Aos 90 anos
Adeus a Ángel Barros, mestre redondelán que restaurou para o Louvre
O artista, que durante anos traballou como responsable da restauración de varias das obras do patrimonio nacional de Francia, finou este mércores aos 90 anos de idade
En 2023 formalizou a doazón ao Concello de Redondela de case 150 dos seus cadros valorados en máis de 300.000 euros, co desexo de que a arte fose máis accesible para a cidadanía no futuro museo da localidade

Ángel Barros posando con algunas de sus cuadros y réplicas de grandes obras del arte universal / José Lores

Cun pincel na man e divulgando a súa paixón pola arte entre os máis pequenos até os últimos días. O mundo da arte en Galicia é moito máis gris dende hoxe, pois vén de perder ao mestre redondelán Ángel Barros, quen durante anos traballou como responsable de varias obras do patrimonio nacional de Francia, ademais de ocuparse da restauración da táboa da «Virgen de la Sapiencia», en Valencia. O artista, cuxa infancia e mocidade estiveron atravesadas pola represión franquista, finou este mércores aos 90 anos de idade logo dunha prolífica traxectoria que deu comezo de maneira totalmente autodidacta cando de cativo comezou a debuxar cos tizóns da lareira e con pequenos paus sobre a terra que cubría a Alameda de Redondela.
Exemplo de dignidade, sensibilidade, humildade e compromiso, Ángel Barros quixo celebrar o seu 90 aniversario o pasado mes de outubro en Redondela cunha nova mostra que titulou «A luz da arte en tempos de xenocidio», ofrecendo así unha mirada crítica sobre o presente marcado polo xenocidio en Palestina, ademais das guerras e as súas consecuencias. Cun pensamento crítico respecto á política internacional, o réxime franquista e outros máis actuais que vulneraban os dereitos humanos, unha das grandes crenzas que sempre mantivo presente o mestre restaurador foi a do poder transformador da arte, de aí que un dos grandes desexos que a miúdo manifestaba fose o de fomentar a curiosidade artística entre as crianzas e favorecer a accesibilidade á arte e á cultura entre toda a cidadanía.
Na liña destes principios, o artista formalizou en 2023 unha doazón ao Concello de Redondela de case 150 dos seus cadros valoradas en máis de 300.00 euros, unha acción coa finalidade de que a colección e a súa conservación puidera pasar a formar parte do museo proxectado nas antigas casas dos mestres de Redondela.
Testemuña histórica
Nado en 1935 en Redondela, apenas chegaba ao ano de vida e o seu pai xa falecera nun bombardeo namentres axudaba a cidadáns españois a fuxir dos franquistas por un corredor humanitario cara Francia e o seu irmán maior, Manolo Barros, histórico militante comunista, xa fora detido e encarcerado. A represión do réxime ditatorial de Franco marcou á súa familia de tal maneira que, sendo un rapaz, a Ángel Barros lle foi denegada unha beca para estudar na Escola de Artes e Oficios de Vigo, ademais do intento de querer retirarlle o premio dun certame de debuxo convocado pola Fronte de Xuventudes por unha réplica a carbón que elaborara recreando «O último día de Numancia», de Alejo Vera, e que previamente fora declarada gañadora.
Logo de traballar na fábrica de Regojo sendo un neno, con pouco máis de 20 anos partiu cara Brasil, onde conseguiu traballo na emblemática Fábrica de Tecidos Bangu, factoría que chegara a transformarse nos anos 50 na grande exportadora de deseños de alta costura a nivel internacional. De regreso a España tras o golpe de Estado militar en Brasil, pasou unha breve tempada en Redondela e logo dirixiuse a Suíza, onde colaborou activamente cun colectivo antifranquista para, posteriormente, recalar en Berlín e seguir todo un periplo europeo pasando por Hamburgo, Praga e Copenhague, onde traballou nunha fundición retocando moldes de esculturas.
A arte é unha escola continua
Na súa trintena, Ángel Barros fixo a súa entrada en París co obxectivo de poder dedicarse á restauración de obras pictóricas, un soño que finalmente conseguiría no obradoiro de Jean-Paul Ledeur. Dende o dito taller, a carreira do redondelán iniciou o seu despegue e polas súas mans pasaron pezas orixinais de Fra Angélico, Miguel Ángel, Caravaggio, Vermeer, Delacroix, Velázquez, Manet ou Picasso, entre outros. Neste contexto foi que Ángel Barros traballou como responsable da restauración de varias das obras do patrimonio nacional de Francia, sendo testemuña directa tamén das revoltas de Maio do 68.
Nunha entrevista en FARO, no ano 2022, Ángel Barros explicaba sobre a súa etapa en París que «cando se facían exposicións do século XV ou XVII, iamos buscar as obras aos fondos do Louvre para logo restauralas, facendo un traballo serio e con tempo. A restauración é observación. Eu nunca me considerei un artista; a arte é unha escola continua. Dos particulares, lembro que cando tiven un Picasso entre as mans me puxen a tremer, porque non sabía por onde comezar e eu tiña moito respecto polas obras».
Cun importante aval profesional, a finais dos anos 70, o artista regresou a España e instalouse en Valencia, onde efectuou importantes intervencións como a restauración da táboa da «Virgen de la Sapiencia». Non foi até o ano 2003 que Ángel Barros retornou definitivamente a Redondela para instalarse na parroquia de Reboreda, onde continuou pintando até o final na súa casa-taller, a cal constitúe un museo digno de contemplar con réplicas dos grandes clásicos da pintura.
Nos últimos anos, alumnado dos centros escolares galegos tiveron a oportunidade de visitalo para coñecer máis sobre a súa traxectoria e a súa obra, destacando moi especialmente o interese amosado por parte do CEIP de Reboreda que, no marco dun proxecto sobre a historia da arte, estudaron sobre a súa figura e dedicaron unha sala a expoñer retratos de Barros que o alumnado elaborara con xiz e carbón, os mesmos materiais cos que el debuxaba de neno sen saber que, malia tantísimas trabas, acabaría convertido nun gran mestre restaurador.
Suscríbete para seguir leyendo
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Las familias se rebelan contra los profesores: llegan a Inspección por sanciones a los alumnos en Vigo
- Extranjeras de Vigo, tras solicitar su regularización: «Estamos emocionadas, es la oportunidad que estábamos esperando»
- O que nos deixou Samba, o noso veciño
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- El pesquero de Cangas "Eirado do Costal", primero de la flota gallega en incorporar el modelo de un bote salvavidas cerrado e insumergible para soportar las gélidas aguas de Terranova
- Identificado el conductor del atropello mortal en Pontevedra, al que investigan por un homicidio imprudente
- Muere el policía nacional Nazario Luis Rodríguez Costa, destinado en Salvaterra y antes en la comisaría de Vigo