «Alguén ao lado» (Xerais) de Xabier Quiroga. Non se trata esta dunha novela de espías, pero un dos seus protagonistas si é un axente dun ficticio servizo de intelixencia galega que denominan Pepsi.
Neste caso, trátase de dous rapaces (Iak e Luis) e unha rapaza (Mar) que de novos se fan amigos. Co paso dos anos, crébase a relación ata que Luis, aspirante a escritor, recibe un mail dalguén descoñecido que o convida a ir a Marrocos.

O escritor de "Alguén ao lado", Xabier Quiroga, en Marrocos, onde vive dende hai cinco anos. / X.Q.
Alí, deberá confiar no destino e nalguén enigmático que o levará a unha terceira persoa. Explica Quiroga que ese personaxe vencéllase «ás cloacas do estado (...) A Pepsi, aínda sendo ficción, non deixa de amosar o perigoso que é dotar de excesivo poder e liberdade a quen manda».
Agrega que no caso do Iak, «estamos ante unha especie de axente desertor, o que o converte nun perigo, e moito máis tratándose de alguén que ocupaba un posto de relevo. O feito de que estivese integrado na Xunta responde á implicación que a novela ten co noso país».
En canto ao tema dos servizos de intelixencia no cinema e na literatura galegos, reflexiona que «son necesarias máis novelas de denuncia, máis ficción con argumentos atractivos para quen le e pensa. Porque ao final diso se trata; de contribuír a crear un lector crítico que sexa capaz de ver máis aló do que, dun xeito interesado, se vende en moitos medios». Porén aclara que «Alguén ao lado» non se pode considerar unha novela política. «Simplemente intenta suxerir o escándalo que podería supoñer a descuberta de tal trama organizada desde o poder», matiza Quiroga.
Aclara que se trata dunha novela xeracional «á vez que sentimental». «A temática levaba anos burbullando na miña mente e tardaba en saír a flote».
Alén do axente desertor, a masculinidade homófoba e o machismo cruzan as páxinas da novela. «Para dar conta dun problema ou dunha eiva social sostida debemos amosala e non intentar ocultala», sinala o escritor que vive en Marrocos dende hai cinco anos onde transcorre gran parte do libro.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Xunta lanza un plan para atajar el fraude en las bajas laborales en Galicia, que en total son 70.000 al día y suponen unas pérdidas de 2.200 millones de euros
- La jueza archiva la causa de la botella de agua que quemó a un cliente en un restaurante de Vigo
- La gallega Mobify prepara su desembarco en Vigo: una flota de cien vehículos, modelo 'carsharing' y precios desde 0,29/km
- Dejar un trabajo fijo para dedicarse a la docencia: «Me arrepiento de no haberlo hecho antes»
- La Xunta ampliará el alcance de la ayuda anual de 5.000 euros del Bono Coidado para dependientes a otras 10.000 familias
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- Un accidente múltiple en la AP-9 en Vigo deja seis heridos, uno de ellos grave
- Roberto Verino se abre a un socio industrial a través de la venta de casi el 40% del capital para asegurar el relevo generacional