Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O libro «no publicable» de Xesús Alonso Montero

Case 60 anos despois de que a censura franquista prohibise a publicación de «Trinta anos de poesía crítica, 1936-1966», antoloxía poética e de contido social compilada por Xesús Alonso Montero en 1967, Galaxia recupera esta obra con edición de Ramón Nicolás Rodríguez. É a primeira do intelectual a título póstumo

Xesús Alonso Montero, en outubro de 2025, nunha homenaxe que lle dedicou o IES Álvaro Cunqueiro, en Vigo.

Xesús Alonso Montero, en outubro de 2025, nunha homenaxe que lle dedicou o IES Álvaro Cunqueiro, en Vigo. / Alba Villar

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«El que suscribe Director Gerente de la Empresa Gráficas Tanco de Imprenta de esta ciudad de Orense, expone: Que habiendo sido encargada por D. Jesús Alonso Montero, la edición de un libro de antología de poesía gallega. Solicita la autorización mediante censura previa voluntaria de la publicación de tal libro, a cuyos efectos ha enviado a esta Dirección General, dos ejemplares mecanografiados del mismo. La edición constará de 1.000 ejemplares en tamaño cuarto, y con el número de páginas que resulten de la composición tipográfica del original». O expediente emitido pola «Dirección General de Información» do Ministerio de Información e Turismo continuaba: «En contestación a su consultade fecha 23-9-67 se le comunica que no es aconsejable la edición de la obra titulada ‘Treinta años de poesía crítica 1936-1966’-Jesús Alonso Montero. Dios guarde a Vd. muchos años. Madrid, 29 de septiembre de 1967».

A censura franquista paralizaba e vetaba así hai case 60 anos unha publicación na que o intelectual, ensaísta e filólogo Xesús Alonso Montero elaborara unha escolma de voces poéticas dende finais do século XIX ata o segundo terzo da década de 1960, cuxas composicións tiñan un fondo carácter social, crítico e reivindicativo, ademais de relevante interese histórico e cultural, posto que moitos dos versos seleccionados polo estudoso eran inéditos.

Recibida a resolución de «no publicable», ditada polo forte aparato normativo e burocrático artellado polo réxime franquista, cuxo principal obxectivo era exercer un férreo control sobre todas as manifestacións culturais e de prensa no país, Xesús Alonso Montero optou por esquecer aquela antoloxía. Non foi até a pandemia, alentado polo seu amigo e colaborador Ramón Nicolás Rodríguez, que o intelectual recuperou aquel proxecto que nos vindeiros días chegará a mans do público xeral a través dunha publicación de Galaxia e en edición de Ramón Nicolás, quen o pasado Nadal revisou as probas de impresión co propio Alonso Montero.

Incorpora moitos poemas inéditos que foron considerados impublicables

Ramón Nicolás Rodríguez

— Profesor

Finado o pasado mes de febreiro, a antoloxía poética e de contido social «Trinta anos de poesía crítica, 1936-1966», escrita e censurada en 1967, será a primeira obra do intelectual a título póstumo, un traballo ao que Ramón Nicolás Rodríguez lle atribúe «un importantísimo valor a nivel cultural e tamén histórico, xa que incorpora poemas coñecidos de diversos poetas, pero tamén inéditos, xa que moitos foron considerados impublicables na época».

Cuberta da antoloxía poética.

Cuberta da antoloxía poética. / Cedida

Figuras como a de Bernardino Graña, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Neira Vilas, Luís Seoane, Manuel María, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Arcadio López Casanova, entre outras, son algunhas ás que Xesús Alonso Montero dedicou o seu tempo para confeccionar a dita antoloxía que pon especial foco nas pezas líricas cun claro corte de compromiso cívico. A este respecto, Ramón Nicolás Rodríguez fai referencia ás dificultades da súa compilación, todo un traballo de «fondo» de Alonso Montero, e pon en valor que «bota man de moitos poemas que non viron a luz aquí, moitos son inéditos e outros si que se publicaron no exilio. Xesús bebeu desas fontes e fixo un traballo moi intenso na época, con todas as dificultades da censura, unha tarefa complexa para a que consultou moitos libros, revistas e solicitou a amizades textos que non estaban ao seu alcance, por iso é un traballo tan relevante. El fai un estudo previo das distintas épocas e xeracións literarias con obra publicada e escolle voces e poemas que resultaban molestos para o réxime, de aí que a censura sexa dura co libro. Por outra banda, penso que é moi interesante esta publicación porque permite abordar o papel da famosa oficina de censura previa voluntaria, todo un eufemismo, porque se os libros querían ter vida nas librarías, obrigatoriamente tiñan que pasar primeiro por aí».

Contido comprometido

A modo de exemplo sobre o contido que Alonso Montero compilou no seu momento, Ramón Nicolás Rodríguez fai alusión ao poema de Celso Emilio Ferreiro «Penso en Galicia», escrito en París: «Penso en Galicia e vexo un lume aceso/ nas pálpebras azús desta cidade./ Lonxana patria miña, probe e fecunda codia de tristeza./ Vexo a mañán pechada sobre bosques/ sulagados no mar./ Lonxana señardá,/ tépedo colo./ Escoito as voces/ misteriosas das Nais cantando ledas/ canciós que cheiran a mazás nas arcas./ Lonxana cotovía de saudade./ Digo Galicia e sinto un arrepío,/ unha esperanza ergueita,/ unha ferida/ que non estiña nunca./ Lonxano amor de sempre».

O tamén profesor do IES Castelao destaca da antoloxía poética que «é un libro moi interesante que ademais dos poemas tamén conta cunha introdución que el quixo facer para esta edición, o cal é un dos seus últimos traballos feitos e rematados en vida, xa que no Nadal tivemos ocasión de revisar as probas na súa casa. Dáme moita mágoa que non poida velo xa publicado e que non poida presentalo, pero esta antoloxía servirá para telo presente na memoria».

No limiar que Xesús Alonso Montero preparou a finais de novembro de 2024 para a edición revisada de «Trinta anos de poesía crítica, 1936-1966», o filólogo deixou constancia do seu desexo para que profesores de Literatura ou «outros letraferidos» puideran entender grazas ás súas achegas a política editorial habitual no franquismo e que, despois de case 60 anos da prohibición, a antoloxía poética fose de utilidade para arroxar luz sobre aquelas dinámicas censoras que continuaron coa denominada «Lei Fraga», que en teoría supoñía a fin formal da censura previa imposta en 1938 por Franco. Mais non tal.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents