Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Poesía

A poeta alófona comprometida co galego no franquismo que caeu no esquecemento: tras a estela de Matilde Lloria

A poeta e investigadora Tamara Andrés vén de rescatar na súa obra «Eu son de aquí e de alá» a figura de Matilde Lloria, unha pioneira que no século XX cultivou unha produción poética en valenciano, galego e castelán. Discursos, fotografías e até poemas son algúns dos materiais inéditos que garda FARO na súa hemeroteca sobre esta poeta alófona comprometida co galego e que caeu no esquecemento.

Josefina Bustamante e Matilde Lloria.

Josefina Bustamante e Matilde Lloria. / Enrique Touriño Marcén. Arquivo Dixital de Galicia.

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Vigo

«Poucos, quizais ninguén, se acorda/ dun solemne alciprés que cando ti naciches,/ alentaba sereo, perto do teu lintel./ Endexamais tremou. Cando azoutaba o vento,/ el, indomable, apandaba o acoso apesares/ dunha ferida que lle fixera un raio abríndolle/ un sulco doente na cintura. Abraiaba/ a súa maxestuosa imaxe e,bicado pola lixeira brisa,/ pasaron moitos anos polo bosque cheirante do seu corpo./ Crente nel mesmo, afianzábase para un longuísimo/ espellar de verde escuro pero... ¡ou ameaza insospeitada!/ ¡ou escondida perigosidade! Infindos/ anaquiños da ramaxe voaban ó tellado abafando a canle por onde a/ chuvia precisaba saír ó exterior/ e deron orde terminante para mata-lo Rei. Unha mañá de Maio/ viñeron dous sinistros homes con gumes e cordas aldraxantes./ Atáronlle por onde máis dano lle podían facer,/ e comenzaron a tarefa, nada sinxela, de derrubar o rexo/ xigante vexetal. Despois de opor pulo e dignidade,/ o alciprés caeu, valentemente, ó longo do xardín. Denantes,/ arrepieime ollando a desigual e malfadada loita./ Abaloume a tristura; abrumome o pranto pero... non chorei./ Traballo me costou afoga-la urxencia/ das bágoas dispostas a xurrar pero... eu tiña que ser forte/ resistir a fereza do combate,/ abrangue-lo medo, latexar con esforzo punxente ata finar/ a crudelísima batalla... Logo, cando todo calou/ arredor do feito lacerante, achegueime dorida/ ó recén sendeiro, prometéndolle,...».

Escribía así en galego Matilde González Palau, en concreto, nun texto titulado «Crime» e que xenerosamente cedeu a poeta e investigadora Tamara Andrés para traer até o presente a produción poética dunha muller que, logo do último verso, sempre asinaba: Matilde Lloria. Foi este nome o que a Tamara Andrés se lle apareceu nun artigo de Xesús Alonso Montero cando preparaba a súa tese de doutoramento, un nome descoñecido, do que nunca lle falaran, que se confundía nas fotografías con outras mulleres que non correspondían e que anotou sen máis para finalmente constituír o celme da súa novela «Eu son de aquí e de alá», coa que recupera a figura dunha pioneira que na metade do século XX cultivou a poesía en valenciano, en castelán e en galego.

Precisamente, o compromiso amosado na súa escrita en pleno franquismo con idiomas perseguidos é unha determinación que a converte nun caso excepcional entre as escritoras e poetas da época e, malia ser tamén a primeira muller en gañar o Premio Valencia de Poesía, primeiro en castelán e logo en catalán, semella unha gran descoñecida das letras, tanto en Galicia, onde foi nomeada Filla Adoptiva de Ourense, como fóra da comunidade, de aí a importante aposta de Tamara Andrés por rescatala.

«Por favor, hable gallego, que quiero aprender»

A investigadora conta que «Matilde Lloria naceu en Albacete e na primeira etapa da súa vida vive en Valencia. A súa vida estivo atravesada polo franquismo, especialmente pola actividade republicana do seu marido, Federico Lloria, de quen tomou o apelido e o motivo de que ela chegue a afincarse en Galicia a partir de 1942». Así, a tamén directora da colección de poesía Dombate, de Galaxia, sinala que «Federico e Roberto Lloria eran dous médicos republicanos e primeiro prenden e encarceran a Roberto no Cumial e, na mesma época, Federico tamén é encarcerado. Logo de varios anos en prisión, prohíbenlle exercer a profesión, polo que sabendo que o seu irmán está en Ourense acaba trasladándose, primeiro el e logo xa Matilde Lloria e a súa filla, Ana».

Antes de instalarse na cidade de Ourense, Tamara Andrés indica que o matrimonio vive nos primeiros anos en Galicia na Merca e no Cumial, «onde Federico exerce a profesión. En moitos documentos, fálase del como o ‘médico dos pobres’, xa que atendía a todas as persoas destes lugares a cambio de nada e é así como Matilde entra en contacto co galego, coa xente do rural. Ela mesma conta que as persoas coas que trataban intentaban mudar a lingua, pero ela di: ‘No, por favor, usted hable gallego que quiero aprender’».

Referencia en FARO, en 1955, sobre unha intervención de Matilde Lloria e a súa fotografía.

Referencia en FARO, en 1955, sobre unha intervención de Matilde Lloria e a súa fotografía. / Arquivo FDV

A nivel cultural, a investigadora comenta que a primeira figura que se achega a ela é Ramón Otero Pedrayo, «quen acode á súa casa cun exemplar de ‘Follas Novas’ para entregarllo, penso que como invitación, porque sabía que ela escribía, e tamén para amosarlle o canon en Galicia, especialmente o canon para as mulleres». Mais Otero Pedrayo non foi o único intelectual quen a arroupou no seu exilio nacional, senón que «Vicente Risco foi a persoa a través da que ela afondou na aprendizaxe do galego, de feito, el prestouse a ser o seu profesor de galego. Logo tamén participaría con eles nunha especie de cenáculo literario que se xeraría arredor do chalé dos Lloria, cando se trasladaron á cidade».

Vicente Risco foi a persoa a través da que ela afondou na aprendizaxe do galego

Respecto á obra de Matilde Lloria, Tamara Andrés pon o foco na súa versatilidade en función do idioma no que escribe: «Penso nela como nunha poeta camaleónica, que se vai mimetizando coa contorna na que está. Cando a les en valenciano ves claramente a paisaxe e a luz, tamén hai algo do activismo republicano; mais en Galicia segue o ronsel da Rosalía máis tradicional, ten moito da paisaxe tradicional poética galega», di.

Especial atención en FARO

Se ben é certo que Tamara Andrés tivo a oportunidade de acceder a un arquivo persoal elaborado pola mesma Matilde Lloria no que compilaba recortes de prensa nos que os cronistas da época a mencionaban, a investigadora sinala que a cabeceira de FARO DE VIGO apenas está presente, porén, a hemeroteca dixital do decano da prensa española cuspe un bo lote de páxinas en canto se introduce o seu nome dende finais da década dos 40 en diante. Discursos, fotografías, referencias sobre as súas intervencións ou participación en xurados de certames literarios, así como a nova da marcha do matrimonio de Ourense de regreso a Valencia e incluso poemas inéditos, son algúns dos materiais que conserva o arquivo do xornal sobre esta pioneira e que permiten afondar máis sobre a súa traxectoria e impacto na sociedade e na cultura galega.

«Poesía y feminidad» é o título que leva a publicación máis antiga sobre Matilde Lloria no diario decano. Datado a finais de outubro de 1949 e acompañado dun pequeno retrato da autora, o texto introdúcese en castelán como a continuación: «Hemos conseguido el texto íntegro, para su inserción exclusiva en FARO DE VIGO, de la conferencia que pronunció en Orense la exquisita poetisa Matilde G. de Lloria que tantos elogios de la crítica está logrando con su extraordinario libro ‘Camino del cántico’, de la más pura emoción».

Retrato y poema de Matilde Lloria publicado en FARO en 1966.

Retrato y poema de Matilde Lloria publicado en FARO en 1966. / Arquivo FDV

Tal e como se constata, a actividade da poeta era de interese para os cronistas galegos da metade do século XX e o parágrafo inicial do discurso reproducido en FARO dá testemuño do aguerrido pensamento da autora sobre a condición de ser muller e poeta: «Toda la poesía humana es oriunda de lo femenino. Y todo lo femenino en la medida de su profundidad, está hecho de los estambres de la poesía, pero poesía en el más amplio sentido. Poesía de la ternura, de la compasión, de la maternidad, del amor, de la creencia. Resonamos a la poesía como las arpas a los dedos del viento. Al afirmar que toda poesía es humana es nativamente femenina, y que todo lo femenino del mundo, por su abnegado misterio, por su potencia para la acción, por su ternura, su fe y lacompasión, es de raigambre femenino, no aludo a los sexos, sino a los dos principios que forman el espíritu. El varón, cuando escribe poesía, lo hace desde el flanco de su costado femenino; y todo lo que de poético tiene un arte, ha sido femenino de raíz».

Outra peza de importante valor que garda a hemeroteca do diario decano, ademais das diversas fotografías e retratos dela, é sen dúbida un poema publicado en xullo de 1966 que directamente abría a páxina do xornal: «Galiza, nai da que renazo». Nestes versos, Matilde Lloria fai unha loanza á terra na que puido refacer a súa vida e da que bebeu o idioma para logo contribuír á súa resistencia coa súa escrita, tal e como ela plasmou, sendo unha «semente que xermola no teu sulco».

Moi interesante tamén resulta a crítica sobre un dos seus padriños en Galicia e que asina en outubro de 1966 co título «Orense en páginas de libro»: «Don Ramón, que por algo se apellida Otero, y por algo desde su incesante otear nos enseña a mirar, detenida y amorosamente, ha querido llevarnos por todos los caminos y todos los acentos, por el pálpito del anhelo que sueña cielo para su vuelo y tierra para su raíz. Ha querido repartir en el sentido más altruista y noble, lo que es radicalmente suyo: el conocimiento profundo sobre todas y cada una de las cosas bellas, misteriosas, vivas, dormidas o despiertas de su ciudad natal. A la luz de ese conocimiento, Otero Pedrayo nos ofrece en un libro titulado ‘Orense’ el latido fiel, origen y esencia de la vieja Auria».

Tan só tres anos máis tarde, en 1969, FARO DE VIGO daba conta da «cariñosa despedida» que a sociedade ourensá outorgou ao matrimonio Lloria, quen partían cara Valencia definitivamente. Preto dun centenar de persoas vencelladas ao mundo da medicina e das letras participaron nun encontro que pechou o adeus con queimada e con todos os presentes en pé entoando o himno galego.

A súa condición de desprazada xogou na súa contra; ademais, as poetas da época case sempre publicaban en lugares marxinais

Tamara Andrés

— Poeta e investigadora

A poeta e investigadora Tamara Andrés.

A poeta e investigadora Tamara Andrés. / Paula Andrés.

Á hora de analizar os diversos motivos polos que Matilde Lloria semella ficar no esquecemento, tanto en Galicia como fóra da comunidade, Tamara Andrés considera que, ademais das represalias por parte do réxime franquista contra o seu marido, o feito de que vivira entre Galicia e Valencia tivo moito peso, de aí que a investigadora afirme que «todo ten que ver, pero moverse entre varios lugares intensificou que non se coñecese tanto. Penso que a súa condición de desprazada xogou na súa contra, porque eu atopei voces en Valencia que me dicían que en Galicia era moi coñecida, e ao revés, voces en Galicia que me indicaban que era máis coñecida fóra».

Así mesmo, para Tamara Andrés é inevitable facer alusión a outra condición que non adoita ser unha catapulta para figurar nos libros de historia, neste caso na historia da literatura galega ou española: a de muller e muller poeta. Neste senso, a investigadora apunta que «xa no caso de calquera escritora era habitual, pero cando falamos de poesía, que é un xénero marxinal, pois aínda máis, porque as poetas da súa época publicaban case sempre en lugares marxinais. No caso de Matilde Lloria, se os seus poemarios en galego eran publicados a través da Deputación de Ourense, ou os escritos en valenciano na Deputación de Valencia, pois son libros que apenas teñen difusión. Entendo que xa no seu momento eran difíciles de ler, polo acceso, pero é que hoxe máis, e ese difícil acceso á súa obra penso que contribuíu a que o seu nome non se trasladase á historia da literatura, tanto galega como española», concluíu a autora de «Eu son de aquí e de alá».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents