Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

In memoriam

Era mentira que aquí non había nada para nós. Tivémonos

En lembranza de Ángel Barros

Ángel Barros traballando nun cadro.

Ángel Barros traballando nun cadro. / JOSE LORES

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

Fragmento. «El nárrame a fame e a represión, eu nárrolle o frío e a censura, e somos quen de recoñecernos aí. El bosquexa a un cativo botando flores da Alameda de Redondela á boca para enganar ao estómago e eu píntolle a unha muller nova comprobando que láminas de cartón deteñan a humidade que cala o corpo baixo teito gris de bloques, e somos quen de sosternos aí. E tanto terán as veces que nos repitan iso de que ‘aquí non hai nada para ti’, que capa a capa, ti en acrílico, eu en óleo, nada máis que entendemos de supervivencia, de rabuñar e rabuñar a estrutura dun sistema que asfixia, e somos quen de procurarnos neses sotos nos que non se albiscan nin as migallas polas que rabian os do medio».

Moi a miúdo sentía que teciamos unha amizade a través dun xogo de espellos co que, malia ter medrado en contextos tan dispares, malia unhas infancias tan afastadas, acertabamos a reflectirnos dende a clase, dende os principios, dende o amor pola natureza, dende a paixón pola arte. Hoxe véxome dicindo adeus a un referente no profesional e no persoal, a un mestre cunha historia fascinante, pero descoñezo como se despide a un amigo, se acaso iso é posible.

Exemplo de absoluta xenerosidade. Debera escribir, se cadra, a través do propio e lembrar o día no que agardabas na túa casa-museo cun enorme sorriso porque, logo da reportaxe, non deixaban de chamarte as amizades e estabas tan feliz... Prepararas con agarimo unha caixiña de zapatos chea de óleos, ademais dun enorme cabalete que case o acabas metendo ti no coche porque eu non o podía aceptar, que era o meu traballo nada máis, como se non fora agasallo dabondo o relato e o tempo compartido, mais sabías que seguía empregando o de cativa e non houbo maneira de deixalo en Reboreda.

Exemplo de absoluta humanidade. Debera escribir, se cadra, a través das lembranzas doutras persoas próximas e escollo unha de Xurxo na que, preparando unha exposición,teimaches en ofrecerlle un xiz para que escribira sobre unha reprodución túa dos fusilamentos, de Goya, o que estabas a piques de ditarlle. Loxicamente, negouse a tal historia e a prexudicar un lenzo teu. Sen dubidalo un intre, sobre o pobo a piques de ser exterminado, rubricaches: «Palestina libre!».

Exemplo de absoluta resistencia. Debera escribir, se cadra, as lúcidas palabras coas que acompañabas algúns dos teus lenzos: «Isto vai dedicado a todas aquelas persoas que están traballando con contratos lixo e cun mísero soldo. Nunca te poñas de xeonllos ante nada nin ninguén», «nunca deixes que os demais decidan por ti. Nunca te deixes levar, fai ti o teu camiño» ou «se non queres que haxa amo, négate a ser criado».

Exemplo de absoluta dignidade. Sigo aquí escribindo, como querías, como prometín, non sobre as túas abraiantes viaxes, senón sobre un réxime ditatorial que intentou esmagar a unha familia que resistiu grazas ao maior exemplo que tiveches na vida, o da túa «naiciña». Vives e vivirás sempre comigo aí, Ángel, arroupados por esa luminosidade túa na cadeira de mimbre, a nosa trincheira de dor e risadas, e nas páxinas dun libro. Nas páxinas dun libro tamén.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents